Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.456

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2002, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal laboral, reguladas no artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, de conformidade co establecido na Resolución do 26 de xaneiro de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 9 de febreiro).

Finalizado o prazo fixado pola resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 26 de xaneiro de 2001 (DOG nº 29, do 26 de xaneiro), de presentación de solicitudes para a elaboración das listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal laboral nas relacións de postos de traballo, reguladas no artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, e á vista das solicitudes presentadas para a categoría 10 e (vixilante arquivos, bibliotecas e museos) do grupo V (lista B) e unha vez elaboradas pola Comisión Permanente de Selección para a cobertura de postos reservados a persoal laboral, na sesión do día 17 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro.-Facer públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal laboral reguladas no artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, correspondente á categoría 10 e (vixilante arquivos, bibliotecas e museos) do grupo V (lista B). De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, e a base 2ª da Resolución do 26 de xaneiro, a Comisión Permanente de Selección establece o número máximo de aspirantes admitidos para esta categoría naqueles que teñan unha puntuación igual ou superior a 1,750; as listas están expostas da forma que a continuación se indica:

Anexo I. Figuran os solicitantes incluídos na lista, con indicación da puntuación provisional.

Anexo II. Figuran os solicitantes excluídos coa expresión da causa de exclusión.

Anexo III. Figuran os solicitantes que en aplicación do previsto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997,

do 10 de abril, e na base 2ª da Resolución do 26 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, non están admitidos na lista.

Segundo.-Os citados anexos encóntranse expostos nas seguintes dependencias:

-Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Delegacións provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Oficinas comarcais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

-Delegación Territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en Vigo.

Terceiro.-Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para a emenda de erros e, se é o caso, formula-las oportunas alegacións, que serán dirixidas á correspondente Comisión Permanente de Selección de Persoal Laboral (Dirección Xeral da Función Pública, edificios administrativos de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Unha vez transcorrido o prazo citado con anterioridade, se é o caso, levaranse a efecto as emendas procedentes, dándose disto a oportuna publicidade.

Cuarto.-Os solicitantes que figuran admitidos no anexo I estarán obrigados, no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas provisionais, a remitir á Dirección Xeral da Función Pública o xustificante do aboamento da taxa que a continuación se expresa:

Grupo V: 23,32 euros.

Estarán exentos do pagamento desta taxa as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, con xustificación documental.

Quinto.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co artigo 114 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2002.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública