Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2002 Páx. 645

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial e control regulamentario e se crea a Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, establece que o cumprimento das esixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial, sen prexuízo do control pola Administración pública, levarase a cabo de acordo cos regulamentos que resulten aplicables utilizando, entre outros medios, certificación ou acta dun organismo de control.

Así mesmo, tamén establece que as administracións públicas competentes poderán comprobar en calquera momento por si mesmas, ou a través de organismos de control, o cumprimento das disposicións e requisitos de seguridade, de oficio ou por instancia da parte interesada en casos de risco significativo para as persoas, animais, bens ou ambiente.

Este mesmo texto legal e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a seguridade e a calidade industrial, definen os organismos de

control como entidades públicas ou privadas, con personalidade xurídica, que se constitúen coa finalidade de verifica-lo cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de productos e instalacións industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría, sendo a súa finalidade fundamental a verificación do cumprimento de carácter obrigatorio da normativa en materia de seguridade das instalacións e productos industriais establecida polos correspondentes regulamentos.

Sen prexuízo dos requisitos específicos contidos no Real decreto 2200/1995 e na Lei 21/1992, de industria, é competencia exclusiva da Xunta de Galicia tanto a inspección de instalacións industriais como o establecemento dos requisitos e condicións adicionais que deben cumpri-los organismos de control no ámbito da inspección industrial nos que pode delega-la súa competencia exclusiva e dar ós seus informes validez oficial para os efectos de autoriza-la posta en funcionamento das instalacións ou a revisión periódica delas.

Este decreto dá resposta á necesidade de dispoñer dunha norma que regule, dentro do marco lexislativo anteriormente citado, aquelas condicións que deben reuni-los organismos de control que operen dentro do ámbito territorial de Galicia.

Por outra parte, o presente decreto configúrase como un instrumento que vai contribuír, de forma positiva, a un mellor coñecemento e actualización da realidade industrial galega, servindo de complemento necesario ó Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, creado polo Decreto 115/2000, do 11 de maio, que serve de instrumento fundamental para a redefinición e adaptación da política industrial galega ós novos tempos, e á vez de instrumento de publicidade da información sobre a actividade industrial ó servicio dos cidadáns e o sector empresarial.

A todo iso engadirémo-la creación, ex novo, da Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia, como órgano encargado do impulso e coordinación dos criterios e actuacións en materia de seguridade industrial e de mellora dos procedementos de actuación dos organismos de control.

O decreto está estructurado en cinco capítulos con vintecinco artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

Na súa virtude, de acordo co dictame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto regula-lo procedemento e condicións nas que se desenvolverán

as actuacións dos organismos de control, públicos ou privados, en materia de seguridade industrial e asegura-la debida coordinación orgánica e funcional en canto os criterios que se van seguir e actividades que se van desenvolver en materia de seguridade industrial e control regulamentario no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As súas normas serán de aplicación ós organismos de control, públicos ou privados, autorizados ou que autorice a Comunidade Autónoma de Galicia, para desenvolve-la súa actividade en instalacións situadas no seu territorio.

3. Os organismos de control son entidades públicas ou privadas con personalidade xurídica que se constitúen coa finalidade de verifica-lo cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de productos e instalacións industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría.

Artigo 2º.-Exercicio das competencias.

A Xunta de Galicia exercerá a inspección e control en materia de seguridade industrial, directamente polos órganos correspondentes da consellería competente en materia de industria ou por organismos de control nos campos de actuación para os que estean debidamente autorizados pola Entidade Nacional de Acreditación.

Artigo 3º.-Acreditación e campos de actuación.

As actividades dos organismos de control estarán limitadas ós campos regulamentarios de actuación especificados na acreditación outorgada en cada caso pola Entidade Nacional de Acreditación que, á súa vez, se correspondan con algún dos que figuran no anexo I e que se refiran ás actuacións expresamente autorizadas ós ditos organismos de control pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Procedemento de autorización

Artigo 4º.-Procedemento xeral.

Os procedementos de autorización a que se refire este capítulo axustaranse ó previsto con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo das especialidades procedementais que se expresan a continuación.

Artigo 5º.-Solicitude de autorización.

1. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a autorización dos organismos de control que inicien as súas actividades no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando nel radiquen as súas instalacións, logo da solicitude correspondente.

2. Á solicitude sinalada, na que se especifiquen os campos nos que se pretende actuar, xuntarase a documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto así como no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que se especifican no anexo II.

Artigo 6º.-Medios persoais e materiais.

Os organismos de control autorizados que exerzan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumpri-las condicións e requisitos que se establecen no artigo 43 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e así mesmo contar como mínimo cos seguintes medios persoais e materiais:

a) Medios persoais: deberán dispoñer, no cadro de persoal, do número de técnicos titulados necesarios para cubrir tódalas actividades para as que estea autorizado, cun número mínimo de catro, estes a xornada laboral completa. Non se terán en conta para estes efectos, aqueles tipos de contratos que en cada momento estean vixentes, e que teñan como finalidade a obtención da práctica profesional do nivel de estudios cursados.

Considérase técnico competente para realiza-las inspeccións e controis a aquel que o sexa para proxecta-las instalacións de que se trate. Esta competencia estenderase unicamente a tres campos de actuación por cada técnico.

Deberán dispoñer igualmente de persoal auxiliar ou administrativo necesario para o desenvolvemento da súa actividade, cun número mínimo de dous e a xornada completa.

b) Medios materiais: unha oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia e atendida, alomenos en horario habitual de traballo, con teléfono, fax e os medios necesarios para a xestión de rexistros, expedientes e documentación das actuacións que realicen.

Artigo 7º.-Resolución de autorización.

1. Unha vez presentada a solicitude e comprobado que reúne os requisitos e condicións establecidos no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e no presente decreto, procederase, logo dos trámites oportunos, mediante resolución do director xeral competente en materia de industria, á autorización do organismo de control para inicia-la súa actividade.

2. Se a solicitude ou a documentación presentada non reunise os requisitos e condicións esixidos, requirirase o interesado para que emende as deficiencias no prazo de dez días. Transcorrido o dito prazo sen telo feito, procederase, mediante resolución debidamente motivada, á denegación da solicitude presentada e ó arquivo das actuacións.

3. O prazo para dictar resolución e para a súa notificación será de tres meses contados a partir de que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

4. Unha vez obtida a autorización e antes de inicia-la actividade o interesado deberá solicita-la inscrición do organismo de control na sección C da división de axentes autorizados para colaborar coas administracións públicas, do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia. A eficacia da autorización quedará condicionada á inscrición no citado rexistro da provincia onde teña radicada as súas instalacións, e farase constar expresamente na autorización, que carece de validez se non vai acompañada da resolución de inscrición no rexistro.

5. Unha vez inscrita, publicarase a resolución de autorización no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

6. A autorización terá validez mentres se manteñan os requisitos que serviron de base para o seu outorgamento e as que en cada momento estableza a lexislación vixente.

Artigo 8º.-Variacións e ampliación dos campos de actuación.

1. As ampliacións dos campos de actuación dos organismos de control requirirá a autorización da dirección xeral competente na materia de industria debéndose segui-los trámites indicados nos artigos 6º e 7º.

2. As variación dos técnicos inspectores con relación a altas, baixas e cualificacións en novos campos de inspección, deberán comunicarse á dirección xeral competente en materia de industria no prazo dun mes.

3. As variacións establecidas nos dous epígrafes anteriores terán a consideración de variación esencial para os efectos do disposto no artigo 9.b) do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia e deberán ser inscritas, ou de se-lo caso, causar baixa no dito rexistro sen que para estes efectos lle sexa de aplicación o límite do dez por cento establecido no parágrafo 4 da letra b) do citado artigo. A baixa do organismo de control no citado rexistro implicará automaticamente a anulación da autorización outorgada.

4. Os organismos de control están obrigados a mante-las condicións e requisitos que serviron de base á súa acreditación e autorización e deberán comunicar á Entidade Nacional de Acreditación calquera modificación dos mesmos, a cal emitirá, se procede, un novo certificado de acreditación.

Artigo 9º.-Publicidade dos organismos de control.

A dirección competente en materia de industria elaborará unha lista oficial de tódolos organismos de control que estean autorizados para actuar na Comunidade Autónoma de Galicia, con indicación dos seus diferentes campos de actuación, que estará á disposición do público en xeral nas delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, así como no Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán. Anualmente publicarase a citada lista oficial no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo III

Réxime de actuacións

Artigo 10º.-Ámbito de actuación e validez das súas inspeccións.

1. Os organismos de control autorizados poderán verifica-lo cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de productos e instalacións industriais establecidas nos correspondentes regulamentos de seguridade industrial.

2. Os organismos de control actuarán por instancia de parte dos interesados ou por solicitude

dos órganos competentes en materia de industria, que estarán facultados para requirir, en calquera momento, ós organismos de control a inspección dunha instalación.

3. Das inspeccións realizadas emitirase o correspondente informe, acta, protocolo, ou certificado correspondente, segundo proceda, no que se fará constar que a instalación inspeccionada cumpre ou incumpre cos requisitos esixibles pola regulamentación de seguridade industrial, e de que se realizaron as probas, ensaios ou verificacións que procedan, con resultado favorable ou desfavorable.

4. Os informes, actas, protocolos ou certificacións favorables acompañarán o resto da documentación que, presentada na correspondente delegación provincial competente en materia de industria, permitirá a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais e a súa posta en funcionamento, así como para acredita-lo cumprimento das revisións periódicas ás que teñen que estar sometidas segundo a regulamentación vixente de seguridade industrial.

5. No suposto de que no informe, acta, protocolo ou certificación do organismo de control non resulte acreditado o cumprimento da normativa en materia de seguridade industrial, este deberá comunicalo ó titular da instalación para que proceda á súa reparación no prazo que se lle indique.

Artigo 11º.-Exclusividade da actuación.

1. O organismo de control que inicie unha actuación deberá finalizala baixo a súa responsabilidade a fin de garanti-la axeitada coordinación de tódolos controis regulamentarios necesarios.

2. Malia o anterior, nas inspeccións periódicas regulamentarias e na modificación de instalacións, poderá actuar un organismo de control distinto do que interveu na súa instalación ou en actuacións anteriores.

Artigo 12º.-Acceso a instalacións.

1. Os titulares ou responsables de instalacións suxeitas a regulamentación de seguridade industrial están obrigados a permiti-lo acceso ás instalacións tanto dos técnicos dos organismos de control dos que teñan contratados os seus servicios, como ós técnicos da consellería competente en materia de industria, así como ós técnicos doutros organismos de control que actúen debidamente acreditados polos órganos competentes do dito departamento.

2. Para o exercicio das súas actividades facilitaráselles en tódolos casos a información e documentación necesaria para o cumprimento das súas funcións.

Artigo 13º.-Rexistro e comunicación de resultado de actuacións.

1. Finalizada a actuación dun organismo de control, este rexistrará e identificará cada un dos expedientes de posta en servicio ou inspeccións periódicas das instalacións nas que interveña.

2. Calquera informe, acta, protocolo ou certificación do organismo de control, independentemente

de que sexan favorables ou desfavorables, deberán ser remitidos á delegación provincial competente en materia de industria no prazo de dez días.

3. Ademais, semestralmente, deberán presentar ante a delegación provincial competente en materia de industria unha memoria por campo de actividade das actuacións realizadas na provincia nas que consten a identificación dos titulares das instalacións, equipos e/ou instalacións inspeccionadas co seu número de identificación ou fabricación, data de inspección e resultado desta, co fin de manter actualizados os rexistros correspondentes.

Artigo 14º.-Inspección pola Administración.

1. En todo caso, a acreditación do cumprimento da regulamentación en materia de seguridade industrial por parte dun organismo de control non excluirá a súa posible verificación polos servicios técnicos da consellería competente en materia de industria.

2. Os servicios técnicos da consellería competente en materia de industria poderán comproba-las actuacións destes organismos mediante un sistema que poderá ser simultáneo ou posterior ás súas actuacións. Así mesmo, a Administración poderá designar persoal técnico que poderá estar presente en calquera actuación dun organismo de control. Para estes efectos, os organismos de control deberán comunicar á delegación provincial, e con alomenos cinco días de antelación, as actuacións que vaian realizar.

Artigo 15º.-Desconformidade nas actuacións.

1. No caso de desconformidade co informe ou certificación co organismo de control, o titular da instalación poderá, mediante escrito razoado, solicita-la intervención da delegación provincial competente.

2. A delegación provincial requirirá do organismo de control os correspondentes antecedentes e realizará as inspeccións de comprobación que considere necesario, dando audiencia ó interesado. No prazo máximo de tres meses, a delegación provincial resolverá sobre a corrección ou incorrección do control realizado polo organismo de control.

Artigo 16º.-Notificación de incumprimentos legais e defectos técnicos. Actuacións en situacións de grave risco.

1. Os organismos de control están obrigados a pór en coñecemento das delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria os incumprimentos legais ou defectos técnicos que detecten no exercicio da súa función inspectora no prazo máximo de dez días.

2. No suposto de que dos defectos técnicos detectados se deducira grave risco de accidente ou emerxencia os organismos de control están obrigados a adopta-las medidas especiais necesarias para que desapareza a situación de risco, remitindo con carácter inmediato a correspondente notificación á delegación provincial competente en materia de industria e demais autoridades competentes segundo o caso.

3. Os organismos de control deberán establece-los mecanismos de vixilancia necesarios ata que desapareza o perigo, ou ata que a autoridade competente adopte as medidas necesarias para controla-la situación, debendo neste último caso presta-la asistencia precisa que se lles requira.

Artigo 17º.-Acceso dos organismos de control á información industrial.

1. Os organismos de control terán dereito ó acceso ás listas de empresas instaladoras, conservadoras e mantedoras de instalacións industriais nos campos nos que están autorizados nas distintas provincias na sección C da división de axentes autorizados do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia. As delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria porán á súa disposición as referidas listas.

2. A inhabilitación dun instalador, conservador ou mantedor será notificada ós organismos de control polo organismo competente.

3. Os organismos de control terán acceso ós datos que consten no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, correspondentes ás instalacións nas que teñan que intervir, cando sexa necesario o seu coñecemento para o correcto desempeño da súa actuación.

4. Para a obtención de ditos datos deberán solicitalo por escrito, xustificando e delimitando con precisión a información requirida, á delegación provincial correspondente, que resolverá no prazo máximo de dez días.

5. Cando un organismo de control tivera acceso ós datos rexistrais dunha instalación na forma prevista no punto 3 deste artigo, quedará obrigada a comunicar ó Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia calquera cambio detectado nos seus datos, aínda que os devanditos cambios non estean directamente asociados á súa actuación.

Artigo 18º.-Control pola Administración pública. Memoria anual.

1. Para os efectos de levar un control das actuacións dos citados organismos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os organismos de control deberán presentar anualmente ante a dirección xeral competente en materia de industria unha memoria das actuacións realizadas e os certificados emitidos, variacións no cadro de persoal técnico dedicado a efectuar inspeccións, así como calquera cambio significativo.

2. Á devandita memoria, que se deberá presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, engadiráselle copia cotexada do informe de seguimento da entidade de acreditación que confirme o mantemento das condicións que permitiron a dita acreditación.

Artigo 19º.-Tarifas.

As tarifas aplicadas polos organismos de control deberán ser comunicadas e rexistradas na dirección xeral competente en materia de industria con detalle das partidas de custo que as compoñen. As devanditas tarifas serán de público coñecemento.

Artigo 20º.-Cesamento de actividades dos organismos de control.

1. Os organismos de control que cesen ou suspendan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia transferirán no prazo dun mes ás delegacións provinciais competentes en materia de

industria tódolos seus rexistros e actuacións administrativas non resoltas, con notificación deste feito ós seus titulares.

2. O cumprimento do disposto no punto anterior non exime os organismos de control de cantas indemnizacións correspondan, ou compromisos económicos puideran derivarse de tal decisión.

Artigo 21º.-Obrigatoriedade de conserva-la documentación.

1. Os organismos de control quedarán obrigados, incluso despois de ter deixado de actuar no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a conservar e poñer á disposición da dirección xeral competente en materia de industria, a documentación procedente das súas actuacións durante o prazo de dez anos.

2. O organismo de control manterá permanentemente informada a dirección xeral competente en materia de industria do lugar onde os devanditos fondos documentais estean depositados.

Capítulo IV

Réxime sancionador

Artigo 22º.-Réxime sancionador.

1. En concordancia co establecido no artigo 31 da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, as infraccións quedan tipificadas como segue:

A) Considéranse infraccións moi graves as tipificadas no punto seguinte como infraccións graves, cando destas resulte un dano grave ou se derive un perigo moi grave e inminente para as persoas, a flora, a fauna, as cousas e o medio.

B) Considéranse infraccións graves as seguintes:

a) O incumprimento dos requisitos polos que foi acreditada a entidade de inspección de control industrial.

b) A expedición de certificados, informes, actas ou calquera outro documento tal que o seu contido non se axuste á realidade dos feitos.

c) A realización de actuacións, inspeccións ou certificados, de xeito incompleto por unha insuficiente constatación dos feitos, por deficiente aplicación das normas técnicas, ou pola utilización de equipamentos inadecuados.

d) A aplicación das tarifas distintas ás notificadas e rexistradas.

e) A non comunicación das variacións que se produciran nas condicións de acreditación e inscrición.

f) A realización de actuacións por persoal técnico non cualificado ou non comunicado á dirección xeral competente en materia de industria.

g) O incumprimento da obriga de dispoñer de procedementos técnicos de actuación.

h) O incumprimento da obriga de permiti-lo acceso ás instalacións e facilita-la información e documentación necesarias para o cumprimento das súas funcións ós técnicos dos organismos de control e ó persoal técnico da consellería competente en materia de industria, polos titulares ou responsables das instalacións suxeitas á regulamentación de seguridade industrial.

C) Considéranse infraccións leves as seguintes:

a) O incumprimento de calquera outra prescrición regulamentaria non incluída nos puntos anteriores.

b) A falta de colaboración coa Administración autonómica no exercicio das actividades derivadas deste decreto.

2. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nelas e en particular:

a) A entidade de inspección e control industrial.

b) Propietario, director ou xerente da entidade de inspección e control industrial en que se comprobe a infracción.

c) Director técnico.

d) Persoal técnico, cando a infracción sexa por causa da súa intervención.

3. En caso de existir máis dun suxeito responsable da infracción ou que esta sexa debida á acumulación de actividades de diferentes persoas, as sancións que se impoñan terán entidade de carácter independente.

4. Cando na aplicación do presente decreto dúas ou máis persoas resulten responsables dunha infracción e non fose posible determina-lo grao de participación, serán solidariamente responsables para os efectos de sancións que se deriven.

5. A competencia para inicia-los procedementos sancionadores corresponde ós delegados provinciais da consellería competente en materia de industria.

Serán competentes para impoñe-las correspondentes sancións:

a) Infraccións moi graves: Consello da Xunta de Galicia.

b) Infraccións graves: conselleiro competente en materia de industria.

c) Infraccións leves: delegado provincial da consellería competente en materia de industria.

6. As infraccións serán sancionadas no xeito seguinte:

a) As infraccións leves, con multas de ata 3.005,06 euros (500.000 pesetas).

b) As infraccións graves, con multas desde 3.005,07 euros ata 90.151,82 euros (500.001 pesetas ata 15.000.000 de pesetas).

c) As infraccións moi graves, con multas desde 90.151,82 euros ata 601.012,10 euros (15.000.001 pesetas ata 100.000.000 de pesetas).

7. Para determina-la contía das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) A importancia do dano e da deterioración causados.

b) A intencionalidade na comisión da infracción.

c) A reincidencia.

Nos supostos de infraccións moi graves, poderase tamén acorda-la suspensión da actividade por un prazo máximo de cinco anos.

8. Nos aspectos integrantes do réxime de infraccións e sancións que afecten os organismos de control non regulados expresamente no presente artigo, haberá que aterse ó disposto no título V da Lei de industria.

Capítulo V

Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia

Artigo 23º.-Creación.

Créase a Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia para o impulso e coordinación dos criterios e actuacións en materia de seguridade industrial e mellora dos procedementos globais de seguridade relacionados coas actuacións dos organismos de control.

Artigo 24º.-Composición e réxime de funcionamento.

1. A Comisión de Coordinación da Seguridade Industrial de Galicia estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral competente en materia de industria ou a persoa na que delegue.

b) Dous funcionarios da consellería competente en materia de industria.

c) Un representante de cada unha das delegacións provinciais competentes en materia de industria.

d) Tres representantes dos organismos de control que actúe na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Un funcionario da consellería competente en materia de industria, que actuará como secretario.

f) Dous representantes de colexios profesionais relacionados cos productos e instalacións industriais sometidas a seguridade regulamentaria, e relacionados coas actividades dos organismos de control.

g) Dous representantes de asociacións de empresas instaladoras e mantedoras de productos e instalacións industriais sometidos a seguridade regulamentaria, e relacionadas coas actividades dos organismos de control.

h) Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

A comisión poderá contar co asesoramento dos técnicos nas distintas materias que se considere conveniente, para o correcto cumprimento das súas funcións.

2. A comisión reunirase alomenos unha vez ó ano, mediante convocatoria do seu presidente. Ademais poderá reunirse cantas veces se considere necesario, por instancia do seu presidente ou por solicitude de alomenos un tercio dos seus membros.

3. En canto ó seu réxime de funcionamento, rexerase polas normas establecidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 25º.-Funcións.

A Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia, terá as seguintes funcións:

a) Informar dos proxectos de disposicións en materia de seguridade industrial de aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como elaborar propostas normativas na materia.

b) Impulsar e promover estudios e informes en materia de seguridade industrial.

c) Coordina-las actuacións dos organismos de control e elaborar protocolos ou procedementos homoxéneos de actuación destes organismos.

d) Deseñar campañas periódicas de actuación de control e propoñer plans de mellora dos procesos, dos productos e instalacións industriais.

e) Cantas outras funcións lle sexan asignadas polos órganos competentes, en materia de seguridade industrial.

Disposición adicional

Os datos de identificación da instalación a facilitar polos organismos de control, en relación coas instalacións industriais, no exercicio da súa función inspectora, serán obxecto de normativa especifica para o efecto no prazo de seis meses.

Disposición transitoria

Os organismos de control que con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto veñan actuando na Comunidade Autónoma de Galicia disporán dun prazo de dous meses, contados a partir da referida data, para achega-los datos e documentos non presentados con anterioridade, e que se relacionan no anexo II.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de industria a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como para modifica-los campos de actuación dos organismos de control na Comunidade Autónoma de Galicia ós que se refire o anexo I.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

Campos regulamentarios de actuación dos organismos de control

1. Instalacións e aparellos a presión (AP).

2. Instalacións eléctricas (RE).

3. Instalacións de almacenamento de productos químicos (APQ).

4. Vehículos e contedores destinados ó transporte de mercadorías perigosas e perecedoiras (VC).

5. Instalacións e aparellos para combustibles gasosos (GC).

6. Instalacións frigoríficas (IF).

7. Construcción de maquinaria con risco (SM).

8. Elementos e instalacións de aparellos de elevación e manutención (AE).

9. Instalacións térmicas dos edificios (ITE).

10. Instalacións contra incendios (ICI).

11. Minería (MI).

12. Instalacións petrolíferas (IP).

13. Accidentes graves (AG).

14. Estructuras metálicas (EM).

15. Cables de aceiro (CA).

16. Instalacións interiores de subministración de auga (NIA).

17. Máquinas recreativas (MR).

18. Atmosferas explosivas (AE).

19. Equipos de detección e medida de CO (ECO).

20. Pararraios (PRR).

21. Formigón preparado (FP).

Esta relación de campos regulamentarios non é exclusiva nin exhaustiva e pode sufrir variacións de acordo a regulamentación vixente en materia de seguridade industrial.

ANEXO II

Relación de documentos e xustificantes que deben de achegarse coa solicitude de autorización ou notificación de actuación

a) Solicitude, que conterá os datos previstos no artigo 70.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nome e enderezo habitual na Comunidade Autónoma de Galicia do responsable da entidade/organismo de control.

b) Estatutos ou normas polas que se rexe a entidade/organismo de control.

c) Copia autenticada da inscrición do organismo de control no Rexistro de Establecementos Industriais (unicamente os organismos de control autorizados noutra comunidade autónoma).

d) Declaración do estatuto xurídico, propiedade e fontes de financiamento da entidade.

e) Certificado da Entidade Nacional de Acreditación sobre o recoñecemento da competencia técnica do organismo de control solicitante. No caso de organismos de control autorizados por outra comunidade

autónoma, copia lexitimada da resolución de autorización. Neste caso, terase o prazo dun ano desde a súa notificación para presentar unha certificación da Entidade Nacional de Acreditación conforme a que tódolos centros de traballo e delegacións emprazadas na Comunidade Autónoma de Galicia foron tidas en conta para a realización das auditorías de seguimento da acreditación con relación ós campos regulamentarios de actuación autorizados e ós documentos normativos asociados a eles.

f) Relación das instalacións e medios materiais e humanos necesarios para desenvolver axeitadamente as actividades que solicita. Para cada campo de actuación indicarase a relación do persoal técnico indicando: nome, DNI titulación, cualificación, educación inicial, formación e adestramento, coñecementos técnicos e experiencia, a súa vinculación laboral e sinatura autorizada.

Indicarase especificamente o persoal administrativo de que se dispón para o desenvolvemento das actividades notificadas.

En relación coas oficinas de atención ó público, indicarase o seu enderezo, teléfono, fax e dirección de correo electrónico (en caso de que o tivese), así como o seu horario de atención. Estas contarán con indicación de localización para a atención de emerxencias e oficina que atenderá as demandas de servicio nesta Comunidade Autónoma.

No caso de solicitude de autorización para actuacións de inspección da seguridade de instalacións industriais, deberase presentar documentación xustificativa de que dispoñen das instalacións, medios materiais e humanos, situados na Comunidade Autónoma, suficientes para atender como mínimo ó 5% das instalacións correspondentes existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Con relación ó numero de técnicos titulados, o número deles será maior ou igual a catro.

g) Declaración sobre a independencia e a neutralidade nas actuacións, así como da observancia dos preceptos legais vixentes por parte do organismo de control autorizado e de cada un dos membros do persoal técnico inspector.

h) Póliza de seguros que cubra os riscos de responsabilidade dunha contía de 200 millóns, que se actualizará de acordo co índice de prezos ó consumo.

i) Se é o caso, programa de calibración dos equipos de verificación, acompañado dun certificado da última calibración efectuada.

Se é o caso, modelo de certificado acreditativo das verificacións periódicas ou posreparación.

Se é o caso, definición do precinto que se utilizará nas súas actuacións, que deberá conte-lo indicativo de inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico.

j) Procedementos específicos para o tratamento das reclamacións que poidan recibir dos clientes ou doutras partes afectadas polas súas actividades.

k) Tarifas que se propón aplicar en cada un dos campos regulamentarios nos que se solicita actuar, con detalle das partidas do custo que as compoñen.