Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 24 de xaneiro de 2002 Páx. 921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xaneiro de 2002 pola que se convocan bolsas de colaboración en tarefas relacionadas co Plan Galego de IDT, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, con dependencia orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en virtude do Decreto 309/2001, do 17 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia conforme a estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, ten atribuídas, entre outras funcións, a elaboración, e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

Con este fin, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convocar seis bolsas de nova adxudicación de colaboración en tarefas relacionadas co seguimento do V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2000-2003), na perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Segunda.-Duración e dotación económica das bolsas.

A duración de cada bolsa comprende desde o 1 de marzo de 2002 ata o 31 de decembro de 2002, e poderá prorrogarse, por un máximo de dous anos, en función do aproveitamento do adxudicatario sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica para o ano 2002 oscilará entre 841,42 e 960 euros mensuais. O importe definitivo fixarase na correspondente resolución de adxudicación. No caso de prórroga, a dotación mensual definitiva poderá incrementarse, en función das dispoñibilidades orzamentarias, co fin de homologalas con outras bolsas de ámbito nacional.

Os bolseiros terán dereito a un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Os pagamentos destas bolsas realizaraos a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento por trimestres adiantados quedando o pagamento dos dous últimos meses condicionado á presentación polo bolseiro dun informe sobre os traballos realizados e da declaración complementaria das axudas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de conceder das distintas administracións públicas

competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar á bolsa os titulados/as superiores universitarios que rematasen os seus estudios con posterioridade a xaneiro de 1995.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

b) Currículum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Memoria relativa ó V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e ó Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico en cinco folios, como máximo.

d) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período de desfrute delas.

Sexta.-Comisión de selección.

As solicitudes recibidas serán avaliadas por una comisión de selección nomeada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Presidente: o subdirector xeral de Planificación e Prospectiva da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: o subdirector xeral de Xestión da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e un xefe de servicio da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de sección da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do currículum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

A comisión de selección poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus

méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente, a comisión de selección fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, propoñendo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a adxudicación ós seis candidatos de mellor puntuación e elaborando unha lista de suplentes para o caso de non aceptación ou renuncias dalgún dos adxudicatarios.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación que figure na lista de reserva, que para tal efecto elaborará a comisión de selección.

No caso de que un adxudicatario renuncie, unha vez iniciada a súa colaboración poderá ser substituído igualmente polo candidato que corresponda da lista de reserva, iniciándose os correspondentes pagamentos a partir dese momento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren co horario de traballo de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos que os bolseiros teñan que realizar relacionados co obxecto da bolsas serán pagados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por motivo de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

Os bolseiros presentarán, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados que quedarán en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os bolseiros que unha vez iniciada a bolsa renuncien a seguir prestando a súa colaboración, terán dereito ás mensualidades transcorridas desde o inicio da bolsa ata a data da súa renuncia; para iso, deberán presentar un informe sobre os traballos realizados ata a data de renuncia que quedará en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento .

Os bolseiros terán a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

No caso de que se produzan alteracións das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a resolución da concesión poderá ser modificada.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Décima.

A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Undécima.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de seis meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Duodécima.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden ó importe de 62.280,00 euros, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04-07-432A-480.0 dos orzamentos prorrogados da Comunidade Autónoma para o ano 2002, na que existe crédito adecuado e suficiente e están cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública