Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 03 de xaneiro de 2002 Páx. 81

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. Xinzo (sureste), no concello de Xinzo de Limia, provincia de Ourense. (Expediente IN407A 01/81-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ A Batundeira, nº 2, Velle-Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de ener-

xía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. María del Carmen López Fernández (predio nº 3): manifesta a súa oposición á ocupación do predio polos prexuízos económicos que iso lle supón e solicita información relativa ó expediente. Esta información xa lle foi achegada co noso escrito do 19-10-2001, no que tamén se lle informaba que non corresponde a esta fase do procedemento o resolve-las discrepancias nas valoracións económicas, por ser competencia do Xurado Provincial de Expropiación.

2. Manuel Barja Jardón (predio nº 4): solicita o cambio de trazado co desprazamento da liña cara ós predios colindantes ou, no seu defecto, polo lindeiro con aquelas, xa que a traza proxectada devengaría na imposibilidade futura para edificar nas condicións actuais. Estas alegacións desestímanse xa que nas variantes propostas non se darían conxuntamente as condicións que esixe o artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000 ó existir un incremento en lonxitude superior ó 10% da parte da liña afectada.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que naquela non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o sinalado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro),

RESOLVO:

1. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 26.513,31 euros (4.411.444 pesetas):

-Liña eléctrica aérea a 20 kV, de 474 m, en conductor LA-56 sobre apoios de formigón, derivada desde a L.M.T. Xinzo-Cualedro e con final no C.T. aéreo proxectado de Xinzo-sureste de 100 kVA e r/t 20.000/380-220 V.

-Rede de baixa tensión de 210 m en conductor R.Z.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios dos mesmos e zonas de servidume pública.

3. Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, se dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 16 de agosto de 2001, que se publicou no DOG do 21, no BOP de Ourense do 7 e no xornal diario La Región do 5 de setembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 20 de novembro de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense