Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2001 Páx. 16.278

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DO SOCIAL NÚMERO DOUS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (92/2000).

Ana López Suevos Fraguela, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número dous dos de Santiago de Compostela, fai saber que nos autos de execución

nº 92/2000, seguidos neste xulgado por instancia de Raimundo Rey Camino, contra a empresa Laminox, S.L., sobre despedimento, por resolución desta data, se acordou sacar a pública poxa os bens embargados á executada, que logo se dirán, e sinalar para a realización da poxa o día 17 de xaneiro do vindeiro ano, ás 10.30 horas, na sala de audiencia deste xulgado, sito na rúa Viena s/n, no polígono das Fontiñas desta cidade. Se por forza maior ou causas alleas ó xulgado non puidese realizarse a poxa no día e hora sinalado, terá lugar o seguinte día hábil, á mesma hora, exceptuando os sábados, e rexeranse polas seguintes condicións:

a) Para tomar parte na poxa, os licitadores non executantes deberán consignar previamente o 20% do valor de taxación dos bens ou dos lotes na conta de consignacións deste xulgado, nº 1596, clave 64, aberta na O.P. do Banco Bilbao Vizcaya, sita na rúa Senra, nº 3-5 desta cidade.

b) Non procederá a aprobación do remate se a cantidade ofrecida non supera o 50% da valoración para os bens mobles, ou o 70% para os inmobles ou, sendo inferior, non cobre polo menos a cantidade pola que se despachou execución, incluíndo a previsión para xuros e custas.

c) Poderán facerse ofertas por escrito en prego pechado depositado na mesa desta secretaría ata que teña lugar a poxa, xunto co importe da consignación a que se refire a letra A).

d) Os licitadores aceptan a titulación e cargas que constan no expediente.

e) Só a adaptación ou adxudicación practicada a favor dos executantes ou dos responsables legais solidarios ou subsidiarios poderá efectuarse en calidade de lla ceder a terceiros.

Bens obxecto de poxa:

-Lote número un:

Un torno Amutio HB 575, valorado pericialmente en 3.500.000 pesetas.

Valor total do lote nº un: tres millóns cincocentas mil pesetas (3.500.000 ou 21.035,43 euros).

-Lote número dous:

Unha pregadora Promecan Mebusa, valorada pericialmente en 3.000.000 de pesetas.

Valor total do lote número dous: tres millóns de pesetas (3.000.000 de pesetas ou 18.030,36 euros).

-Lote número tres:

* Unha tronzadora cutting, motor 13 cabalos, disco metálico, valorada pericialmente en 500.000 pesetas.

* Un rolo para curvar chapa, marca Disma, modelo 14TR, código 104.109P, ano de fabricación 1/1991, valorado pericialmente en 1.000.000 de pesetas.

* Un trade marca Sudad, modelo T.Z. de 16, valorado pericialmente en 75.000 pesetas.

Valor total do lote número tres: un millón cincocentas setenta e cinco mil pesetas (1.575.000 pesetas ou 9.465,94 euros).

Os referidos bens están depositados no domicilio social da executada, sito na Costa de Santa Isabel nº 21 desta cidade. O seu depositario é o representante legal da empresa, Jesús Ángel Lamas Arias.

Os autos estarán de manifesto na secretaría do xulgado, onde poderán ser examinados por todos aqueles que queiran participar na poxa.

Este edicto servirá de notificación e citación ás partes para tódolos efectos.

A maxistrada xuíza

Rubricado

O secretario

Rubricado