Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.532

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Larouco, nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense), promovido pola empresa Iberdrola Diversificación, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 4 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico de Larouco nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense), promovido por Iberdrola Diversificación, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto parque eólico de Larouco. Novembro de 2000.

-Estudio de impacto ambiental do parque eólico de Larouco. Documento nº 1. Novembro 2000.

-Estudio de impacto ambiental del parque eólico de Larouco. Documento nº 2. Anexos noviembre 2000.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 41,65 MW de potencia total, nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense), constituído por 49 aeroxeradores modelo G 52 de 850 kW de potencia unitaria, dispostos ó longo dunha única aliñación na serra de Larouco, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

608.0004.641.000

609.0004.640.000

613.5004.645.500

612.5004.646.000

Tendo en conta o exposto no punto 7 desta DIA, dado que a posición dos aeroxeradores nº 38, 39 e 40, a súa vía de acceso e o trazado da gabia do cableado no seu contorno podería variar á vista dos resultados do estudio requirido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a localización e coordenadas definitivas destes aeroxeradores, así como o seu acceso e o trazado da gabia de conducción do cableado, estableceranse unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida no punto 11.1 desta DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos de parque eólico de Larouco. Camiño de acceso. Planta xeral. Nº 682.186 e parque eólico de Larouco. Canalizacións eléctricas. Planta xeral. Nº 682.205, do estudio de impacto ambiental, agás para o indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 46 aeroxeradores con posicións definitivas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1608.0784.640.921

2608.1944.640.974

3608.3114.641.022

4608.4264.641.086

5608.5394.641.190

6608.6564.641.171

7608.7594.641.203

8608.8724.641.237

9608.9844.641.339

10609.1214.641.459

11609.2274.641.591

12609.3414.641.689

13609.4624.641.885

14609.5704.641.839

15609.6784.641.947

16609.7994.642.104

17609.8974.642.351

18609.9424.642.531

19609.9724.642.976

20610.0404.642.917

21610.1394.643.042

22610.2204.643.200

23610.2654.643.523

24610.3964.643.544

25610.5094.643.620

26610.6294.643.672

27610.7414.643.740

28610.8554.643.792

29610.9624.643.930

30611.0364.644.061

31611.1684.644.154

32611.3174.644.100

33611.4414.644.221

34611.5454.644.248

35611.6544.644.247

36611.7714.644.300

37611.8374.644.434

41612.3464.644.930

42612.4664.645.013

43612.5894.645.108

44612.7074.645.137

45612.7904.645.241

46612.9074.645.431

47613.0554.645.449

48613.1884.645.448

49613.2864.645.500

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior

establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, de acordo co plan de control dos niveis sonoros incluído como anexo nº 1 do estudio ambiental.

Sen embargo, da proposta de puntos de control poderán excluírse os correspondentes a Baltar, A Xironda, Gudín e Niñodaguia, dada a gran distancia á que se atopan do futuro parque eólico.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á saída das drenaxes, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas pluviais ós cursos naturais.

Realizarase un control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe proxectados (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas pluviais á rede natural de drenaxe, de acordo co plan de seguimento proposto no anexo nº 3 do estudio ambiental.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización da Confederación Hidrográfica del Norte, segundo se establece na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no R.D. 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización dos noiros de desmonte e terraplén resultantes da execución das vías, así como das plataformas de montaxe dos aeroxeradores, foxos e a zona da subestación, mediante a súa revexetación, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Para a localización das instalacións de obra e zona de almacenamento de materiais seleccionarase unha localización de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou zona hidromorfa (temporal ou permanente), reflectindo a localización prevista no plano requirido no punto 11.2 desta DIA.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un seguimento específico da súa calidade, de acordo co plan de control da calidade das augas proposto no anexo nº 3 do estudio ambiental.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións previstas, que se deberán axustar ó establecido no ámbito desta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos inicialmente proxectados. Procederase á súa sinalización e balizado previo, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, retirándose cando estas finalicen.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento e a ocupación de superficies non previstas.

Para calquera modificación que fose necesario introducir no proxecto, independentemente da súa causa, aplicarase o indicado no punto 13.4 desta declaración.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas ou lonas) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona.

A circulación de vehículos e maquinaria no parque restrinxirase as vías e zonas acondicionadas para o efecto.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se tralo recheo das gabias do cableado e dos ocos para a cimentación dos aeroxeradores existise aínda material sobrante das escavacións, será levado e depositado en localización autorizada por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo que se vai efectuar.

No caso de deterioración das vías preexistentes debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán,

en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción, lixo, entullos, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación do parque, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á xestión de tódolos residuos da obra. Neste senso, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Os aceites, graxas e outros residuos xerados nestas tarefas de mantemento deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado debidamente acreditado. Mentres non se produza a entrega ó xestor, estes contedores almacenaranse na zona destinada a instalacións de obra, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Na fase de funcionamento, os aceites dos transformadores eléctricos, graxas e calquera outro residuo que se poida xerar, deberá ser xestionado conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, os contedores de residuos almacenaranse no edificio de control.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, tendo en conta a presencia na área de implantación do proxecto de especies de gran valor ecolóxico e potencialmente vulnerables á presencia do parque eólico, como son as aves rapaces, levaranse a cabo o plan de vixilancia de avifauna e as medidas protectoras e correctoras propostas, tanto na fase de obras como na de funcionamento, de acordo co recollido no anexo nº 2 do estudio de impacto ambiental.

Así mesmo, dada a presencia de morcegos na zona, realizarase o seguimento proposto da posible incidencia do parque sobre as súas poboacións.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Cara a evitar posibles afeccións establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 70 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O devandito proxecto incorporará a sinalización e balizamento dos elementos do patrimonio cultural recollidos no estudio de impacto ambiental, de xeito que non poidan verse afectados polas obras de construcción do parque.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plano no que figure a localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto de control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

En relación coa afección sobre o elemento do patrimonio cultural GA3202280919 (igrexa dos Mouros), afectado polos aeroxeradores nº 38, 39 e 40, a vía e a gabia de conducción do cableado, no caso de que se manteñan as obras proxectadas na zona, deberán realizarse estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas) que permitan unha adecuada caracterización do dito elemento, sendo preciso o informe favorable sobre os resultados destes estudios para a realización das obras relativas ós anteditos aeroxeradores e as súas infraestructuras asociadas.

De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral

de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Respecto da liña de evacuación da enerxía xerada no parque, deberá contar cun estudio sobre o patrimonio cultural afectado, que será informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tons mate no acabamento dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, estarán soterradas, tal como se indica no estudio ambiental.

No que respecta ó edificio que alberga a sala de control e a subestación transformadora, o acabado exterior e os materiais empregados deberán se-los tradicionais da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peches se integren no contorno e non rompan coa harmonía da paisaxe existente.

Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico existentes na serra deberán ser respectados. Se isto implicase o desvío dalgunha infraestructura ou instalación, aplicarase o indicado no punto 13.4 desta DIA.

O desenvolvemento do plan de revexetación segundo avanza a obra deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores, deberanse instalar sinalizacións conforme a normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que indiquen a presencia dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados ou deteriorados pola execución das obras (marxes das vías, foxos, gabias do cableado, plataformas de montaxe, contorno do edificio de control e das obras de drenaxe, zonas de almacenamento de materiais...) deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona e favoreza a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo.

Para tal fin, desenvolverase o plan de restauración incluído como anexo nº 4 no estudio ambiental, tanto no referente á metodoloxía, especies, doses, etcétera, como no relativo ós coidados posteriores e seguimento da evolución da revexetación.

A capa edáfica ou horizonte vexetal do solo será retirada previamente á ocupación do terreo e almacenada e mantida nas condicións sinaladas no antedito plan de restauración.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

O desenvolvemento dos labores de restauración realizarase conforme avanza a obra e as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, tal como se indica no plan presentado, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Sen embargo, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.4 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Estudio arqueolóxico complementario (sondaxe arqueolóxica) que permita unha adecuada caracterización do elemento do patrimonio cultural GA3202280919 (igrexa dos Mouros), no contorno dos aeroxeradores nº 38, 39 e 40, tendo en conta o exposto no punto 7 desta DIA.

No caso de que, á vista dos resultados do devandito estudio, que será informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, fose necesario redistribuí-los anteditos aeroxeradores e as súas infraestructuras asociadas, a nova localización reflectirase no plano requirido no punto 11.2 desta DIA, indicando así mesmo as novas coordenadas UTM destes aeroxeradores.

11.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas no parque, incorporando os cambios que fosen necesarios, se é o caso, para dar cumprimento ó punto precedente.

No plano aparecerán diferenciadas as vías preexistentes das de nova construcción e aquel que hai que acondicionar (indicando lonxitude de cada tipo), tramos nos que se prevén sobrelargos (indicando largo total), acceso ó parque, límites da poligonal, elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela, localización prevista para as instalacións de obra e, se é o caso, zonas de almacenamento de materiais.

11.3. Resultados da campaña preoperacional de análise da calidade das augas, conforme o plan de control presentado. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

11.4. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.5. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

11.6. En relación coa liña de evacuación da enerxía, presentarase a seguinte documentación, que será informada, se é o caso, polos órganos competentes en función da materia:

11.6.1. Descrición xeral do proxecto, indicando localización, lonxitude da liña, tipo e número de apoios, incluíndo unha listaxe de coordenadas UTM, puntos de inicio e fin, obra civil que hai que desenvolver e duración prevista da obra. Xuntarase, como mínimo, dun plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista, numerando cada un dos apoios.

11.6.2. Estudio sobre o patrimonio cultural afectado.

11.6.3. Estudio dos posibles efectos do proxecto sobre a poboación, fauna, formacións vexetais, solo, auga e paisaxe, así como espacios naturais presentes, se é o caso, ó longo da traza.

11.6.4. Descrición das medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias que se adoptarán, con especial atención á avifauna e ós labores de restauración.

11.6.5. Programa de vixilancia ambiental, con especial atención ó seguimento da posible afección sobre as poboacións de aves.

En ningún caso poderán comeza-las obras de instalación da liña de evacuación antes de contar co informe favorable desta dirección xeral en relación

co punto 11.6, sen que isto interfira no desenvolvemento das restantes obras do parque.

Coa salvidade indicada no parágrafo anterior, unha vez avaliada a documentación solicitada nos puntos 11.1 a 11.5, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral as datas de replanteo e inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de avance respecto do total. No cronograma figurará a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, das analíticas para o control da calidade das augas e da incidencia das obras sobre a fauna, conforme os respectivos plans de vixilancia presentados polo promotor e de acordo co indicado nos puntos 3 e 6.1 desta DIA.

d) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, labores de restauración levadas a cabo, xestión dos residuos, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, acompañándoas dun plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, plataformas, gabias do cableado, subestación, etcétera.

12.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producirse, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, noiros e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma e irán acompañadas dun plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando tamén as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do control da calidade das aguas, do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o plan de vixilancia proposto polo promotor e de acordo co indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, vías, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora de toma, irán acompañándas dun plano de localización.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra, os contidos do informe descrito no punto anterior.

12.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se presentará de acordo co punto 11.4 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntarase reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten, como resultado do seguimento ambiental que hai que efectuar, en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a

esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta dirección xeral, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento noventa millóns setecentas oitenta e cinco mil cento dezaioto (190.785.118) pesetas. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orza

mento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.4 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

13.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que se cumpra este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico de Larouco. Novembro de 2000, promovido pola empresa Iberdrola Diversificación, S.A. consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 49 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará nos concellos de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia (Ourense).

Os aeroxeradores disporanse na zona norte da serra de Larouco, na zona de cume dos montes Penedo do Lobo, Penedas dos Arandos, Penedo do Bandeiro, Penamuller e Penachá, nunha única aliñación con

orientación SW-NE, no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

608.0004.641.000

609.0004.640.000

613.5004.645.500

612.5004.646.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

Número de aeroxeradores: 49

Modelo: G 52

Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW

Potencia total instalada: 41,65 MW

Altura das torres: 55 m

Diámetro do rotor: 52 m

Producción neta anual prevista: 108.061 MWh/año

Investimento previsto: 4.769.627.944 ptas.

A obra civil inclúe a adecuación do camiño de acceso ó parque (firme e drenaxes) e da devasa existente na serra, para a creación das vías de acceso e servicio ós aeroxeradores, cunha lonxitude total duns 10.000 m. O largo de rodadura das vías será de 3,5 m, contemplándose sobrelargos nos tramos de curva. Estarán dotados de foxos para a recollida e evacuación de pluviais. As plataformas de montaxe dos aeroxeradores terán unhas dimensións de 15 x 15 m. Contémplase a escavación duns 8.800 m de gabias de conducción do cableado de 0,95 m de largo máximo no caso de catro circuítos, cun percorrido paralelo as vías na meirande parte do seu trazado. A duración estimada da fase de obras é de nove (9) meses.

A evacuación da enerxía eléctrica producida polos aeroxeradores realizarase a través de liñas subterráneas, conectadas á subestación transformadora de tensión 132/20 kV, da que partirá un tendido aéreo de dobre circuíto a 132 kV que enlazará coa liña aérea a 132 kV Salas-Verín, propiedade de Unión Fenosa, para a posterior evacuación da electricidade á rede xeral de transporte. Nunha sala contigua á subestación construirase a sala de control do parque.

Medidas protectoras e correctoras

Sobre o ambiente atmosférico.

Contra o ruído.

-Os motores da maquinaria teranse en perfecta posta a punto, co fin de asegura-lo seu mantemento adecuado e reduci-los ruídos xerados polo tránsito.

-Limitarase a velocidade dos camións.

-Toda a maquinaria estará homologada e cumprirá a normativa sobre emisión de ruídos.

-A realización das obras levarase a cabo estrictamente en período diúrno.

-No caso de superar significativamente os 60 dB nas vivendas máis próximas, adoptaranse medidas adicionais de correccción, como a instalación tem

poral de pantallas acústicas portátiles nos lugares precisos.

-En todo caso aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica de Galicia.

-Revisión dos niveis sonoros dos aeroxeradores comprometidos polo fabricante.

-Correcto mantemento das instalacións.

-Control dos niveis de ruído en poboacións próximas.

Contra a emisión de po.

-Procederase á rega suficiente das distintas zonas, especialmente nos períodos máis secos.

-Nos períodos de vento con dirección ás vivendas máis próximas, adoptaranse as medidas necesarias para que os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos na lexislación vixente.

-Os amoreamentos de terras humedeceranse coa periodicidade suficiente, en función da humidade atmosférica, temperatura e velocidade do vento, de xeito que non se produza arrastre de partículas. En todo caso, se non fose suficiente, cubriranse os amoreamentos con mallas ou lonas que eviten a emisión de po.

Medidas contra os efectos das voaduras.

Colocación do explosivo ben continuado e atacado, limitación do cordón detonante e detonadores en superficie, diminución da carga operante, cubrición do cordón e detonadores cunha capa de terra ou area, realización de voaduras exclusivamente en período diúrno, indicación da actividade mediante sinais acústicos e colocación de dispositivos de protección, tipo mallas ou redes, que eviten a proxección de materiais na dirección de zonas sensibles.

Sobre o medio edáfico (solo).

-Antes do inicio das obras definiranse exactamente a localización de depósitos para as terras e lugares de almacenamento, para as instalacións auxiliares e o parque de maquinaria: zonas de mínima pendente, protexidas de risco de esvaramento, de asolagamento e de arrastres por efecto da chuvia e protexidas de paso da maquinaria.

-A capa edáfica separada durante as escavacións utilizarase posteriormente na recuperación das superfices afectadas. Para isto separarase e amorearanse nos lugares indicados, en moreas de altura non superior a 1,5 m e cunha duración do amoreamento o menor posible. No caso de que este período supere dous meses, engadirase mulch para manter un 6% de materia orgánica neste solo. Así mesmo, procederase a fertilización e plantación de especies pratenses con dose mínima de 50 kg/ha.

-En nigún caso esta terra vexetal poderá mesturarse con estériles procedentes da escavación ou con calquera outro tipo de residuos ou entullos e garan

tirase a súa deterioración por erosión hídrica ou compactación polo paso de maquinaria.

-Os materiais sobrantes das escavacións, excedentes de terra e outros residuos serán xestionados conforme a súa natureza. Segundo a normativa vixente estes serán entregados a xestor autorizado.

-As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria móbil realizaranse fóra da zona de obra, en instalacións adecuadas para tal fin.

-Levarase a cabo a correcta xestión dos aceites provenientes dos equipos e maquinaria, ó longo da fase de obras. Recolleranse en contedores axeitados e entregaranse a xestor autorizado.

-Realizarase un control topográfico preciso dos límites de escavación e depósito, axustándose ós sinalados no proxecto constructivo.

-Realizarase unha delimitación exacta das zonas de obra, quedando prohibido invadir terreos fóra dos delimitados segundo o proxecto.

-Os desmontes serán revexetados inmediatamente despois de remata-la súa execución, co fin de evitar arrastres erosivos e perdas de solo.

-Non se permitirá o paso de vehículos fóra das vías deseñadas para o efecto.

-As turbinas contan cun cubeto de recollida de aceites co fin de evitar unha posible perda e que este chegue ó solo.

Contra a erosión.

-Nos desmontes a pendente será axeitada para evita-la posibilidade de erosión de ladeiras e o movemento de masas, así como para evita-la perda de solo. Instalaranse mallas ou redes non casos necesarios para evitar escorregas.

-Evitarase, na medida do posible, que a actividade constructiva coincida con períodos de elevada pluviosidade.

-Levarase a cabo o acondicionamento e revexetación de noiros, terrapléns e superficies núas.

-En caso necesario utilizaranse medios físicos (mallas antierosión) para evitar calquera proceso importante deste tipo.

-Compénsanse, tal como aparece no proxecto e no estudio ambiental, os desmontes cos terrapléns.

-Realizarase un adecuado mantemento das obras de drenaxe tanto lonxitudinais coma transversais.

-Vixiarase a evolución da restauración efectuada na fase de construcción.

Sobre as augas.

-As vías están deseñadas no proxecto de forma que contan coas obras de drenaxe necesarias para non compromete-la rede de drenaxe natural e permiti-lo fluxo normal das augas.

-A achega das drenaxes transversais dos camiños á rede hidrolóxica farase gradualmente de xeito que

non se modifique o caudal habitual das regas, evitando erosión, deposición de sólidos ou asolagamento na traxectoria de incorporación ós cursos naturais. Para isto, na fase de obras, de ser necesario colocaranse mallas ou trampas de sedimentos que se teñen que limpar con asiduidade para evita-la obstrucción da rede de drenaxe e a incorporación de sedimentos ós cursos fluviais.

-Utilizarase exclusivamente o trazado das vías existentes.

-Non se pemitirá que as formigoneiras descarguen o sobrante de formigón nin limpen o contido das cubas nas zonas de obra non autorizadas.

-Evitaranse os periodos máis chuviosos.

-Levaranse a cabo os controis indicados no plan de control da calidade das augas.

-Efectuarase unha vixilancia periódica das obras de drenaxe das vías de acceso e foxos perimetrais.

Sobre a vexetación.

-Só se eliminará a vexetación que sexa imprescindible mediante técnicas de roza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.

-Aqueles exemplares arbóreos que necesariamente teñan que ser eliminados deberán ser marcados antes do inicio das obras polos responsables do PVA, non podéndose afectar a outros exemplares que non foran marcados. Sempre que sexa posible retiranse estas árbores para que poidan ser implantadas novamente en zonas anexas.

-De xeito xeral as rozas, cortas e rareos de superficies con vexetación non poderán levarse a cabo mediante incendios controlados, independentemente da calidade ecolóxica da vexetación presente.

-O tránsito de maquinaria realizarase exclusivamente polas áreas marcadas para o efecto.

-Unha vez finalizadas as obras de infraestructura e no posible coincidindo con elas, procederase á revexetación das superficies afectadas mediante a descompactación, remodelado e reposición da capa de solo previamente reservada e a posterior plantación de especies propias da zona, tal como se inclúe no plan de restauración elaborado para o efecto.

-Comprobarase a eficiencia, viabilidade e adecuación das sementeiras e plantacións realizadas.

Sobre a fauna.

Evitaranse, na medida do posible, as voaduras, ruídos intensos e vibracións en época de cría e reproducción das especies nidificantes na zona, elixindo as épocas estivais como máis adecuadas ou propicias para iso.

Sobre a paisaxe.

-As instalacións provisionais situaranse en zonas pouco visibles e a súa cor será pouco chamativa.

-Restauración do terreo e xestión dos residuos.

-Evitarase a dispersión de residuos polo contorno, principalmente de envases de plástico.

-O acabamento dos aeroxeradores é mate, o que permite unha maior integración cromática no contorno.

Sobre o patrimonio arqueolóxico.

Levaranse a cabo as medidas preventivas e correctoras establecidas no estudio realizado para o efecto por técnico arqueólogo competente.

Sobre o medio socioeconómico.

Propóñense medidas compensatorias co fin de favorece-la aceptación social da instalación, mediante a compensación dos usos cinexéticos preexistentes mediante acordos de colaboración coas asociacións e organismos implicados e a creación dun parque aberto promovendo visitas concertadas, elementos de información e explicación sobre a interacción entre a enerxía eólica e o medio natural.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental do parque eólico de Larouco, cos seguintes condicionantes:

1. Cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun raio de 70 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-O proxecto incorporará a sinalización e balizamento dos elementos do patrimonio cultural recollidos no ESIA, de xeito que non poidan verse afectados polas obras de construcción do parque.

-Como anexo ó citado proxecto deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. En relación coa afección sobre o elemento do patrimonio cultural GA3202280919 (igrexa dos Mouros), afectado polos aeroxeradores 38, 39 e 40, a vía e a gabia de conducción eléctrica, e no caso

de que se manteñan as obras proxectadas na zona, é preciso levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas) que permitan unha adecuada caracterización do dito elemento do patrimonio cultural.

-Mentres non se teña coñecemento dos resultados dos ditos estudios complementarios, non se poderán inicia-las obras dos aeroxeradores 38, 39 e 40, a vía e a gabia de conducción eléctrica.

4. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

5. A liña eléctrica de evacuación de enerxía terá que contar cun estudio sobre o patrimonio cultural afectado e deberá te-lo informe desta dirección xeral.

6. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

7. Tal e como se establece no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba financiaranse con cargo á execución do proxecto.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa o seguinte:

1. Un aspecto relevante para a análise e avaliación dos impactos, e que non se consideran no estudio, é o relativo ó trazado e afección da liña de evacuación da enerxía xerada. Debemos ter en conta que a consideración en dúas fases minimiza os posibles efectos sinérxicos negativos, negándose por conseguinte a información do estudio.

É importante a consideración daquelas accións desta liña de alta tensión que poidan desencadear impactos negativos importantes sobre os factores do medio. O principal problema destas liñas é a súa afección negativa sobre a avifauna, polo que no seu deseño se estima a idoneidade de presenta-los seguintes aspectos:

-Previsión de impactos negativos, así como as medidas correctoras, protectoras e/ou compensatorias que hai que adoptar.

-Seguimento destas poboacións unha vez efectuadas as actuacións, no correspondente plan de vixilancia.

2. Represéntase graficamente o sistema de drenaxe artificial, sen embargo non se desenvolven nin describen desde un punto de vista científico-técnico os correspondentes cálculos, que apoien e desen

volvan os criterios que o estudio de impacto ambiental lles impón.

3. As aves son a clase faunística que presenta un menor grao de homeostasia e resilencia a este tipo de instalacións, aspecto que non pasa desapercibido polos autores do estudio ambiental, presentando ó respecto un anexo complementario ó estudio ambiental, específico de aves.

O enfoque do plan vai presentar un nesgo importante como consecuencia de non incluí-los efectos sinérxicos que introduce a presencia na área dunha liña de alta tensión para a evacuación da enerxía xerada.

En relación ós limiares de alerta, deberanse acoutar cunha metodoloxía rigorosa, explícita, susceptible de comparación e cos criterios máis cuantitativos posibles, ademais dos cualitativos. Así mesmo, a determinación destes limiares debe servir para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

En esencia, o desenvolvemento do plan de vixilancia de aves debe determina-la variación dos censos con respecto ó tempo, para logo obter resultados e conclusións que determinen o impacto, así como as posibles medidas que hai que adoptar. Por outro lado tamén se deben estima-los índices que signifiquen a mortandade xerada por esta instalación, que serán froito de análise, valoración e adopción de medidas correctoras ou protectoras, segundo a evolución. Para a consecución destes obxectivos proporanse explicitamente as unidades de mostraxe empregadas, periodicidade, tempo previsto do plan, índices, factores de corrección de perdas na mostraxe e tratamentos estatísticos.

4. No caso de proceder á corta de árbores deberá considerarse que:

-Onde se pretenda efectuar cortas de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

-No suposto de afecta-la vexetación de ribeira, terase que solicitar a correspondente autorización ó Servicio Provincial de MAN tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

5. As medidas compensatorias, correctoras e protectoras deben quedar definidas a nivel executable, incluíndose nos correspondentes cronogramas de obras e programándose dentro do plan de obra, tendo en conta que a integración ambiental non é un tema menor subordinado á funcionalidade da obra, antes ben o medio é anterior á actuación e é esta a que debe subordinarse a aquel. Tamén se deben establece-los custos e as medidas de xestión correspondentes.

6. Non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida no ESIA, ou ben non sexa proposta na declaración de impacto ambiental. Por outra banda, todas aquelas medidas protectoras ou correctoras propostas no estudio ambiental deberán ser consideradas na obra, así como o disposto no plan de vixilancia ambiental.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística sobre o proxecto, que inclúe os seguintes puntos: antecedentes, valoración da idoneidade turística da instalación do parque, impacto visual na paisaxe, características das actuacións e principios normativos nos que se basea o informe. Nas conclusións finais indican o seguinte:

-Que o impacto visual que produciría o parque eólico proxectado na paisaxe hai que cualificalo como notable.

-Que para a realización da actuación proposta é moi conveniente ter en conta, cando menos, os puntos indicados no epígrafe anterior deste informe.

-Que non obstante o anterior, a instalación proxectada produciría unha serie de impactos ambientais negativos, os cales deberían ser minimizados coa execución do programa de vixilancia ambiental.

-Que desde o punto de vista turístico, e a pesar do impacto negativo, tendo en conta tódalas características recollidas no correspondente punto, se pode cualifica-la actuación como asumible.

Polo anterior, considérase a instalación solicitada con informe de incidencia turística moderada e asumible.

Os condicionantes que hai que ter en conta detállanse no punto 4 do informe e inclúen os seguintes:

Sobre a subestación transformadora:

Deberase reducir ó mínimo necesario o volume e ocupación do dito edificio. A tipoloxía constructiva deberá responder á propia da zona, non permitíndose que a situación, masa e altura do edificio limite o campo visual e rompa coa harmonía da paisaxe existente. As técnicas constructivas, así como os materiais empregados deberán se-los tradicionais da zona, de xeito que as fachadas, cuberta e peches se integren o máis posible no contorno.

Tubos:

Tódolos tubos deberán ir subterráneos. Posteriormente realizarase en todo o trazado a restitución da cuberta vexetal afectada, mediante plantación de especies autóctonas.

Vías de acceso:

Reducirase a súa lonxitude ó mínimo necesario. Reduciranse ó mínimo as modificacións do relevo do terreo, evitando a creación de noiros e terrapléns. O largo non excederá nunca os 3,5 m. Na medida do posible, aproveitaranse ou continuaranse os camiños existentes.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Rosa Rivera Corrales presenta alegacións opoñéndose á declaración de utilidade pública do proxecto e á ocupación do terreo da súa propiedade, aducindo, entre outras, cuestións de carácter ambiental relativas á afección do proxecto sobre a calidade das augas, vexetación, fauna e paisaxe, impacto acústico, efectos negativos sobre a saúde, impacto das liñas de alta tensión, impacto das infraestructuras necesarias para a construcción e funcionamento do parque eólico e destrucción do potencial relacionado co turismo rural.

Xulio López Pérez, en nome e representación da asociación Amigos de la Tierra, alega que a construcción dun parque eólico constitúe unha perda irreparable desde o punto de vista da conservación da vexetación e do impacto paisaxístico das nosas serras. Así mesmo, efectúa consideracións sobre a avaliación do impacto arqueolóxico do proxecto, indicando a ausencia de avaliación da liña aérea de evacuación. Outras alegacións refírense á afección sobre a fauna e á necesidade de aforro enerxético en Galicia.