Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de febreiro de 2002 pola que se declara de interese galego a Fundación Vigo en Deporte e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Con data do 18 de xaneiro de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 27 de decembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Vigo en Deporte, adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 19 de novembro de 2001, ante o notario Ramón Mucientes Silva, co número 443 do seu protocolo por Lois Pérez Castrillo que intervén por si, e en representación do Concello de Vigo; Manuel Fernández de Sousa Faro que intervén por si, e en nome e representación de Pescanova, S.A.; Julio Fernández Gayoso que intervén por si, e en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense y Pontevedra; Javier Riera Nieves, que intervén por si, e en nome e representación da sociedade Peugeot Citroën Automóviles España, S.A.; e Santiago Domínguez Olveira, que intervén por si, no exercicio do seu cargo de concelleiro delegado de Deportes do Concello de Vigo.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto o fomento e promoción do deporte a través do apoio, difusión e axuda ás entidades deportivas de alto nivel da cidade de Vigo e a consolidación dos grandes eventos deportivos que xera a cidade de Vigo, como medio de promoción e difusión da cultura deportiva, posibilitando un maior achegamento a tódolos cidadáns e do resto da sociedade en xeral.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Vigo en Deporte ó cumpriren os seus estatutos as pres

cricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Vigo en Deporte no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública