Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.441

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 16/2002, do 10 de xaneiro, polo que se acorda a cesión do uso, a título gratuíto, dunha caseta de legoeiros no p.k. 23,595 da estrada C-543.

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

O Concello de Noia solicitou a cesión do uso do inmoble situado no seu termo municipal, na estrada C-543 no punto quilométrico 23,595, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3317/1982 (BOE nº 291, do 4 de decembro), modificado polo Real decreto 2708/1983, sobre transferencias de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas (BOE nº 255, do 25 de outubro).

Mediante o Decreto 295/2001, do 8 de novembro (DOG nº 230, do 28 de novembro), desafectouse do dominio público a caseta de legoeiros no p.k. 23,595 da estrada C-543; pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 12 de decembro de 2001 (DOG nº 3, do 4 de xaneiro de 2002) declarouse a alienabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor do Concello de Noia do dereito de uso dun terreo con casa

e patio (caseta de legoeiros), situada no punto quilométrico 23,595 da estrada C-543, lugar de Ousoño, municipio de Noia (A Coruña), dunha superficie aproximada de 300 m, na actualidade 236,9 m, que estrema: norte, con José Liso Dorado, hoxe Ramona Barreiro Alonso; sur, estrada C-543 Santiago-Noia; leste, José Liso Dorado, hoxe Ramona Barreiro Alonso; oeste, José Ventura Blanco Vidal, hoxe Manuel Caldas Blanco.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia no tomo 1.037, libro 215, folio 29, predio nº 16.200, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión de uso relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese socio-cultural.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e en ningún caso poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble, segundo o reflectido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comu

nidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros con tres céntimos. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

A devandita cesión de uso formalizarase mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda