Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 28 de decembro de 2001 Páx. 16.520

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 20 de decembro de 2001 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio.

A actividade administrativa da Consellería de Industria e Comercio supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería.

b) A autorización e disposicións dos gastos xerais dos servicios da Consellería de Industria e Comercio, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións do servicio, con dereito a indemnización, previsto no artigo 4 do Decreto 149/1984, do 13 de setembro, de todo persoal dependente da Consellería de Industria e Comercio.

e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal.

f) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

g) O exercicio da competencia para resolve-los recursos administrativos que se interpoñan contra as resolucións dos órganos centrais e periféricos da consellería nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

h) A subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración con outras administracións públicas ou entes de dereito público, así como cos particulares que outorgue esta consellería sempre e cando:

1º Non conteñan ningunha obriga de gasto de carácter plurianual.

2º Non conteñan ningunha obriga de gasto no exercicio vixente por importe superior a 50.000.000 de ptas.

2. En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as competencias mencionadas no punto anterior quedarán delegadas nos directores xerais, seguindo a orde de prelación establecida no decreto que en cada momento regule a estructura orgánica da consellería durante o tempo que persistan as devanditas causas.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten e mailos convenios que se subscriban facendo uso da delegación de competencias conferida pola presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse como propios do órgano delegante.

Artigo 3º

O conselleiro poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 44.2º da Lei reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes do 13 de outubro de 1999 e do 9 de decembro de 1999 e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA