Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 06 de febreiro de 2002 Páx. 1.385

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Os decretos 306/2001, do 15 de decembro, e 310/2001, do 17 de decembro, establecen a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, polo que agora cómpre, pola súa vez, determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Medio Ambiente, atendendo ós principios de eficacia, desconcentración e racionalización da organización administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, logo de informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10.º, 11.º, 15.º e 30.º e 29.4.º do Estatuto de autonomía de Galicia, e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Artigo 2º

1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Medio Ambiente estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

IV. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

V. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

VI. Centro de Desenvolvemento Sostible.

VII. Delegacións provinciais.

VIII. Órganos colexiados.

2. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o organismo autónomo Augas de Galicia, regulado polo Decreto 108/1996, do 29 de febreiro.

I. O conselleiro

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría Xeral

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do

5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa, que exercerá as funcións relativas ó persoal funcionario e laboral e a xestión económica relativa ós gastos de persoal, a coordinación dos servicios de carácter xeral e do réxime interno do funcionamento; así mesmo, encargarase dos asuntos referentes o sistema de informatización e proceso de datos e a racionalización administrativa de tódolos servicios da consellería.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Persoal e Coordinación Administrativa, coas funcións de ordenación e control da xestión dos recursos humanos da consellería, en especial da xestión e a administración ordinaria do persoal funcionario e laboral e o seguimento e control do rexistro deste persoal, así como das relativas á coordinación administrativa, rexistro xeral e unidade de información.

2.1.2. Servicio de Informática, coas funcións de asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de tódalas as unidades administrativas da consellería, para automatizar, axilizar e mellorar seu funcionamento, sen prexuízo das competencias da consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e das estipulacións contidas no Decreto 252/1996, do 20 de xuño.

Para este efecto corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Administración de sistemas, incluíndo a súa instalación, mantemento e actualización.

b) Administración, xestión e ampliación das redes locais de voz e datos.

c) Atención e formación dos usuarios.

d) Detección de oportunidades de novos desenvolvementos, planificación e execución deles e xestión e mantemento dos desenvolvementos en fase de explotación.

e) Definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos.

f) Selección do material e productos necesarios para implanta-los cambios tecnolóxicos ó servicio das necesidades emerxentes na consellería.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación, que exercerá as funcións relativas á elaboración dos anteproxectos de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento e coordinación así como a tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

Para iso contará coa siguiente unidade con nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Contratación, coas funcións de confección dos anteproxectos de orzamentos da consellería, control da xestión económica dos orzamentos e execución do gasto das diversas unidades da consellería, coor

dinación e, se é o caso, elaboración dos pregos de contratación administrativa, elaboración das instruccións para unha correcta contratación, tramitación económica e administrativa de toda a contratación da consellería, e o seu seguimento e control; así mesmo, encargarase de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades con nivel orgánico de servicio.

3.1. Servicio Técnico Xurídico, coas funcións de:

a) Informe e tramitación de tódolos proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das recompilacións e refundicións de normas e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo secretario xeral.

b) Preparación e informe dos asuntos que se elevarán ó Consello da Xunta de Galicia e ás comisións delegadas e o traslado dos seus acordos, así como informe sobre os recursos presentados contra os actos administrativos emanados da consellería.

c) Coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

d) Coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as que esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro correspondentes.

3.2. Servicio de Supervisión e Inspección, coas funcións de supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da consellería e da execución material destes, tanto no caso de levarse a cabo por adxudicación como no da execución pola propia Administración, así como funcións de inspección técnica relativas ó funcionamento dos servicios. Para ese efecto, formulará os informes de carácter técnico que por razón da súa competencia lle sexan requiridos pola Secretaría Xeral, propoñendo, se é o caso, as medidas correctoras que procedan.

4. Integradas organicamente na Secretaría Xeral, e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

4.1. Asesoría Xurídica.

4.2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Artigo 5º

1. A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia da ordenación, fomento e mellora da producción forestal, industrialización e comercialización de productos de primeira transformación da madeira, así como as medidas da loita contra os incendios forestais.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Forestais, que exercerá as funcións relativas á conservación

e fomento dos recursos forestais, a regulación e ordenación dos seus aproveitamentos; o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes en man común, a xestión do rexistro xeral dos montes veciñais en man común, as accións tendentes ó deslindamento dos ditos montes, e calquera outra función legalmente establecida en relación coa defensa e protección deles; así mesmo, exercerá funcións relativas ó fomento e á mellora da producción forestal, e da industrialización e comercialización de productos de primeira transformación da madeira.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Xestión de Montes, que se encargará da administración e xestión dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia, exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e os das comunidades veciñais en man común ou de particulares que sexan obxecto de consorcio ou de convenio; xestionará o catálogo de montes de utilidade pública; realizará a planificación e execución das accións para o control da producción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal forestal; e o control e defensa contra as pragas e enfermidades forestais.

2.1.2. Servicio de Producción e Industrias Forestais, que realizará o asesoramento técnico e administrativo dos propietarios forestais; as accións de mellora e fomento das estructuras de producción forestal; o fomento do asociacionismo; a mellora da calidade dos productos forestais e das súas canles de comercialización; así mesmo, a xestión do rexistro de industrias forestais de primeira transformación da madeira e o fomento da industrialización dos productos forestais.

2.2. Subdirección Xeral de Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais; a elaboración de estudios e a análise de causalidade e a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Programación, que se encargará das análises e estudio da causalidade; elaboración de plans, dotación de infraestructuras e medios de defensa contra os incendios forestais.

2.2.2. Servicio de Organización e Control de Medios, que se encargará da organización dos sistemas de vixilancia e detección de incendios forestais, e da execución de plans e programas de loita contra estes.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional directa do director xeral existirá o Servicio de Planificación e Apoio, que realizará funcións de control, xestión e seguimento daqueles asuntos que lle sexan encomendados.

Así mesmo, esta unidade ten baixo a súa dependencia o Observatorio para a Xestión Forestal Sostible, coas funcións de elaboración e planificación

das liñas de traballo tendentes ó establecemento e definición dos coñecementos e tecnoloxías adecuadas para a implantación de niveis crecentes de xestión productiva e ordenada dos bosques. Para tal efecto, o Observatorio para a Xestión Forestal Sostible estudiará os modelos existentes e analizará as demandas do sector forestal, tanto público como privado, de cara á elaboración de plans, programas e proxectos acordes coa optimización da explotación dos recursos forestais, incentivando e regulando a implantación da certificación forestal.

IV. Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de protección, conservación, restauración, mellora, recuperación e divulgación dos recursos naturais, cinexéticos e piscícolas e a adecuada xestión dos espacios naturais, da flora e fauna silvestres, da paisaxe e dos elementos singulares da xea da Comunidade Autónoma galega, a difusión dos seus valores e o uso e desfrute do medio natural e os seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras. Encargarase de promover unha defensa global da natureza e dos seus recursos, da conservación e xestión específica dos espacios que o necesiten particularmente, en especial a rede galega de espacios protexidos, e da consolidación e promoción da Rede Natura 2000 de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, que exercerá as funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos recursos naturais e a xestión da flora e fauna silvestres e dos espacios naturais. Encargarase do desenvolvemento das medidas tendentes á aplicación da normativa sobre conservación da natureza e de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Así mesmo, promoverá a planificación, ordenación, xestión e divulgación dos recursos naturais, en especial dos espacios protexidos, de forma que se compatibilice a conservación da natureza co seu ordenado aproveitamento, desenvolvemento, uso e desfrute.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio.

2.1.1. Servicio de Conservación de Espacios Naturais, que se encargará das funcións de xestión, conservación e divulgación dos espacios naturais, en especial da rede galega de espacios protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia, así como as funcións de xestión e todas aquelas derivadas da ordenación e uso público do medio natural e os sus elementos etnográficos.

2.1.2. Servicio de Conservación da Biodiversidade, que se encargará da preservación dos hábitats naturais e dos taxóns, así como das accións para a conservación e mellora das poboacións da fauna e flora

silvestres, da elaboración de proxectos e informes técnicos para a protección e preservación da paisaxe, da xestión dos centros de recuperación da fauna silvestre e da aplicación da normativa da protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

2. Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que exercerá as funcións de programación, fomento e xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais, a través da ordenación dos ditos recursos, con especial incidencia na divulgación, formación e promoción específica destas materias.

Para iso contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servicio.

2.2.1. Servicio de Caza e Pesca Fluvial, que realizará as funcións de xestión e fomento dos recursos cinexéticos e piscícolas, a inspección e o control dos centros de acuicultura continental e granxas cinexéticas, e da súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

V. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de control e avaliación da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, así como a súa posta en marcha para o logro da adecuada protección ambiental.

2. Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, que exercerá as funcións de coordinación e xestión das actuacións técnicas e administrativas derivadas da aplicación dos instrumentos preventivos que figuran na Lei de protección ambiental de Galicia; as actividades encamiñadas ó cumprimento da normativa específica ambiental galega e das adaptacións da normativa xeral, en especial as relativas á normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetaxe; así mesmo, xestionará e realizará o seguimento dos pactos ambientais.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Protección Ambiental, que exercerá as funcións relacionadas con tódolos trámites técnicos e administrativos relativos ós expedientes de aplicación dos instrumentos preventivos recollidos na Lei de protección ambiental de Galicia, o seguimento do cumprimento dos contidos das declaracións de impacto ambiental e de efectos ambientais e dos dictames de incidencia ambiental.

2.1.2. Servicio de Inspección e Intervención Ambiental, que exercerá as funcións relacionadas coa aplicación da normativa de prevención ambiental, en especial os relacionados coa inspección e os pactos ambientais; a elaboración dos procedementos de ecoetiquetaxe, ecoxestión e ecoauditoría; a tramitación dos expedientes de homologación de empresas e equipos de avaliación de impactos e de control da calidade ambiental.

2.2. Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, que exercerá as funcións de control dos efectos derivados das actividades que poidan incidir na calidade do ambiente, así como a xestión e o seguimento da aplicación de medidas correctoras.

Para iso contará coas siguientes unidades con nivel orgánico de servicio.

2.2.1. Servicio de Fomento e Control da Calidade Ambiental, que se encargará da análise e evaliación dos datos que xere a Rede de Vixilancia e Control da Contaminación Atmosférica en Galicia, e a aplicación das correspondentes medidas correctoras; o seguimento dos resultados das redes de control e vixilancia da calidade das augas continentais e marítimas de Galicia, en coordinación coa Administración hidráulica e pesqueira; o asesoramento e a asistencia ós concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia; a xestión da recuperación de solos contaminados e de áreas degradadas por vertedoiros de residuos sólidos urbanos; o control, seguimento e, se é o caso, execución pola Administración dos plans de restauración de explotacións mineiras a ceo aberto, en coordinación coa administración mineira; e o seguimento ambiental da aplicación da normativa de uso de productos químicos e praguicidas e doutras substancias tóxicas e perigosas.

2.2.2. Servicio de Control e Xestión de Residuos, que exercerá as funcións de control da xestión e dos correspondentes plans dos residuos urbanos, perigosos, industriais e sanitarios e dos agropecuarios en coordinación coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como a tramitación da autorización de xestores e productores de residuos; o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental adscríbese a seguinte unidade.

3.1. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, ó que lle corresponderá a realización de estudios, análises e informes técnicos sobre establecemento de parámetros, técnicas e procedementos analíticos previstos nas normas ambientais, de conformidade co previsto no Decreto 164/1999, do 27 de maio, polo que se establecen as competencias e funcións do Laboratorio de Medio Ambiente.

VI. Centro de Desenvolvemento Sostible

Artigo 8º

1. O Centro de Desenvolvemento Sostible, con rango de dirección xeral, exercerá as competencias e funcións en materia de promoción do desenvolvemento sustentable da sociedade galega; o fomento da participación cidadana a través das políticas de información e formación; o impulso á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico para a mellora do contorno; o deseño e seguimento dos proxectos de cooperación internacional correspondentes ó ámbito de actuación da consellería; a proposta e tramitación de convenios, acordos o pactos con entidades públicas ou privadas para o logro dos seus obxectivos;

a participación en foros nacionais e internacionais para efectos de facilita-lo fluxo dos coñecementos máis actuais entre os distintos sectores interesados; e o desenvolvemento de estudios e informes en materia de ambiente.

2. Para o exercicio das súas funcións, o Centro de Desenvolvemento Sostible estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Planificación e Promoción do Desenvolvemento Sostible, que exercerá as funcións de elaboración de estratexias e programas que contribúan a acada-lo apropiado nivel de desenvolvemento sustentable; o establecemento das medidas necesarias para a súa efectiva implantación; o impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación das iniciativas adoptadas por entidades públicas ou privadas creadas para o establecemento das estratexias de desenvolvemento sustentable, en particular o apoio ás iniciativas locais para a implantación da Axenda 21; o seguimento da política ambiental da Unión Europea, en particular o VI Programa de acción comunitaria en materia de ambiente; a elaboración, análises e seguimento, en colaboración coa Consellería de Economía e Facenda, de indicadores económicos relacionados co desenvolvemento sustentable; o estudio e a análise do conxunto de medidas tendentes á disminución dos efectos prexudiciais que se deriven dos fenómenos globais, en

particular do cambio climático.

Para iso contará coa siguinte unidade con nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Integración Ambiental, que se encargará do impulso á integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais; das actuacións dirixidas á integración do ambiente nas accións dos fondos comunitarios, en particular no proceso de programación, realización, seguimento e avaliación das accións financiadas por estes fondos; do apoio técnico ó exercicio por parte do titular do centro directivo das funcións que ten atribuídas como autoridade ambiental de Galicia, en particular as derivadas da súa condición de membro da Rede de Autoridades Ambientais de España; da realización das actuacións que se deriven da Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001, relativa á avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente; e do apoio e seguimento das actuacións dos concellos en materia de desenvolvemento sustentable urbano.

2.2. Subdirección Xeral de Información, Formación e Tecnoloxía Ambiental, que exercerá as funcións de fomento e potenciación do libre fluxo da información ambiental entre os sectores interesados e os cidadáns, promovendo a participación destes últimos; a formación e consolidación dunha conciencia social para a protección e mellora do contorno; o establecemento de criterios co fin de dar coherencia e de impulsa-la formación continua de técnicos e persoal en tódalas cuestións que afecten o medio ambiente e o desenvolvemento sustentable; a organización de actividades informativas e formativas relacionadas coa protección e mellora do

ambiente dirixidas ó conxunto da sociedade; e o impulso, promoción, desenvolvemento e coordinación de iniciativas de investigación e desenvolvemento tecnolóxico en materia de ambiente natural e industrial.

Para iso contará coas seguinte unidades con nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Información e Formación Ambiental, que exercerá as funciones de xestión do punto focal da Rede Eionet da Axencia Europea de Medio Ambiente, e do mantemento e mellora do Sistema de Información Ambiental de Galicia (SIAM); o establecemento de criterios comúns para a elaboración de estatísticas ambientais por parte da consellería, coordinando con este fin os seus distintos servicios, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística; a promoción, deseño, execución e seguimento de programas e accións de concienciación ambiental dos cidadáns; a elaboración e promoción de programas e módulos tendentes á integración do ambiente no currículo educativo das ensinanzas regradas para efectos da súa proposta á Administración educativa; e a execución, seguimento e perfeccionamento da Estratexia Galega de Educación Ambiental.

2.2.2. Servicio de Tecnoloxía Ambiental, que se encargará do estudio e análise das mellores técnicas dispoñibles para facilita-la integración do respecto ó ambiente nos procesos productivos das industrias, en particular de acordo co previsto na Directiva 96/61/CE, do Consello, do 24 de setembro de 1996, relativa á prevención e o control integrado da contaminación, en coordinación coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; o deseño e execución de instrumentos de fomento e promoción da investigación, desenvolvemento e innovación en materia de ambiente, en colaboración coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; do establecemento das condicións que faciliten a transferencia de tecnoloxías limpas, promovendo o intercambio de coñecemento no ámbito nacional e internacional; da xestión do sistema de predicción meteorolóxica de Galicia; e de propoñer e establecer instrumentos económicos para incentiva-la aplicación de sistemas de producción e tecnoloxías

respectuosos co ambiente.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional do Centro de Desenvolvemento Sostible adscríbese a seguinte unidade:

3.1. Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, que será pola súa vez Centro de Referencia do Desenvolvemento Sostible, e que planificará e realizará as liñas de investigación científico-técnicas vinculadas ó campo forestal e ambiental de cara á obtención de resultados de investigación aplicada, acordes coas necesidades prioritarias establecidas polos xestores públicos. En consecuencia, realizará proxectos de investigación coordinada, concertada e converxente, e tamén efectuará propostas técnicas, proxectos demostrativos e programas de formación en colaboración cos centros de investigación nacionais e internacionais, entidades oficiais e particulares que se determinen.

VII. Delegacións provinciais

Artigo 9º

1. As funcións e competencias da Consellería de Medio Ambiente serán exercidas no ámbito provincial polas delegacións provinciais.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia, coas excepcións derivadas desta estructura orgánica.

O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan encomendadas.

3. Para o exercicio das funcións contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

Secretaría: correspóndenlle, baixo a autoridade de supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación, a administración, control contable e xustificación de créditos que se asignen e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado, a quen substituirá nas funciones en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Servicio Técnico Xurídico: coas funcións de estudio, tramitación e formulación, de se-lo caso, de propostas de resolución de expedientes sancionadores, elaboración de informes e dictames sobre os actos administrativos emanados da delegación provincial e, en xeral, tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo delegado provincial.

Servicio de Montes e Industrias Forestais: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais en materia de xestión de montes e de producción e industrias forestais.

Servicio de Defensa contra Incendios Forestais: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección de Montes e Industrias Forestais en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

Servicio de Conservación da Natureza: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Servicio de Calidade e Avaliación Ambiental: exercerá no ámbito provincial as funcións da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

VIII. Órganos colexiados

Artigo 10º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Consello Galego de Medio Ambiente.

2. A presidencia do consello será asumida polo conselleiro de Medio Ambiente; a vicepresidencia polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e a secretaría polo subdirector xeral de Calidade Ambiental; manterase a composición dos restantes membros do consello.

Artigo 11º

1. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Pesca Fluvial.

2. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

3. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de Pesca Fluvial.

4. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 12º

1. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Caza.

2. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Conservación da Natureza.

3. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de caza.

4. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais da Consellería Medio Ambiente.

Artigo 13º

1. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os xurados provinciais de Montes Veciñais en Man Común.

2. A presidencia dos xurados será asumida polos respectivos delegados provinciais e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

3. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de Montes.

4. A presidencia dos referidos comités será asumida polos respectivos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

X. Rexistro

Artigo 14º

Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

Disposición adicional

Única.-Modifícase o artigo 3.3º do Decreto 72/1998, do 30 de xaneiro, polo que se crean os comités de integración e coordinación ambiental, que queda redactado como segue:

3. O comité estará composto polos seguintes vocais con voz e voto:

Director xeral de Urbanismo.

Director xeral de Obras Públicas.

Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Director xeral de Infraestructuras Agrarias.

Director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

Director xeral de Saúde Pública.

Director xeral de Patrimonio Cultural.

Director xeral de Turismo.

Director xeral de Recursos Mariños.

Director xeral de Administración Local.

Director xeral de Fomento de Emprego.

Director xeral de Xuventude.

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Director xeral de Montes e Industrias Forestais.

Director xeral de Conservación da Natureza.

Director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible.

Presidente da Fegamp.

Dos representantes da Fegamp designados polo seu presidente.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se tratase de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso supoña a readscrición ou a adscrición cambio de residencia.

Todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 25.5º e 62.4º da Lei da función pública de Galicia, e na Lei 9/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Segunda.-Os servicios de conservación do litoral seguirán adscritos á Consellería de Medio Ambiente ata a aprobación e publicación do decreto polo que se estableza a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As referencias contidas no Decreto 108/1996, de 29 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia, e relativas ás funcións e competencias nesta materia do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e dos seus departamentos, entenderanse feitas ó conselleiro de Medio Ambiente e ó Centro de Desenvolvemento Sostible.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez.

Conselleiro de Medio Ambiente.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA