Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2002 Páx. 328

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 418/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o papel numerado especial da Comunidade Autónoma de Galicia para uso das corporacións locais.

De acordo co establecido no artigo 199 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, e no Decreto 101/1983, do 14 de xullo, sobre libros de actas de acordos e resolucións das corporacións locais, e co obxecto de facilita-la transcrición mecanizada das actas das sesións dos órganos colexiados e resolucións dos presidentes das ditas corporacións dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicouse o Decreto 85/1987, do 14 de abril, polo que se crea o papel numerado da Comunidade Autónoma para o uso das corporacións locais, e a Orde do 22 de abril de 1987 que o desenvolve.

Con este decreto preténdense adapta-las características do papel numerado especial da Comunidade Autónoma de Galicia para uso das corporacións locais á realidade actual e residencia se a xestión desta competencia na Dirección Xeral de Administración Local dentro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Por todo isto, para o correcto desenvolvemento e execución das previsións destas normas e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As corporacións locais comprendidas no ámbito territorial de Galicia que resolvesen, mediante acordo do Pleno, a transcrición por medios mecánicos das actas das sesións dos seus órganos colexiados e as resolucións dos seus presidentes, poderán solicitar da Consellería de Xustiza Interior e Relacións Laborais a provisión do número de follas que consideren necesarias, de papel numerado especial da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

As follas de papel numerado especial para uso das corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia terán as seguintes características:

a) Formato: UNE A-4 de papel branco.

b) Papel: 80 gramos/metro cadrado.

c) No ángulo superior esquerdo figurará o escudo oficial de Galicia, impreso en tinta de cor azul, e debaixo deste a lenda Papel Numerado Corporacións Locais. No ángulo superior dereito figurará o número de serie correlativo de cada folla, impreso en cor negra.

d) Na parte superior da folla figurarán uns espacios onde se indican os lugares de estampación do selo da corporación, da sinatura do presidente e do número da folla, impresos en cor negra.

e) Levará estampada en tinta azul unha liña vertical a tres centímetros da marxe esquerda no anverso, e a tres centímetros da marxe dereita no reverso, que permita a súa unión nas actuacións ou a súa incorporación ó correspondente libro.

Artigo 3º

A Dirección Xeral de Administración Local levará un libro de rexistro para a constancia e control da serie e número de follas que se remiten a cada corporación, por datas de envío.

Disposicións transitorias

Primeira.-As corporacións locais, mentres teñan no seu poder remanentes de follas antigas do papel numerado da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán facer uso delas ata que esgoten as súas existencias.

Segunda.-Mentres non se aprobe a normativa de desenvolvemento deste decreto, queda vixente a Orde do 22 de abril de 1987 no que non se opoña ó disposto neste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 85/1987, do 14 de abril, polo que se crea o papel numerado da Comunidade Autónoma para o uso das corporacións locais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais