Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 25 de xaneiro de 2002 Páx. 992

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2002 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na súa escala auxiliar administrativa.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade.

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3 e), resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, consonte as seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 48 prazas, ás que se poderán acumular aqueloutras que se poidan xerar ata o momento en que o tribunal eleve a proposta definitiva de aspirantes que superaren o proceso selectivo.

1.1.1. Resérvanse 2 prazas ó sistema de promoción interna.

1.1.2. Resérvanse 2 prazas para seren cubertas por persoas con minusvalidez, cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33%, de acordo coa disposición adicional décimo novena da Lei 23/1988, do 28 de xullo (BOE do 29 de xullo), de modificación da Lei de medidas para a reforma da función pública.

1.1.3. As prazas non cubertas das reservadas ás cotas anteriores acumularanse ás ofertadas polo sistema de acceso xeral libre.

1.1.4. Os aspirantes só poderan participar nunha das tres quendas citadas.

1.2. O procedemento de selección será o de concuso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se especifican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.4. As prazas convocadas radican nas localidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.

1.5. A elección de destino efectuarana os aspirantes consonte a puntuación total obtida, sumadas ámbalas fases. Os aspirantes que accedan pola quenda reservada a minusválidos intercalaranse, en razón da puntuación total, entre os aspirantes da quenda de acceso xeral libre. En todo caso, terán preferencia os candidatos por promoción interna.

1.6. As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes, con independencia da quenda de acceso, deberán posuír tódolos requisitos esixidos nesta base na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a toma de posesión como funcionarios.

2.2. Requisitos comúns para tódalas quendas de acceso:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea, nacional do Reino de Noruega ou da República de Islandia.

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega e Islandia sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

d) Ter aboadas as taxas por dereitos de exame.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non ter sido separado ou estar suspendido do servicio de calquera Administración pública nin inhabilitado para o desempeño da función pública por sentencia firme. Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

2.3. Reserva para minusválidos: deberán ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%, conforme coa normativa vixente.

2.4. Promoción interna:

a) Ser funcionario de carreira dalgún dos corpos ou escalas do grupo E que, consonte o previsto no artigo 49.1º da Lei de reforma universitaria presten servicios na Universidade de Vigo.

b) Estar destinado con carácter definitivo na Universidade de Vigo e acreditar unha antigüidade de, polo menos, dous anos de servicios efectivos prestados en corpos ou escalas do grupo E.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberán presentarse achegando fotocopia do DNI e, de se-lo caso, xustificación dos méritos alegados.

Os aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

Os méritos alegados acreditaranse do seguinte xeito:

3.1.1. Os servicios prestados en administracións públicas distintas á Universidade de Vigo acreditaranse mediante certificación da xerencia ou unidade de persoal correspondente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.1.2. De conformidade co establecido na base 6.5 da convocatoria, os aspirantes quedarán exentos da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán, se coa solicitude achegan copia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude de español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

Os aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicita-la súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha desta normas determinará a exclusión dos aspirantes.

3.4. Os dereitos de exame serán de 28,25 euros e ingresaranse na conta corrente número 2091-0501-67-3110002558, Universidade de Vigo. Outros ingresos. (Caixanova, O.P. de Vigo), facendo constar no impreso o enunciado auxiliares adminis

trativos. Na solicitude deberá figura-lo selo da entidade bancaria acreditativo do pagamento dos dereitos de exame; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubrisen os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

Estarán exentas do pagamento as persoas cunha discapacidade igual ou superior ó 33%, sempre que acompañando a súa solicitude presenten as certificacións que a acrediten.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) No recadro nº 2 indicarase a quenda pola que se solicita acceder.

b) Os aspirantes con minusvalidez que opten pola quenda reservada indicarán no recadro nº 5 o grao de minusvalidez. Participen ou non por esta cota, poderán solicitar no recadro nº 6 as adaptacións de tempo e medios que para a realización das probas consideren necesarias.

3.6. Os erros de feito que puidesen advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.7. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar na súa solicitude, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo dictará resolución, no prazo máximo dun mes, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, na que declare aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio e contra ela, logo de comunicación a este rectorado, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo de acordo co previsto na Lei 30/1992.

4.3. En todo caso co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluí

dos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría cuarta das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño). A súa composición será publicada no Diario Oficial de Galicia con, polo menos, dous meses de antelación á data de realización do primeiro exercicio.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992 ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se atoparen incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros titulares ou suplentes. Nesta sesión, o tribunal acordará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopcións de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificada no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestaren colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores elevarase ó rector da Universidade de Vigo e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que soliciten na forma prevista na base 3.5.b), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para este efecto, o tribunal poderá solicitar xustificación documental dos aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes e excluirá a aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Vigo, rúa Oporto nº 1, teléfono 986 81 20 00 (central) e 986 81 37 62 (Negociado de persoal de administración e servicios).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra T, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 14 de febreiro de 2001 (DOG do 23 de febreiro).

6.2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase a partir do 1 de xuño de 2002. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrara o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.4. O tribunal poderá acorda-la inclusión de preguntas de reserva que necesariamente deberán ser contestadas polos aspirantes.

6.5. Os aspirantes de nacionalidade estranxeira, previamente á realización dos exercicios da fase de oposición, deberán acredita-lo coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.1.3, ben mediante a superación dunha proba que se axustará ós contidos establecidos no R.D. 826/1988, do 20 de xullo, e na que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de celebración deles e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaran, o servicio de persoal expedirá, de oficio, certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso,

que en ningún caso poderán sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso. No caso de empate, terá preferencia o candidato con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; de persisitir, dirimirase a prol da maior puntuación nos exercicios da fase de oposición, atendendo á súa orde de realización.

O tribunal fará pública para cada sistema de acceso a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados segundo o respectivo sistema de acceso e por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso, se é o caso, e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título académico; no caso de titulación estranxeira, presentarase credencial da súa homologación.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foron separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin atoparse inhabilitados para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións.

d) Os aspirantes que fixeran vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar certificación dos órganos competentes de sanidade ou servicios sociais da Administración que corresponda, que acredite tal condición e igualmente a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións corrrespondentes.

8.2. Quen tivese a condición de funcionario de carreira estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do organismo do que dependan para acreditar tal condición.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requi

sitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados funcionarios de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade.

9. Nomeamento.

9.1. Concluídos os trámites establecidos na base anterior, os aspirantes serán nomeados funcionarios de carreira da escala auxiliar administrativa da Universidade de Vigo, con especificación do destino adxudicado, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación do nomeamento.

10. Norma derradeira.

Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulga-las probas e os que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 2 de xaneiro de 2002

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios e valoración

A/ Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

1º exercicio.-Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, baseado no contido do programa que figura como anexo II.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Cada resposta errónea descontará a metade do valor da resposta correcta.

Cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario obter 18 puntos para superalo.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Os aspirantes por promoción interna estarán exentos da realización deste exercicio.

2º exercicio.-Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 50 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre un ou varios supostos teórico-prácticos, baseado no contido dos seguintes bloques: Procedemento Administrativo (temas 5, 6 e 7); Xestión de Persoal (temas 9, 10 e 13) e Xestión Universitaria (temas 11, 12, 14 e 15).

O tempo máximo de realización será de 90 minutos. Cada resposta errónea descontará a metade do valor da resposta correcta.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario obter 15 puntos para superalo.

3º exercicio.

1ª parte: consistirá nunha proba práctica dirixida a apreciar e valora-los coñecementos informáticos e a capacidade no manexo de paquetes ofimáticos: procesador de textos WORD 2000. Antes de comeza-lo exercicio, o tribunal dará as instruccións que considere necesarias e fixará o tempo de realización.

Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario obter 10 puntos para superala.

2ª parte: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 50 preguntas tipo test, con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre o idioma galego.

O tempo máximo de realización será de 30 minutos.

Terá carácter obrigatorio e non eliminatorio. Cualificarase de 0 a 5 puntos.

B/ Fase de concurso.

Para os aspirantes que superen a fase de oposición, o tribunal valorará a razón de 0,25 puntos por mes completo, ata un máximo de 15 puntos, o desempeño de postos de natureza administrativa no grupo D na Universidade de Vigo. Recibirán a mesma valoración os servicios prestados en postos de natureza administrativa no grupo D na Universidade de Santiago de Compostela con anterioridade ó decreto de segregación. Os servicios computables serán os retribuídos con cargo ó capítulo I do orzamento de gastos e certificados pola respectiva xerencia.

Valorarase igualmente o desempeño de postos de natureza administrativa no grupo D en calquera Administración pública certificada pola correspondente unidade de persoal, a razón de 0,08 puntos por mes completo, ata un máximo de 15 puntos.

ANEXO II

Programa

1. A Constitución española de 1978. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional. O Defensor do Pobo.

2. As Cortes Xerais: composición, atribucións e funcionamento. A elaboración das leis. Os tratados internacionais. O Goberno e a Administración. O presidente do Goberno. Relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais.

3. A Coroa. O poder xudicial. Economía e facenda. A reforma constitucional.

4. O Estatuto de autonomía de Galicia: do poder galego; das competencias de Galicia; da Administración pública galega; da reforma.

5. As fontes do dereito administrativo. A xerarquía das fontes. A Constitución. A lei. As disposicións normativas con forza de lei. O regulamento.

6. A Lei de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Do ámbito de aplicación e principios xerais. Dos órganos das administracións públicas. Dos interesados. Da actividade das administracións públicas.

7. Das disposicións e os actos administrativos. Das disposicións xerais sobre os procedementos administrativos. Da revisión de actos en vía administrativa. Da responsabilidade das administracións públicas e das súas autoridades e demais persoal ó seu servicio.

8. Ámbito de aplicación da Lei de contratos das administracións públicas. Disposicións comúns dos contratos. Da capacidade e solvencia das empresas. Das garantías esixidas para os contratos coa Administración. Dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas. Das prerrogativas da Administración. Da tramitación dos expedientes de contratación. Dos procedementos e formas de adxudicación. Obxecto dos contratos de obra e contratos menores. Disposicións xerais dos contratos de xestión de servicios públicos e de consultoría e asistencia e de servicios. Normas xerais para o contrato da subministración.

9. Réxime xurídico do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia: adquisición e perda da condición de funcionario. Ingreso e sistemas de provisión de postos de traballo. Promoción profesional. Situacións administrativas. Dereitos e deberes. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

10. O sistema de seguridade social. Campo de aplicación e estructura. Afiliación, altas e baixas. Réxime xeral: cotización. Acción protectora. Concepto e clases de prestacións.

11. A Lei orgánica de universidades. Autonomía das universidades, réxime xurídico e estructura.

12. A Universidade de Vigo. Os estatutos: estructura. Órganos de goberno colexiados e unipersoais. A comunidade universitaria. Servicios da Universidade. Garantías xurídicas.

13. Clases e réxime xurídico do profesorado universitario. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

14. Planos de estudios e estudios de terceiro ciclo. Obtención, expedición e homologación de títulos. Convalidación de estudios. Traslados de expedientes. Procedemento de selección para o ingreso nos centros universitarios.

15. O orzamento da Universidade de Vigo. Concepto de orzamento, características e estructura. Ciclo orzamentario: aprobación, execución e liquidación. Modificacións orzamentarias.