Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 26 de decembro de 2001 Páx. 16.430

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a modificación das instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se modifica o recoñecemento como instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do aproveitamento hidroeléctrico no río Corzán, termo municipal de Negreira, provincia da Coruña. (Expediente IN407A 01/492-1).

Visto o escrito presentado pola empresa Hidroeléctrica del Arnoya, S.L., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Cantón Grande, nº 6-6º A. 15003 A Coruña, solicitando autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, regulado polo Real decreto 2818/1998 para a modificación do aproveitamento hidroeléctrico situado no río Corzán, termo municipal de Negreira, provincia da Coruña, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 13 de decembro de 1999, este centro directivo resolveu autorizar administrativamente e aproba-lo proxecto de execución da central hidroeléctrica do río Corzán, termo municipal de Negreira.

Segundo.-Con data do 10 de marzo de 2000, este centro directivo resolveu incluír no réxime especial regulado polo Real decreto 2818/1998 a central hidroeléctrica do río Corzán, termo municipal de Negreira.

Terceiro.-Con data do 3 de maio de 2001, o organismo autónomo Augas de Galicia aprobou o proxecto constructivo do aproveitamento hidroeléctrico, modificando o índice concesional do aproveitamento nun 10% e unha modificación dos caudais ecolóxicos fixados na declaración de efectos ambientais emitida por Resolución do 11 de marzo de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Cuarto.-Con data do 9 de xuño de 2001, a citada empresa solicitou a modificación da autorización administrativa do proxecto de execución e do recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998 do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración do aproveitamento hidroeléctrico no río Corzán, achegando a documentación establecida para o efecto polo citado Real decreto 2818/1998 e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Quinto.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica de Corzán, segundo o proxecto de execución de la, asinado polo enxeñeiro industrial

Fernando Iglesias Navarro, teñen as seguintes características:

-Caudal concesional: 1.375 l/s

-Salto bruto: 252,45 m

-Salto neto: 240,47 m

-Potencia qie se vai instalar: 3.600 kVA

-Unha turbina tipo Pelton, de eixe vertical e catro inxectores.

-Un xerador síncrono trifásico de 3.600 kVA de potencia.

-Un transformador de potencia de 4.400 kVA e relación de transformación 6,3/20 kV.

-Un transformador de servicios auxiliares de 50 kVA e tensións de 20/0,34-0,220 kV.

-Instalacións de interconexión, medida, control, protección e manobra.

Sexto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable, propoñendo a modificación da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento de instalación acollida ó réxime especial regulado polo Real decreto 2818/1998.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado por Real decreto 249/1998, do 18 de marzo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la modificación das instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico no río Corzan, no termo municipal de Negreira, provincia da Coruña.

-Aproba-la modificación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

-Modifica-lo recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998 a esta central hidroeléctrica,, e incluíla no grupo b.4) do artigo 2 do dito real decreto.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade, medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribirse no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no art. 12 do Real decreto 2818/1998, e presenta-la documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria