Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2002 Páx. 247

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2001, da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario de Ourense, pola que se anuncia o concurso público 19/2001, polo procedemento aberto, tramitado con carácter urxente, para a contratación do servicio de seguridade e vixilancia deste complexo hospitalario.

A Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario de Ourense, en virtude das atribucións que lle foron delegadas conforme o establecido no artigo único, letra i) da Orde do 18 de marzo de 1999 (DOG nº 58, do 25 de marzo), da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, modificada pola do 23 de marzo de 2000 (DOG nº 103, do 29 de maio),

RESOLVE:

Convoca-lo seguinte concurso público: contratación do servicio de seguridade e vixilancia do Complexo Hospitalario de Ourense.

Orzamento máximo de licitación: 144.000.000 de pesetas (865.457,43 euros), IVE incluído, correspondente ó total do período da súa execución.

Forma de adxudicación: procedemento aberto mediante concurso público 19/2001, tramitado con carácter urxente.

Prazo de execución: 2 anos, contados desde a data da sinatura do contrato.

Admisión de variantes: non se admiten.

Solvencia económica, financeira e técnica: non se require.

Clasificación económica: grupo: III, subgrupo: 2, categoría: C

Fianza provisional: 2% do orzamento máximo de licitación autorizado.

Fianza definitiva: 4% do importe de adxudicación.

Criterios de adxudicación: ver punto 12 das follas de especificacións do prego de cláusulas administrativas particulares.

Documentación de interese para os licitadores: os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas e demais documentación complementaria poden ser solicitados na unidade de contratación deste complexo hospitalario (Hospital Xeral; edificio de administración, planta baixa, rúa Ramón Puga nº 52 de Ourense), en días laborables, agás sábados, das 9 ás 14 horas. Tamén poderán coñoce-lo seu contido a través da Internet: http://www.sergas.es.

Presentación de proposicións: presentaranse en man, en sobres pechados e asinados polo licitador ou persoa que o represente, no rexistro xeral deste complexo hospitalario, antes das 14 horas do décimo quinto día natural contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou enviadas por correo dentro do prazo sinalado. No caso de que o dito día coincida en sábado ou festivo, o prazo de presentación finalizará o día hábil seguinte.

Cando as proposicións se envíen por correo, o licitador deberá xustifica-la data de imposición do envío na oficina de correos e anunciarlle ó órgano de contratación a remisión da oferta mediante fax 988 38 55 50 ou telegrama no mesmo día, de conformidade coa lexislación vixente.

Apertura de proposicións: terá lugar en acto público na sala de xuntas anexa á Dirección de Recursos Económicos e Servicios Xerais, sita no Hospital Xeral (edificio de administración), deste complexo hospitalario, ás 9 horas do oitavo día natural contados desde o seguinte a aquel no que remate o prazo de presentación de ofertas. No caso de que o dito día coincida en sábado ou festivo, a apertura das proposicións terá lugar o día hábil seguinte.

Documentación que achegarán os licitadores: os documentos sinalados nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas.

Anuncios: o pagamento dos anuncios deste concurso público será por conta do adxudicatario do contrato.

Ourense, 20 de decembro de 2001.

Alfonso Clemente González

Xerente xeral do Complexo Hospitalario de Ourense