Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 07 de xaneiro de 2002 Páx. 169

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil. (Clave OU/01/7.1).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, esta dirección xeral

RESOLVE:

Que se faga pública a Resolución do 11 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil, clave OU/01/7.1, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2001.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

Resolución do 11 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil (clave OU/01/7.1), no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia.

O artigo 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, establece a obrigatoriedade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I.

Dado que o proxecto obxecto desta declaración se inclúe nos supostos do punto 7 do citado anexo, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil, clave 0U/01/7.1, no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense).

O proxecto obxecto de avaliación consiste na execución dunha ponte sobre o río Sil ó seu paso polo concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), ademais da realización dun treito de estrada de 775 m para darlle acceso e creación dunha glorieta para a conexión da ponte e acceso coas estradas actuais.

No anexo I resúmese o proxecto de trazado e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do citado decreto, a Dirección Xeral de Obras Públicas e, mediante a publicación no BOE nº 72, do 24 de marzo de 2001, no DOG nº 65, do 2 de abril de 2001, e no BOP do 24 de marzo de 2001, sométese a trámite de información pública o proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil, clave 0U/01/7.1, no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), por un período de trinta días hábiles, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 13 de setembro de 2001 recíbese nesta dirección xeral o expediente completo do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, contendo os resultados de información pública, o informe do Concello de Vilamartín de Valdeorras, da Confederación Hidrográfica do Norte, da Xefatura de Mantemento de Infraestructuras de Renfe, e das direccións xerais de Montes e Medio Ambiente Natural, Patrimonio Cultural e Saúde Pública.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos como resultado das consultas efectuadas. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA.

Unha vez realizada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avalación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil, clave 0U/01/7.1, no concello de Vilamartín de Valdeorras (Ourense), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental:

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o proxecto de trazado e estudio de impacto ambiental dunha ponte en Vilamartín de Valedorras, río Sil, clave OU/01/7.1. Decembro de 2000; a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente DIA, as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existise contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e esta declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

a) Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolvido no documento titulado proxecto de trazado dunha ponte en Vilamartín de Valdeorras, río Sil, clave OU/01/7.1, de acordo co trazado reflectido no citado proxecto.

b) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de vieiros e zonas de obra de forma suficiente nos períodos de seca.

1.2. Sobre o ruído.

Adoptaranse as medidas axeitadas para que os niveis de ruído cumpran co disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) e, se é o caso, co disposto nas ordenanzas municipais ó respecto.

2. Protección dos solos.

2.1. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto 8.2. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos.

2.2. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co punto 9.1.3 do EIA).

2.3. De acordo co reflectido no proxecto e EIA, delimitarase a zona afectada polas obras, incluíndo as instalacións e vías auxiliares, restrinxíndose os movementos da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

2.4. Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona de mantemento de maquinaria, dispoñendo dos medios necesarios para previr calquera afección ó solo por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.5. No caso da definición de vías auxiliares, primará o uso da propia traza fronte ó de vías locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novas vías. Estas deberán ser definidas e reflectidas en planos a escala 1:2.000 tal e como se require nos puntos 8.2 e 8.3.

2.6. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación da nova vía, deberán xestionarse conforme a súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso.

2.7. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se situasen sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas á súa situación preoperacional.

2.8. A totalidade dos materiais que se precisen deberán proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise a apertura de canteiras para a execución das obras ou a xeración de vertedoiros para sobrantes do proceso de movementos de terras, solicitaranse previamente as autorizacións correspondentes en aplicación da lexislación vixente.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. De forma previa á execución das obras, procederase ó replanteo e balizado da zona de traballo, co obxecto de evitar afeccións innecesarias ó río Sil.

3.2. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra e que conten coas debidas autorizacións, agás que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta.

3.3. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte de España.

3.4. Queda prohibida a vertedura de calquera tipo de material ou substancia ás augas, en especial cemento, formigón e hidrocarburos.

3.5. Os dispositivos de drenaxe proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións. Este deseño tamén deberá asegurar que as obras de drenaxe transversal non produzan erosión, dispoñéndose dispositivos disipadores naqueles puntos onde sexan previsibles estes fenómenos.

3.6. En fase de obra, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorrega superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais. A definición e localización destes sistemas presentarase na documentación solicitada no punto 8.6.

4. Protección da fauna e vexetación.

4.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, que non estea afectada directamente pola execución da obra, para o que se balizará a zona de obras previamente ó seu comezo.

4.2. A eliminación da vexetación da área que se vai explotar será sempre mediante sistemas de roza.

4.3. Previamente a calquera afección á vexetación de ribeira, terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de Medio Ambiente tal e como establece o Decreto 130/1997.

4.4. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras, levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

4.5. Non se poderán empregar herbicidas como tratamento nos foxos durante a explotación.

5. Protección da paisaxe.

5.1. Restauraranse tódalas superficies afectadas polas obras, de acordo co proxecto de restauración contido no EIA.

5.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración coa maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

6. Protección do patrimonio.

Levaranse a cabo as seguintes actuacións arqueolóxicas nos termos e períodos temporais que se indican a continuación:

6.1. De maneira previa ó comezo das obras deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio un proxecto para a realización dun estudio xeoarqueolóxico, así como un proxecto para o control e seguimento das fases de replanteo, execución das obras e de restitución dos terreos. Ámbolos dous deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6.2. Nos planos de proxecto empregados polo persoal de obra deberán figura-los elementos do patrimonio cultural, así como os posibles elementos etnográficos existentes nas vías de acceso á obra e no seu contorno próximo.

7. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio de efectos ambientais e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas.

7.1. Tódalas analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 9.4 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7.2. Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares de:

7.2.1. Durante a fase de obras:

a) Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

b) Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental, xunto co cronograma actualizado das obras. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

c) Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras establecidas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, xunto con reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado dos traballos de restauración levados a cabo, indicando se é o caso as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente as zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

-Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos.

7.2.2. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

a) Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental contido no estudio de impacto ambiental, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

8. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitirá ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que puideran derivar do dito proceso, dúas (2) copias da seguinte documentación:

8.1. Cronograma de obras previsto, considerando o establecido nas condicións 4.4 e 5.2.

8.2. Planos a escala 1:2000 nos que se sitúen tanto as zonas de amoreamento de terra vexetal como as destinadas a parque de maquinaria e almacenamento de materiais.

8.3. Definición de vías auxiliares ás obras, segundo o indicado na condición 2.5, reflictíndoos no plano requirido no punto 8.2.

8.4. Definición dos plans de almacenamento de préstamos e de relocalización de sobrantes, xustificando e sinalando en planos a situación destas zonas.

8.5. Xustificación de que as instalacións auxiliares, zonas de mantemento de maquinaria e de almacenamento da terra vexetal se realizan conforme o establecido nas condicións 2.1 e 2.2.

8.6. Definición dos sistemas destinados a impedir ou controla-la chegada en fase de obra de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás aguas continentais, conforme establece a condición 3.6.

8.7. Proxecto de estudio xeoarqueolóxico e proxecto de seguimento e control arqueolóxico, conforme establece a condición 6.1.

9. Condicións adicionais.

9.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

9.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Poderase proceder do mesmo xeito no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

9.3. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento. Non obstante, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa execución, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

9.4. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

9.5. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

9.7. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e sexan corrixidas.

9.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001. Francisco Pan-Montojo González, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Descrición do proxecto

Atendendo ás deficiencias nas comunicacións entre ámbalas dúas marxes do río Sil, xorde a necesidade de realizar unha ponte coa súa estrada de acceso no concello de Vilamartín de Valdeorras que contribúa á comunicación de tódolos núcleos e

terreos existentes na marxe esquerda do dito concello, que viron ralentizado o seu progreso por, entre outras cousas, a falta dunhas axeitadas vías de comunicación terrestres.

O treito de estrada proxectada de acceso á ponte e que discorre paralela ó río pola súa marxe dereita, conectarase a través dunha glorieta ó paseo fluvial existente nesa marxe, que chega ata as piscinas municipais e área recreativa de Vilamartín de Valdeorras.

Selección da localización:

Considerouse en primeiro lugar, a localización próxima ó paso superior de nova execución realizado sobre a vía do tren, á altura do p.k. 55 da estrada N-120, de xeito que se aproveite para o seu uso, e evitar ter que realizar un novo paso sobre a vía do tren próximo ó existente, de difícil execución pola orografía do terreo e pola radicación das diferentes infraestructuras e cunha conexión complicada coa estrada N-120 á que se pretende dar acceso.

Por outro lado planteouse situa-la dita ponte nunha zona próxima ó núcleo de Vilamartín de Valdeorras e onde o río Sil fose o bastante estreito e pouco profundo, para facilita-la execución das zapatas e pías da ponte onde a orografía do terreo na zona de radicación dos estribos o permitise.

Desta maneira foi seleccionada a localización representada nos planos de proxecto. Caracterízase por ser unha zona onde o río forma un meandro no que a parte profunda está na súa marxe esquerda, quedando entre o apoio central e un dos apoios exteriores, e na marxe dereita é de pouca profundidade posto que é unha zona pertencente á cola do encoro de Santiago, onde as augas invaden parte do terreo, só nos casos en que se está realizando a regulación do encoro.

Características do trazado:

A lonxitude total da traza é de 775 m, cunha sección transversal composta por:

-Calzada (2 carrís de 3,50 m): 7 m.

-Beiravías (2 carrís de 1 m): 2 m.

-Total plataforma: 9 m.

A ponte proxectada sobre o río Sil é unha estructura consistente nunha ponte de vigas prefabricadas de formigón armado de 1,65 m de altura e lousa de compresión de 0,20 m, con catro (4) vans de 36,75 m de luz cada un, para unha lonxitude total de 147 m.

A localización dos apoios foi prevista de tal xeito que o apoio central estea situado nunha zona pouco profunda, e que coa regulación do encoro de Santiago permita a súa execución en terreo seco cunha pequena protección ou desvío das augas.

Medidas protectoras e correctoras:

* Atmosfera:

-Regas das superficies afectadas polos movementos de terras.

-Recubrimento dos materiais que haxa que transportar.

* Solos:

-Delimitación das zonas sometidas á actividade.

-Definición clara das áreas de circulación, almacenamento e parques de maquinaria, recomendando o emprego da traza como viario de obra.

-Establecerase un plan de xestión de residuos e verteduras xerados pola obra.

-Retirarase e reutilizarase o máximo volume posible de solo fértil na revexetación e acondicionamento paisaxístico.

-Realizarase un plan de almacenamentos para a obtención do material de préstamo para a obra.

-Plan de relocalización de sobrantes.

* Calidade das augas:

-A construcción dos piares realizarase exclusivamente cando a zona non estea recuberta de auga.

-Evitarase no posible a destrucción da vexetación de ribeira.

-Disporanse os elementos de defensa precisos para evita-la posibilidade de arrastres en caso de enchente. Así mesmo, disporanse os elementos precisos para evita-la vertedura ou lavado de materiais cara ó río Sil.

-Evitarase a disposición de materiais na ribeira, adoitando medidas para evita-lo seu arrastre.

* Procesos de escorrega:

-Recoméndase realizar un seguimento da correcta situación e dimensionamento dos sistemas de drenaxes.

* Fauna:

-Evita-lo emprego de herbicidas para o tratamento da vexetación.

* Paisaxe:

-A integración paisaxística realizarase mediante a execución do proxecto de restauración.

* Medio socioeconómico:

-Sinalización de aviso de obras e de vías alternativas.

-Emprego de man de obra local.

-Realización dos traballos de movemento de terra e transporte de material en condicións atmosféricas favorables.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa o seguinte:

A zona afectada polo proxecto está caracterizada polo curso do río Sil e a súa correspondente vexetación de ribeira.

No ámbito de actuación das obras proxectadas non hai ningún espacio declarado de interese a conservar por algunha das figuras de protección existentes. Sen embargo, os valores ambientais da zona correspóndense coas comunidades de flora e fauna do medio fluvial que será prioritario protexer segundo o disposto na Lei 7/1992, de pesca fluvial de Galicia e no seu regulamento, onde se declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos.

Só se cortará a vexetación estrictamente necesaria para a realización das obras, unha vez se obteñan os permisos administrativos correspondentes.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable, aínda que sinala que deberán realizarse as actuacións arqueolóxicas previstas no proxecto e na memoria técnica da prospección arqueolóxica intensiva, así como as reflectidas na addenda á citada memoria técnica.

Polo tanto, deberá presentarse un proxecto para a realización dun estudio xeoarqueolóxico, así como un proxecto para o control e seguimento das fases de replanteo, execución das obras e de restitución dos terreos, proxectos que deberán ser autorizados por esta dirección xeral e realizarse conforme a normativa vixente na materia.

Engádese que de acordo cos resultados obtidos das referidas actuacións arqueolóxicas, a dirección xeral decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Ademais, deberá considerarse que na fase de replanteo se revisarán os impactos e se valorará a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Tamén se sinala que nos planos de obra deberán figura-los elementos do patrimonio, así como os posibles elementos etnográficos existentes nas vías de acceso á obra e nos seus arredores.

Por último, sinálase que no caso de que aparezan xacigos arqueolóxicos no transcurso do proceso constructivo, deberanse establecer e executa-las medidas correctoras pertinentes para evita-lo impacto.

A Confederación Hidrográfica do Norte de España sinala que aínda se está tramitando a solicitude de autorización para a execución do proxecto, cun prazo límite para a súa resolución o 21 de setembro de 2001.

Renfe sinala que non ten nada que obxectar ó proxecto de referencia.

Sen embargo, consideran incompleto o capítulo dedicado á drenaxe dos terreos que quedarán confinados entre a vía e a estrada, xa que non recolle o saneamento da zona onde estas vías estarán máis próximas nin a evacuación das augas procedentes do serrado de lousa da factoría próxima, que na

actualidade decantan a unha balsa existente neste lugar e que quedará ocupada pola nova estrada.

Por último, recordan que en atención á Lei de ordenación do transporte terrestre, antes de proceder á execución do proxecto, deberase contar con autorización deste organismo.

O Concello de Vilamartín de Valdeorras certifica a exposición pública sen que se presentaran alegacións e engade que o proxecto se entende axeitado para o interese xeral e para o interese das localidades afectadas.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2001. Gerardo Pallares Sánchez, subdirector xeral de Estradas.