Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2001 Páx. 16.250

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de decembro de 2001, conxunta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde, pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos mentais crónicos nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, modificado polo Decreto 69/2001, do 22 de marzo, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sanitarios e sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, conforme co disposto nos artigos 15 e 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, estableceu unha nova estructura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, fixou a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, estructurando, no seu artigo 8 b), o Servicio Galego de Saúde, que entre as súas competencias correspóndelle a promoción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas nesta materia no ámbito da Comunidade Autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola

Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e de actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades sen ánimo de lucro que lles prestan atención ós enfermos mentais crónicos nos dispositivos de apoio comunitario, ben sexan centros de rehabilitación psicosocial e laboral, ó amparo da Orde do 23 de outubro de 1998, de regulamento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos, ou pisos protexidos e vivendas de transición.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto desta orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, e á orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las subvencións contidas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social que sexan titulares dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral para a atención dos enfermos mentais crónicos, pisos protexidos ou vivendas de transición, situados na Comunidade Autónoma galega e presten algunha das actividades sinaladas na orde do 23 de outubro de 1998, artigo 3.3º, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De contratación de persoal, xestión e mantemento das estructuras necesarias para a realización das actividades nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

b) De promoción de actividades e programas específicos que signifiquen unha innovación na rehabilitación laboral e prelaboral do enfermo mental crónico.

c) Atención, mantemento e xestión do piso protexido ou vivenda de transición para enfermos mentais crónicos.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. As axudas necesarias para a realización das actividades poderán acorda-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde destinaranse 206.818.000 pesetas, 1.243.001,21 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0, 11.03.212D.484.1 e 5001.2223.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

3. As actuacións polas que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio do ano 2002.

4. As delegacións provinciais ou, de se-lo caso, os servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais, servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas da información administrativa de atención ó cidadán da Xunta de Galicia segundo modelo normalizado. A devandita solicitude deberá ir acompañada, ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa ás institucións e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo VII desta orde.

Ademais, os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

1. Documentos comúns.

1.1. Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

1.2. Memoria da institución segundo o modelo oficial ( anexo II).

1.3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

1.4. Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

1.5. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

1.6. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal debidamente cotexada.

1.7. Declaración das contías concedidas no ano 2001 para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

1.8. Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. De contratación de persoal, xestión e mantemento das estructuras necesarias para a realización das actividades nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

a) Documento no que conste a identificación do centro, cadro do persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica a realizar no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de xestión e mantemento (anexo V).

2.2. De promoción de actividades e programas específicos que signifiquen unha innovación na rehabilitación laboral e prelaboral do enfermo mental crónico (anexo VI).

a) Memoria explicativa do programa no que consten os motivos para a súa realización e o razoamento xustificado da innovación, así como os fins que se perseguen e os usuarios que se beneficiarían del.

2.3. Mantenemento e xestión do piso protexido ou vivenda de transición.

a) Memoria explicativa do programa, gastos derivados da xestión e mantemento do recurso, así como informe do coordinador de área relativo á súa necesidade (anexo VI).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou en calquera dos lugares á que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, examinaranse os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completa-lo expediente, con apercibimento de que, se non o fixesen nun prazo de dez días, consideraranse desasistidos da súa petición segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Completados os expedientes serán remitidos para o seu informe preceptivo á comisión de valoración, que efectuará a proposta de resolución que remitirá á secretaría xeral da consellería.

Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria ou persoa en que delegue.

b) Vocais:

-Subdirector xeral de Acción Social ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Saúde Mental do Sergas ou persoa en quen delegue.

c) Secretario: o xefe de área do Programa de Atención Sociosanitaria no tema da saúde mental ou persoa en quen delegue.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) A contratación de persoal necesario para a realización de actividades tendo en conta a súa cualificación profesional e o número de horas efectivas de traballo á semana.

b) As necesidades de xestión e mantemento das estructuras para a realización das actividades.

c) A poboación de referencia onde a asociación realiza as súas actividades así como a dispersión xeográfica dos usuarios.

d) Número de usuarios que acoden regularmente ó centro e as actividades que se realizan nel, así como a súa continuidade no tempo.

e) Número de persoas acollidas no aloxamento alternativo, así como a coordinación efectiva co dispositivo de saúde mental máis próximo.

f) A existencia ou non doutro dispositivo complementario na mesma área sanitaria.

g) A coordinación cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado nun informe do coordinador da área de saúde mental do Sergas.

h) Axuste, se é o caso, da memoria económica co orzamento presentado o ano anterior.

i) A valoración mediante o instrumento multidisciplinar e a remisión da información á Subdirección Xeral do Programa Sociosanitario no prazo establecido.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Realizado o expediente, o secretario xeral, por delegación, procederá á súa resolución no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, trala proposta da comisión, e logo da súa fiscalización pola Intervención da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. Delégase no secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a facultade para autorizar e dispoñer dos gastos previstos por esta orde, así como para propoñe-la ordenación dos pagamentos correspondentes.

4. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselle ós interesados para a execución da subvención outorgada.

5. Poderán ser modificadas as devanditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e poderán ser recorridas potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes, se o acto é expreso, ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento da forma que se indica nos parágrafos seguintes, en función da contía concedida por cada unha das subvencións:

a) Un primeiro pagamento, do 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este anticipo deberán presentarse os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación do/s traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social, se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

b) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez que o beneficiario xustifique a totalidade da subvención concedida mediante orixinais ou fotocopias cotexadas e por ese concepto.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva ou nos servicios centrais, e dirixida á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, conforme o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción das actividades. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

Ademais do xa establecido nesta orde, e tendo en conta o disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias

e da función pública e actuación administrativa, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os organos competentes da consellería.

c) Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais sobre os seus centros e actividades.

d) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determinen na concesión da subvención.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda o do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia rexerá o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais