Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2002 Páx. 421

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de xaneiro de 2002 pola que se dá cumprimento ó auto dictado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no que se dispón a execución da sentencia número 255/2001, do 14 de xuño.

Visto polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo o recurso contencioso-administrativo procedemento abreviado nº 38/1999, interposto por Juan Manuel Carballeira Pereira, contra a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de decembro de 1998, pola que se eleva a definitiva a proposta de aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso, entre outras, na categoría 68 (pastor/a oficial 1ª e outros) do grupo III do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, (DOG do 11 de decembro) dictou sentencia nº 255/2001, do 14 de xuño, pronunciándose no seguinte sentido:

«Decido que estimo o recurso contencioso-administrativo interposto polo letrado José Manuel Fernández Varela, en nome e representación de Juan Manuel Carballeira Pereira, contra a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, de data 1 de decembro de 1998, pola que se eleva a definitiva a proposta dos que superaron o proceso selectivo para o ingreso nas categorías correspondentes ó grupo III do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, no concreto aspecto de non figurar incluído na lista definitiva de aspirantes que superaron o proceso selectivo o recorrente, para o acceso á categoría correspondente ó grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, praza de pastor/oficial de servicios técnicos e outros, categoría 68, acceso libre; e declaro o seu dereito a ser restablecido e a figurar como tal, para os efectos de que poida ser nomeado e tomar posesión do referido posto de traballo. E condeno a Administración demandada a que cumpra tales

declaracións e lle dea efectos desde que o recorrente debería ter tomado posesión, aboándoselle tódolos haberes que correspondan desde aquel momento».

Con data do 24 de xullo de 2001, o director xeral da Función Pública dispuxo a execución da sentencia nos seus propios termos, en virtude do disposto nos artigos 103 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Mediante resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 27 de xullo de 2001, aceptouse a renuncia formulada no seu día por Jesús López López á praza correspondente á categoría 68 do grupo III do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia con efectos desde esa mesma data.

Como consecuencia, procede publicar unha nova relación definitiva de aspirantes que superaron o proceso selectivo para o acceso á categoría (68 /pastor/a oficial 1ª e outros) do grupo III do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, na que se recolla a alteración provocada pola execución da citada sentencia, é dicir, que en lugar de figurar nela Jesús López López debe figurar Juan Manuel Carballeira Pereira.

Pola Orde do 30 de xullo de 2001, modifícase a do 1 de decembro de 1998 pola que se eleva a definitiva a proposta de aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso, entre outras, na categoría 68 (pastor/a oficial de primeira e outros) do grupo III do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, de tal xeito, que en lugar de figurar nela Jesús López López figurou Juan Manuel Carballeira Pereira, DNI: 33813014 (DOG nº 165, do 27 de agosto de 2001).

Con data 6 de setembro de 2001, o señor Carballeira Pereira presentou a documentación esixida na base V.1 da orde da convocatoria.

Seguidamente, procedeuse a citar ó Carballeira Pereira ó acto de elección dos destinos que se lle ofertan, que tivo lugar o 7 de novembro de 2001 ás 9.30 horas nas dependencias da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais desta dirección xeral, elixindo o posto co código AG.C99.10.501.15001.040 da categoría 68 do grupo III (pastor/a oficial de primeira e outros).

De acordo co disposto na base V da orde de convocatoria do proceso selectivo así como no artigo 12 do III Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, os devanditos trámites previos son imprescindibles para poder proceder ó nomeamento como persoal laboral fixo e tomar posesión do posto de traballo que se adxudique.

Por auto do 12 de decembro de 2001 do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo notificado o 27 de decembro, requírese a Consellería da Presidencia e Administración Pública para que execute a sentencia nº 255/2001, do 14 de xuño e en consecuencia sinale día e hora para a toma de posesión do actor, absténdose de calquera acto que impida a execución da sentencia e aboe os atrasos conforme o sentenciado. Este auto é inmediatamente executivo.

En consecuencia e en cumprimento no devandito auto:

DISPOÑO:

Primeiro.-Nomear persoal laboral fixo da Xunta de Galicia a Juan Manuel Carballeira Pereira, con DNI nº 33813014 e adxudicarlle como destino definitivo o posto de capataz agrícola (grupo III, categoría 68) co código AG.C99.10.501.15001.040 con destino no Servicio de Sanidade e Producción Vexetal na Coruña.

Segundo.-Para adquiri-la condición de persoal laboral fixo, o interesado deberá tomar posesión no devandito posto de traballo no prazo previsto no artigo 13 do III Convenio colectivo único para persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Terceiro.-O prazo de toma de posesión comezará a computarse a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Contra esta orde pódese interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da dita publicación ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo competente, conforme o artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública