Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2002 Páx. 385

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 419/2001, do 28 de decembro, sobre axudas ós usuarios da A-9 entre Vigo e O Morrazo residentes na provincia de Pontevedra.

O día 10 de febreiro de 2001 a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Pontevedra e os concellos da Coruña, Arteixo, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas do Morrazo, Moaña e Vigo fixeron público o seu posicionamento respecto ás peaxes da A-9 e A-55.

Neste posicionamento institucional maniféstase, entre outras, que os tráficos existentes entre O Morrazo-Vigo teñen unha natureza eminentemente metropolitana, de forte impacto social (actividade industrial, asistencia sanitaria, comercio, educación, etc.) e condicionada pola peaxe. A situación agrávase no caso da ría de Vigo pola súa morfoloxía, para os residentes en Ámbalas dúas marxes.

Co fin de facilita-la mobilidade de determinados usuarios que utilizan o tramo Vigo-O Morrazo da A-9, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e a Deputación de Pontevedra consideran de interese social establecer axudas que minimicen o impacto económico provocado pola existencia da peaxe. Ambas administracións están de acordo en articular un sistema que subvencione os usuarios da A-9 entre Vigo e O Morrazo residentes na provincia de Pontevedra, no pagamento da peaxe que estes satisfán á concesionaria.

A concesionaria, polo tanto, percibirá integramente o importe das peaxes correspondentes, conforme o disposto no contrato de concesión da construcción, conservación e explotación da autoestrada do Atlántico (A-9), formalizado co Ministerio de Fomento.

Nos orzamentos xerais da Comunidade autónoma para 2002 incluirase a partida orzamentaria 06.03.413B 480

transferencias correntes a familias, por importe dun millón setecentos cincuenta e catro mil novecentos cincuenta e cinco euros con trinta e catro céntimos (1.754.955,34 A) para facer fronte a este gasto. No proxecto de orzamentos prorrogados contémplase a partida correspondente para facer fronte ós pagamentos desde o comezo do ano. Así mesmo, a Deputación de Pontevedra incluirá nos seus orzamentos unha partida específica polo mesmo importe e co mesmo fin.

O presente decreto adáptase ó réxime xurídico das subvencións regulado por Lei 8/1999, do 30 de decembro, e que modifica as disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e pola Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

O presente decreto desenvolverase, a partir de 2003, mediante ordes anuais que determinarán a contía dos recursos.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto regula-la subvención do custo da peaxe na autoestrada A-9 entre Vigo e O Morrazo para os residentes na provincia de Pontevedra, mediante subvencións directas ós particulares nas condicións que a continuación se establecen. En todo caso condiciónase o outorgamento da axuda á existencia de crédito orzamentario axeitado e suficiente.

Artigo 2º.-Bonificacións.

Bonificaranse ata oitenta viaxes ó mes e a partir dun mínimo de dez por usuario e vehículo. A bonificación efectuarase tendo en conta o importe total da peaxe, IVE incluído, e afectará exclusivamente ós itinerarios Vigo-O Morrazo e O Morrazo-Vigo. O dereito a percibi-la subvención nace unha vez realizada a viaxe nas condicións establecidas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Condicións.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas que acrediten as seguintes condicións:

a) Estar empadroado en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

b) Ter o domicilio fiscal para efectos da declaración do IRPF na demarcación destes concellos. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas exentas, non obrigadas a presentar declaración ou non suxeitas a este imposto que así o acrediten.

c) Ser titular dun vehículo que pague o imposto sobre vehículos de tracción mecánica nos mencionados concellos.

d) Estar ó día das súas obrigas tributarias coa administración estatal, autonómica, local e da seguridade social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Os solicitantes das axudas deberán ter unha conta soporte de tarxeta na que deberán facerse os cargos e aboamentos correspondentes ó sistema.

2. Documentación.

Para a obtención da tarxeta, de acordo co artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e co artigo 41, tres, f) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, os solicitantes, tanto familias como institucións sen fin de lucro, deberán presenta-la seguinte documentación:

-Certificación do domicilio fiscal do solicitante para efectos da declaración do IRPF ou ben certificado da exención, non obrigación de presentar declaración ou non suxeición ó mesmo.

-Certificado expedido polo órgano competente que acredite o empadroamento en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

-Copia cotexada do último recibo xustificante do pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica.

Non obstante, a documentación necesaria para a solicitude da tarxeta poderá variar segundo as esixencias que recollan as leis de orzamentos ou sobre subvencións.

3. Tarxeta.

Expedirase unha tarxeta por cada persoa física, agás as persoas titulares de máis dun vehículo, que poderán obter igual número de tarxetas que vehículos consten ó seu nome na xefatura provincial de tráfico.

A entidade financeira colaboradora cobrará ós solicitantes da tarxeta unha cota, que se concretará no correspondente convenio, tanto no caso de emisión como de renovación, mediante cargo na conta soporte no momento da súa entrega en concepto de gasto de expedición da tarxeta.

Igualmente os beneficiarios da subvención deberán estar ó día de tódolos pagamentos da peaxe por utilización da autoestrada A-9 e, en especial, os que se efectúen coa mencionada tarxeta e que queden á marxe da subvención. O incumprimento desta condición será causa automática de anulación da tarxeta, perdendo o dereito a percibi-la subvención en tanto permaneza a débeda.

Artigo 4º.-Xestión.

A xestión das axudas previstas realizarase a través da entidade ou entidades colaboradoras, que será unha entidade financeira que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra acorden en función dunha mellor operatividade, interese social, solvencia e implantación xeográfica. A entidade financeira elixida será a responsable de chegar a un acordo de xestión coa empresa concesionaria da autoestrada, sen que esta teña que soportar custos adicionais ós actuais para outros emisores de tarxetas.

1. Solicitude.

A solicitude da tarxeta, que implicará a da subvención, presentarase, xunto coa documentación requirida, ante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en calquera momento a partir da entrada en vigor deste decreto.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda resolverá expresamente sobre a procedencia do outorgamento da subvención e da tarxeta, as cales, subvención e tarxeta, terán validez durante o ano natural, tendo que renova-la mesma a partir do un de novembro de cada ano presentando de novo a documentación antes requirida. Transcorridos dous meses desde a presentación da solicitude sen que se recibise contestación, poderá entenderse desestimada. O solicitante deberá indicar un domicilio para efectos de notificacións. Unha vez recibida a notificación de reso-

lución favorable, o beneficiario solicitará a tarxeta ante a entidade colaboradora que se lle indique; así mesmo a consellería informará a esta última de tódalas resolucións adoptadas para facilita-lo control e coordenación.

2. Resolución e recursos.

O órgano competente para dicta-la resolución será o director xeral de Obras Públicas. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

O director xeral de Obras Públicas resolverá mensualmente sobre a procedencia do aboamento a efectuar e transferirase o importe del á entidade colaboradora, durante os 15 días seguintes á recepción da documentación enviada por esta.

Así mesmo, notificará á Deputación de Pontevedra sobre as resolucións adoptadas para que proceda do mesmo xeito. A entidade colaboradora realizará entón os aboamentos correspondentes nas contas dos beneficiarios da subvención. A deputación poderá solicitar á consellería a documentación que xustificou o pagamento para realiza-las comprobacións que estime oportunas.

3. Liquidación.

Con obxecto de realiza-los pagamentos, a entidade colaboradora facilitará á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, mensualmente, en soporte informático e antes do seu aboamento.

1. Unha lista cos seguintes datos:

- Número da tarxeta.

- Nome e apelidos do titular.

- DNI ou CIF.

-Domicilio.

- Número de viaxes realizadas.

- Importe total das viaxes.

- Importe do aboamento subvencionable.

2. Toda a información recibida da empresa concesionaria sobre o uso da autoestrada.

Artigo 5º.-Aboamento.

A operación de aboamento ós beneficiarios efectuarase por meses vencidos e recollerá a información seguinte:

- Período de facturación.

- Nome e apelidos do titular.

- Número da tarxeta.

- Número de viaxes realizadas.

- Importe total das viaxes.

- Importe total da subvención.

Cada usuario poderá conserva-los comprobantes de paso se quere cotexa-lo contido da liquidación do aboamento, no cal constará a citada información.

Unha vez cumpridas as condicións para recibi-la subvención, a consellería e a deputación aboarán os importes correspondentes á entidade colaboradora, polo que os beneficiarios tan só se farán finalmente cargo dos conceptos que queden ó marxe da subvención. Non obstante, e mentres as dúas administracións non efectúen os aboamentos á entidade colaboradora, os beneficiarios deberán facerse cargo dos pagamentos.

Artigo 6º.-Incumprimentos

A entidade colaboradora remitirá a documentación e informará á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sobre o uso fraudulento da tarxeta ou do incumprimento das condicións esixibles para o outorgamento da subvención, resolvendo a consellería expresamente de acordo coa normativa vixente. O órgano competente para dicta-la resolución denegatoria por parte da Administración autonómica será o Director Xeral de Obras Públicas. Contra a resolución denegatoria da consellería poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

Artigo 7º.-Facultade de inspección.

Tanto a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como a Deputación de Pontevedra poderán realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados e a realización do obxecto da subvención.

Artigo 8º.-Garantías.

O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga de reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 9º.-Incompatibilidade.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para o mesmo fin outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Entidades colaboradoras.

As entidades colaboradoras seleccionadas, que deberán ser entidades financeiras con probada solvencia, deberán cumprir coas esixencias recollidas para as mesmas na Lei 8/1999, do 30 de decembro, que modifica as disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

De acordo co artigo 7 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a concesión das axudas quedan condicionadas á autorización expresa ou silencio positivo da Comisión Europea, quedando, en todo caso, a concesión das axudas supeditadas ós condicionantes que poida establece-la Comisión Europea na súa autorización.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia indefinida. Non obstante, as axudas previstas neste decreto producirán efectos económicos durante o ano 2002, para o que está previsto consigna-las correspondentes partidas orzamentarias na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e na Deputación de Pontevedra.

En anos sucesivos dictaranse as correspondentes ordes onde-logo de convenio entre a consellería e a deputación-se recolla o financiamento de cada exercicio. En todo caso, entenderase limitada a subvención á existencia de crédito suficiente en cada exercicio.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda