Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.433

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio.

Os decretos 306/2001, do 15 de decembro e 310/2001, do día 17 do mesmo mes, estableceron, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta, estructurándoa nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría que son necesarios para o cumprimento dos fins que a nova estructura comporta e adscribíndolle-los organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.

O artigo 5 do segundo decreto citado fixou a estructura orgánica básica da Consellería de Industria e Comercio. Polo tanto, para os efectos de establece-lo marco xurídico-administrativo no que a dita consellería debe desenvolve-los seus cometidos, procede agora establece-la nova estructura ata o nivel de xefatura de servicio distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para así conferi-la máxima eficacia no exercicio delas.

A estructura orgánica que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organiza-las súas institucións de goberno e atende ós principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1º do texto fundamental, deben presidi-la actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, tralo informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous

DISPOÑO

TÍTULO I

Organización xeral

Artigo 1º.-Ámbito competencial.

A Consellería de Industria e Comercio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de industria, enerxía, minería, artesanía, comercio e consumo e sociedade de información polo que respecta ás empresas, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 2º.-Órganos directivos.

A Consellería de Industria e Comercio estructúrase, para o desempeño das súas funcións, nos seguintes centros directivos:

1. O conselleiro.

2. A Secretaría Xeral.

3. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

4. A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

5. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

6. As delegacións provinciais.

TÍTULO II

Servicios centrais

Capítulo I

Artigo 3º.-O conselleiro.

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Capítulo II

Da Secretaría Xeral

Artigo 4º.-Atribucións da Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

Artigo 5º.-Estructura da Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Vicesecretaría Xeral, con categoría de subdirección xeral, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión de tódolos asuntos relacionados co persoal da consellería, tanto funcionario como laboral, sen prexuízo das atribucións que correspondan ós órganos competentes das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda.

b) A elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamento, modificacións de crédito e o seguimento da súa execución, en coordinación cos órganos afectados.

c) A xestión do Rexistro Xeral de Contratistas e maila tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

d) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

e) A organización, dirección e control do Rexistro Xeral de Documentos e do Arquivo da consellería.

f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servicios da consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos dela.

g) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

h) A preparación de métodos de organización interna e sistemas de información para a racionalización e mellora dos sistemas de traballo dos servicios da consellería.

i) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da consellería, sen prexuízo das competencias que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública ten atribuídas nesta materia.

j) A dirección dos servicios de información administrativa da consellería e a coordinación dos sistemas de información dela.

k) A actuación como órgano de comunicación con outras consellerías en materias relacionadas coas súas funcións e competencias.

l) A representación da consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

m) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ó Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

n) O desempeño de tódalas funcións que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións de índole galega sobre as que exerza o protectorado.

Da Vicesecretaría Xeral dependen as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

1.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Persoal.

1.2. Servicio do Rexistro Xeral de Contratistas e Contratación.

2. O Servicio Técnico-Xurídico, baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral.

Correspóndelle a este servicio:

a) Estudia-los proxectos de disposicións que vaia promulga-la consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) O estudio, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos que deba resolve-lo conselleiro.

c) Estudio, preparación e informe dos asuntos que se eleven ó Consello da Xunta de Galicia.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

3. A Asesoría Xurídica da consellería e maila Intervención Delegada adscríbense organicamente á secretaría xeral con nivel orgánico de subdirección xeral. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Capítulo III

Das direccións xerais

Artigo 6º.-Os directores xerais.

Os directores xerais son os titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas

funcionalmente homoxéneas da consellería. Para tal efecto, correspóndelles:

a) Propoñe-los proxectos da súa dirección xeral para acada-los obxectivos establecidos polo conselleiro, dirixi-la súa execución e controla-lo seu cumprimento.

b) Exerce-las competencias atribuídas á dirección xeral e as que lle sexan desconcentradas ou delegadas.

c) Propoñerlle, nos restantes casos, ó conselleiro a resolución que considere procedente sobre os asuntos que afecten ó órgano directivo.

d) Impulsar e supervisa-las actividades que forman parte da xestión ordinaria do órgano directivo e velar polo bo funcionamento dos órganos e unidades dependentes e do persoal integrado neles.

e) Coordina-las actuacións das delegacións provinciais da consellería no ámbito da súa competencia para homoxeneiza-lo seu funcionamento e maila interpretación e aplicación da normativa.

f) Xestiona-los programas comunitarios, estatais e autonómicos residentes na dirección xeral.

g) As demais atribucións que lle confiran as leis e regulamentos.

Sección primeira

Da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas

Artigo 7º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, enerxía e minas.

Artigo 8º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial, que desempeñará as seguintes funcións:

a) A proposta de normativa relativa á industria, establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor.

b) A planificación, coordinación, execución e control das actuacións relativas á instalación, ampliación e traslado de industrias, á seguridade dos establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor, así como o contraste de metais preciosos.

c) A coordinación e seguimento de actuacións das entidades de inspección e control regulamentario na aplicación das regulamentacións técnicas e normas de seguridade industrial.

d) A dirección e seguimento de tódalas actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

e) A coordinación, execución, se é o caso, e control das actuacións relativas a subministración e distribución de productos petrolíferos e de consumo de enerxía e auga.

f) A xestión dos rexistros de establecementos industriais, de instalacións de venda polo miúdo de gaso

linas e gasóleos de automoción, de instalacións de riscos especiais, radiactivos e químicos e demais rexistros especiais que sexan da súa competencia.

g) Desenvolvemento e execución de accións de modernización, dotación e implantación de servicios en materia de solo empresarial.

h) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de industria.

i) A actuación, como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados con materias da súa competencia.

j) A avaliación e tramitación das licencias, autorizacións e permisos relativos ás instalacións radiactivas de segunda e terceira categoría e raios X con fíns de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

k) A xestión da Oficina de Tramitación Única de Industrias, creada polo Decreto 223/1998, do 24 de xullo.

Contará para isto coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Administración Industrial.

1.2. Servicio de Seguridade Industrial.

2. A Subdirección Xeral de Enerxía, que desempeñará as seguintes funcións:

A) En materia de réxime enerxético.

a) A proposta da normativa relativa ó réxime enerxético, á producción, transporte e distribución de enerxía e ás pólizas de aboamento, tarifas, dereitos de conexión e fraudes na subministración de auga, gas e electricidade.

b) A elaboración, proposta e execución dos plans e proxectos enerxéticos.

c) A elaboración, proposta, xestión e apoio a proxectos de investigación nas áreas de aforro enerxético e enerxías renovables, de acordo coas previsións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

d) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora da infraestructura e da calidade da subministración de enerxía eléctrica, de gas natural e de productos petrolíferos.

e) A xestión de autorizacións e rexistro de instalacións.

f) A realización de estudios e estatísticas enerxéticas.

g) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia.

Contará coas seguintes unidades:

2.1. Servicio de Infraestructuras Enerxéticas.

2.2. Servicio de Enerxías Renovables.

3. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais, que exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección, coordinación e o control da execución da normativa relativa ó réxime mineiro, seguridade e policía mineira, augas minerais e termais, augas subterráneas e utilización de explosivos, así como o seu desenvolvemento lexislativo.

b) A planificación e dirección da política mineira.

c) A elaboración e seguimento de propostas e programas conducentes ó apoio do sector mineiro, á racionalización do aproveitamento dos recursos minerais e ó impulso dunha axeitada infraestructura de apoio mineiro e da investigación tecnolóxico-mineira.

d) A coordinación dos rexistros mineiros.

e) A realización, programación e seguimento de estudios técnicos e estatísticos en materia de minería.

f) A elaboración, proposta, xestión e control de programas dirixidos a fomenta-la investigación mineira aplicada, o desenvolvemento e innovación da minería e funcionamento dunha eficiente infraestructura tecnolóxica, de acordo coas previsións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico

g) A xestión do rexistro de establecementos balnearios e fomento dos aproveitamentos de augas nestes establecementos. Para tal efecto impulsará e coordinará os expedientes relativos a autorizacións industriais e sanitarias e de outorgamento de axudas dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, asumindo as funcións do portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

Contará coas seguintes unidades:

3.1. Servicio de Xestión Mineira.

Sección segunda

Da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial

Artigo 9º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de promoción, innovación, investigación industrial aplicada, normalización, certificación, calidade e deseño industrial, artesanía, programas e accións de estructuración sectorial e infraestructuras técnicas e tecnolóxicas.

Artigo 10º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Tecnoloxía, que exercerá as seguintes funcións:

En materia de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica:

a) A proposta da normativa relativa á innovación tecnolóxica.

b) A elaboración, proposta, xestión e control de programas destinados a fomenta-la investigación industrial aplicada, o desenvolvemento e innovación tecnolóxica e a creación e consolidación dunha eficiente infraestructura tecnolóxica ó servicio da mellora da competitividade industrial, de acordo coas previsións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico

c) A análise, avaliación e seguimento dos proxectos de innovación tecnolóxica.

d) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e as entidades ofertantes de tecnoloxía.

e) A actuación como órgano de relación e participación con organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de tecnoloxía.

f) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de innovación empresarial, investigación industrial aplicada e desenvolvemento tecnolóxico.

B) En materia de sociedade da información:

a) A proposta da normativa relativa ás novas tecnoloxías das información e comunicación.

b) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a fomenta-la incorporación das novas tecnoloxías da información e comunicación ás empresas.

c) A promoción de uso do comercio electrónico e da presencia en Internet entre as empresas.

d) A actuación como órgano de relación e participación cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, relacionados co ámbito empresarial en materia de sociedade da información.

e) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de sociedade da información, dentro do ámbito empresarial.

Contará para iso coa seguinte unidade:

Servicio de Planificación Industrial e Fomento Tecnolóxico.

2. A Subdirección Xeral de Desenvolvemento Sectorial, que desempeñará as seguintes funcións:

A) En materia de estructuración sectorial:

a) A elaboración, proposta, execución e control dos plans de desenvolvemento sectorial de estructuración dos conglomerados ou clusters industriais, entre eles o naval, téxtil, automoción e madeira.

b) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomenta-la cooperación e coordinación de sectores ou conglomerados industriais, así como o asociacionismo e as fórmulas de colaboración multisectorial.

c) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a incentiva-la mellora da competitividade das actividades industriais e a aplicación de técnicas avanzadas de xestión empresarial, así como a súa difusión e divulgación.

En materia de calidade industrial:

a) A proposta da normativa relativa á normalización, certificación, calidade e deseño industrial.

b) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos programas de actuación encamiñados á mellora da calidade industrial.

c) A promoción das actividades de normalización e certificación de empresas e productos industriais.

d) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de calidade empresarial, así como de fomento do deseño industrial.

e) A programación, realización, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de calidade e deseño industrial, técnicas avanzadas de xestión e actividades de cooperación industrial.

f) A coordinación das infraestructuras de apoio á calidade industrial.

g) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados coa normalización, certificación, calidade e deseño industrial.

B) En materia de artesanía:

a) A proposta da normativa relativa á artesanía.

b) A elaboración, execución e seguimento de estudios e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de artesanía.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Contará coa seguinte unidade:

1.1. Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial.

Sección terceira

Da Dirección Xeral de Comercio e Consumo

Artigo 11º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Comercio e Consumo correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio e consumo; a planificación e desenvolvemento das estructuras comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación; a intervención en materia de prezos e maila promoción e desenvolvemento do comercio exterior.

Artigo 12º.-Estructura.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1. A Subdirección Xeral de Comercio. Exercerá as seguintes funcións:

A) En materia de comercio:

a) A proposta da normativa relativa ó comercio interior e ás cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.

b) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

c) A reforma, coordinación e mellora das estructuras e dos procesos de distribución comercial.

d) A formación e asistencia técnica ós suxeitos da actividade comercial.

e) A asistencia ós concellos en materia de establecementos e espacios comerciais.

f) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos productos galegos no mercado interior e exterior.

g) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.

h) A cooperación comercial e a colaboración con outros organismos e institución na formulación e desenvolvemento dos programas de apoio á exportación.

i) A promoción e desenvolvemento do comercio exterior das empresas galegas.

j) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

k) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

l) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que adopte a Dirección Xeral de Comercio e Consumo no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa.

B) En materia de actividade feiral:

a) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

b) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

c) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

d) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.

C) En materia de prezos:

a) A elaboración, proposta, dirección, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

Contará para isto coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Ordenación.

1.2. Servicio de Promoción Comercial.

1.3. Servicio de Comercio Exterior.

TÍTULO III

Das delegacións provinciais

Artigo 13º.-Atribucións.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Industria e Comercio estructúrase en catro delegacións provinciais, que desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da Comunidade Autónoma.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado provincial do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que se achen no ámbito territorial da súa competencia.

Os delegados provinciais dependen, orgánica e funcionalmente, do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da consellería.

3. Os delegados provinciais exercerán, nos seus respectivos ámbitos territoriais, as competencias establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración de competencias efectuada en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, así como calquera outra competencia ou atribución que a lexislación vixente lle confira ou todas aquelas funcións que lles asigne o conselleiro.

Artigo 14º.-Estructura.

1. As delegacións provinciais, para o exercicio das súas funcións, contarán coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

-Secretaría.

-Servicio de Administración Industrial.

-Servicio de Enerxía e Minas.

2. A Delegación Provincial de Pontevedra ten unha oficina en Vigo, á fronte da cal existirá unha unidade co nivel orgánico de servicio.

3. As xefaturas de servicio das delegacións provinciais dependerán funcionalmente das direccións xerais da Consellería de Industria e Comercio dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerzan os delegados, dos que dependerán organicamente.

A Secretaría Xeral poderá dictar instruccións sobre as materias de ámbito horizontal da consellería, para a debida coordinación dos distintos servicios das delegacións e un axeitado seguimento na execución orzamentaria.

Artigo 15º.-Organismos autónomos, entes de dereito público e demais órganos adscritos á Consellería de Industria e Comercio.

1. Quedan adscritos á Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia:

a) O Instituto Galego de Consumo, como organismo de carácter administrativo, creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro.

b) O Instituto Enerxético de Galicia, como ente de dereito público, creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo.

2. Así mesmo, quedan adscritos á Consellería de Industria e Comercio:

a) O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) O Laboratorio Mineralúrxico de Galicia, do Centro de Lousas de Galicia e do Centro de Granitos de

Galicia, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

c) A Comisión de Prezos de Galicia e a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio.

d) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e o Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A competencia para inicia-los procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas nas materias atribuídas á Consellería de Industria e Comercio corresponderalles ós delegados provinciais da consellería, agás que unha disposición de carácter xeral estableza outra cousa.

2. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores ós que fai referencia o punto anterior, corresponderá:

a) Nas faltas leves, ós delegados provinciais da consellería.

b) Nas faltas graves, ó conselleiro.

c) Nas faltas moi graves, ó Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.

O exercicio das competencias que este decreto lles outorga ós distintos órganos da Consellería de Industria e Comercio en materia de investigación e desenvolvemento e en materia de estatística entenderase sen prexuízo das atribuídas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e ó Instituto Galego de Estatística, respectivamente, exerceranse en coordinación cos devanditos órganos.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Industria e Comercio, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou a adscribilo con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se tratara de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoña cambio de residencia.

Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que

poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA