Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 09 de xaneiro de 2002 Páx. 298

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN E COOPERACIÓN EXTERIOR

ORDE do 2 de xaneiro de 2002 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

A actividade administrativa da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio, tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988,

do 20 de outubro, o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dipoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, prevista no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel, e as que lle correspondan ó director xeral da Función Pública.

f) Dispoñer canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2002.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración e Cooperación Exterior