Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 28 de xaneiro de 2002 Páx. 1.024

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre urbanismo e contaminación acústica.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas xornadas sobre urbanismo e contaminación acústica, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Cada día é máis acentuada a tendencia a ter en conta todo o relacionado co xenericamente chamado ambiente. Tradicionalmente a contaminación foi, e é, a pedra angular contra a que loitan institucións tanto públicas coma privadas ó quereren preserva-la calidade de vida. Sen embargo, algunhas contaminacións son tidas pouco en conta por consideralas de menor importancia. A contaminación acústica, o que vulgarmente chamamos ruído, é unha delas e, en cambio, é unha das máis prexudiciais para a saúde dos seres vivos, tal e como sinala a Organización Mundial da Saúde en reiterados informes.

Preténdese con estas xornadas centra-lo problema que presenta esta situación e sinala-las posibles solucións para palia-lo constante e progresivo aumento deste tipo de contaminación, que lenta pero inexorablemente vai apoderándose do noso medio.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A garantía constitucional da protección do medio natural. Instrumentos legais de loita contra a contaminación acústica. Competencias das administracións públicas e mecanismos de coordinación e cooperación. Análise da normativa existente.

-Réxime xurídico da regulación do ruído na edificación. Análise das zonas de sensibilidade acústica.

-Tratamento do ruído na normativa de actividades clasificadas.

-Análise da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección da contaminación acústica.

-A planificación urbanística como instrumento de prevención da contaminación acústica: réxime das determinacións dos plans urbanísticos e os estándares urbanísticos. Exemplos prácticos.

-Réxime xurídico do estudio acústico de proxectos de obras e instalacións e efectos sobre o réxime urbanístico.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da delegación da Consellería da Presidencia e Administración Pública en Lugo (sita en Ronda da Muralla, s/n, da citada cidade), os días 13 e 14 de febreiro de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 11 de febreiro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 12 de febreiro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA