Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 19 de decembro de 2001 Páx. 16.225

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

COMPAÑÍA DE RADIO-TELEVISIÓN DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2001, da Dirección Xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, pola que se fan públicas as normas reguladoras da emisión de mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación dependentes da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG).

O Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, en exercicio das com

petencias establecidas no artigo 7, epígrafe 1º, letra I), da Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo, na súa reunión extraordinaria do 29 de outubro de 2001, aprobou as Normas reguladoras da emisión de mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación dependentes da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG).

De conformidade co previsto no artigo 11, letra a), da devandita Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo, correspóndelle a esta dirección xeral cumprir e facer cumpri-los acordos do Consello de Administración da CRTVG nas materias que sexan competencia deste órgano colexiado.

En virtude de canto antecede, esta dirección xeral da CRTVG

RESOLVE:

Facer públicas as Normas reguladoras da emisión de mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación dependentes da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), aprobadas polo Consello de Administración da CRTVG na súa reunión extraordinaria do 29 de outubro de 2001, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2001.

Francisco Campos Freire

Director xeral da Compañía de Radio-Televisión

de Galicia

ANEXO

Normas reguladoras da emisión de mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación dependentes da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG)

Introducción

A Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), establece no seu artigo 25, epígrafe 1: que as sociedades xestoras dos servicios públicos de radiodifusión e de televisión constituídas polo devandito ente público se financiarán mediante subvencións consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, mediante a comercialización e venda dos seus productos e, limitadamente, mediante unha participación no mercado da publicidade.

Sobre a base do referido anteriormente, o Consello de Administración da CRTVG, partindo do disposto no artigo sétimo (7), epígrafe un (1), letra l), da Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo, aprobou, na súa sesión do 7 de outubro de 1985, as Normas reguladoras da emisión da publicidade nos medios de comunicación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e modificounas na reunión celebrada o día 12 de maio de 1986, estando daquela vixente o Estatuto da publicidade, aprobado mediante a Lei 61/1964, do 11 de xuño, que respondía a presupostos

políticos e administrativos afastados dos establecidos na futura constitución.

Con posterioridade, foron publicados diversos textos legais que regulan a difusión das mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación audiovisuais, fundamentalmente a Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade e a Lei 25/1994, do 12 de xullo, pola que se incorpora ó ordenamento xurídico español a Directiva 89/552/CEE, sobre a coordinación de disposicións legais, regulamentarias e administrativas dos estados membros relativas ó exercicio de actividades de radiodifusión televisiva (modificada pola Lei 22/1999, do 7 de xuño), leis que, xunto con outros textos de menor rango e algunha lei específica, obrigan ó Consello de Administración a actualizar e adapta-las devanditas Normas reguladoras da emisión da publicidade nos medios de comunicación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, tendo tamén presente que estamos perante un sector extraordinariamente dinámico, de grande transcendencia económica e social, e que con moita frecuencia se derrogan

normas publicitarias e se dictan outras novas, partindo sempre da base de que, para asegurar de forma completa e axeitada a protección dos intereses dos radiooíntes e telespectadores como consumidores, é fundamental que a publicidade e a televenda se sometan a un certo número de normas ou criterios mínimos.

As circunstancias precedentes aconsellan a aprobación das presentes Normas reguladoras da emisión de mensaxes publicitarias e de televenda a través dos medios de comunicación dependentes da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, inspiradas nas diversas solucións vixentes no espacio xurídico intereuropeo.

Estas normas estructúranse en seis (6) títulos, catro (4) disposicións adicionais e unha (1) derrogatoria.

No título primeiro establécense, entre outras cuestións, as funcións que a publicidade debe cumprir nos medios de comunicación dependentes da CRTVG, favorecendo a liberdade de elección dos radiooíntes e telespectadores como consumidores de productos e usuarios de servicios e, ó mesmo tempo, a lícita concorrencia no mercado das persoas físicas e xurídicas que poidan ofrece-los devanditos bens e prestacións. Mais, tal limitación non esgota as pautas ás que se deben somete-los anuncios publicitarios e de televenda para defender determinados valores. Así, en defensa destes valores, impóñense certas restriccións no exercicio da actividade publicitaria, as cales se expresan nestas normas, se ben procurando, dunha banda, reducir ó mínimo aceptable as limitacións e, doutra banda, tipificalas.

Prohíbese decididamente a publicidade encuberta e o recurso á publicidade subliminal, posto que ámbalas técnicas lesionan as normas da competencia comercial e os dereitos dos consumidores.

En definitiva, estímase que a extraordinaria influencia que adquiriu a publicidade obriga a velar para que os principios cívicos de convivencia queden especialmente reforzados na súa aplicación, excluíndo especificamente toda apelación á insolidariedade, o recurso á violencia ou ás conductas temerarias. Pola mesma razón, refútanse os anuncios publicitarios e de televenda que poidan ser ofensivos para a dignidade das persoas ou para as súas conviccións relixiosas e políticas, así como aquelas mensaxes que as discriminen por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión, nacionalidade, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

No título segundo regúlanse os principios de veracidade, legalidade, autenticidade e lealdade na competencia, e considérase o preceptuado sobre estas materias nas leis 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, e 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

O título terceiro ten como obxecto a protección dos menores fronte ós contidos publicitarios, para non explota-la súa inexperiencia, a confianza nos pais ou titores ou a súa credulidade sobre as características dos productos anunciados.

Constitúe un fenómeno innegable nos nosos días, incluso nas sociedades máis modernas e prósperas, que os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes requiren uns coidados e asistencia especiais para velarmos polo seu correcto desenvolvemento físico, mental, moral e social. Esta especial tutela e amparo, como se lembrou na Convención do 20 de novembro de 1989 sobre os Dereitos do Neno adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, encontra o seu fundamento no feito de constituí-la infancia un dos colectivos máis vulnerables da sociedade.

O salientado anteriormente sobre o dinamismo do sector, que ten unha influencia decisiva na normativa que o regula, obriga a que no título cuarto se faga un sometemento expreso e estricto á lexislación que en cada momento rexa para a publicidade e a televenda de cigarros, dos demais productos do tabaco e das bebidas alcohólicas.

No título quinto recóllense as regras sobre a identificación da publicidade (tratando de evitar que a inserción das mensaxes publicitarias e de televenda nas programacións dos medios chegue a ser apreciada polos radiooíntes e telespectadores como unha agresión á súa intimidade), a súa diferenciación do resto da programación dos medios de comunicación dependentes da CRTVG e a súa difusión agrupada, onde se permite unicamente de xeito excepcional a difusión de espacios publicitarios illados. Así mesmo, estipúlanse as normas relativas ós lugares das grellas nos que se deberá inseri-la publicidade, os prazos e cadencias de interrupción da programación para as emisións publicitarias e as porcentaxes máximas de tempo de transmisión dedicado á difusión de mensaxes publicitarias e de televenda sobre o total das emisións.

Finalmente, no título sexto o Consello de Administración da CRTVG establece os pertinentes procedementos para cumpri-la función que lle foi encomendada no artigo 7, epígrafe 1, letra l), da Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo.

Malia o considerado nas presentes normas, o Consello de Administración da CRTVG é consciente de que as regras que aquí se recollen están e estarán suxeitas ós frecuentes cambios de ritmo que teñen lugar na sociedade, polo que deberá se-la experiencia a que lles dea carácter definitivo ou aconselle a súa modificación, se fose pertinente.

TÍTULO I

Normas de carácter xeral

Artigo 1º

As presentes normas regulan a emisión de mensaxes publicitarias e de televenda difundidas a través dos medios de comunicación dependentes da CRTVG, calquera que sexan os seus contidos e formas empregadas.

Artigo 2º

As mensaxes publicitarias e de televenda contribuirán a unha correcta e veraz información do telespectador e do radiooínte e favorecerán a súa liberdade de elección como consumidor de productos e usuario de servicios, respectando o principio de lealdade na competencia.

Artigo 3º

A publicidade e os anuncios de televenda emitidos a través dos medios de comunicación dependentes da CRTVG deberanse axustar ó ordenamento constitucional, ó Estatuto de autonomía de Galicia, á Lei de Galicia 9/1984, do 11 de xullo, de creación da CRTVG, a tódalas normas legais reguladoras da actividade publicitaria e ós principios xerais de programación que rexen nos medios de comunicación dependentes da CRTVG.

Artigo 4º

Non se admitirán anuncios publicitarios e de televenda nos que, directa ou indirectamente, se espallen ideas filosóficas, relixiosas ou políticas, agás o disposto para estas últimas no réxime especial previsto durante as campañas electorais e no dereito de antena.

Artigo 5º

Rexeitaranse as mensaxes publicitarias e de televenda que atenten ó debido respecto á dignidade das persoas ou ás súas conviccións relixiosas e políticas ou as discriminen por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión, nacionalidade, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social, así como aquelas que fomenten comportamentos prexudiciais para a saúde ou a seguridade humana, ou para a protección do medio natural.

Artigo 6º

Os medios dependentes da CRTVG non admitirán a publicidade nin a televenda encubertas, nin tampouco aquelas mensaxes publicitarias e de televenda que utilicen técnicas subliminais.

Artigo 7º

A publicidade e a televenda non poderán conter imaxes nin mensaxes que poidan prexudica-lo desenvolvemento físico, mental ou moral dos menores e deberán respecta-los principios establecidos sobre o particular no artigo 16 da Lei 22/1999, do 7 de xuño, de modificación da Lei 25/1994, do 12 de xullo.

Artigo 8º

Serán rexeitadas as mensaxes publicitarias e de televenda que vulneren os dereitos e valores recoñecidos na Constitución española, especialmente no que atinxe á muller, ou promovan valores e modelos sociais diferentes para o home e a muller.

Artigo 9º

1. Non se admitirá a publicidade nin a televenda que, directa ou indirectamente, inciten á violencia ou a comportamentos antisociais, que apelen ó medo ou á superstición ou que poidan fomentar abusos, imprudencias, neglixencias ou conductas agresivas, tanto se os devanditos efectos se conseguen mediante a imaxe, a linguaxe ou a banda sonora, coma se se conseguen pola combinación destes elementos.

2. Tampouco serán admitidas as mensaxes publicitarias nin de televenda que inciten á crueldade ou ó maltrato ás persoas ou ós animais (coa excepción das que se refiren a pragas ou parasitos nocivos para a vida humana, animal ou das plantas), ou á destrucción de bens culturais e paisaxísticos.

Artigo 10º

Prohíbese, a través dos medios de comunicación dependentes da CRTVG, a publicidade do xogo ou dos establecementos nos que este se practique sen a debida autorización administrativa previa, concedida polo organismo competente na materia, ou á marxe dos límites fixados nela, ou que veña autorizada pola súa específica regulamentación legal.

Artigo 11º

1. A publicidade e a televenda que inclúan a oferta de agasallos, premios ou outros incentivos complementarios deberán presenta-lo ben, producto, servicio, nome, marca, actividade ou elemento comercial que se anuncia de forma clara e destacada.

2. As características dos incentivos, a mecánica de adxudicación e a forma da súa divulgación non suscitarán unha impresión errónea ou esaxerada.

3. En todo caso, será necesario indica-la data de remate da oferta e o número concreto de existencias dispoñibles, así como mostrar e referir claramente os premios ou agasallos ós telespectadores e

radiooíntes, sen provocar nestes unha impresión falsa dos devanditos premios ou agasallos.

Artigo 12º

1. O idioma preferentemente utilizado na publicidade e televenda emitidas a través dos medios de comunicación dependentes da CRTVG será o galego, agás no caso da publicidade que se inclúa na programación das canles de Radiotelevisión Galicia, S.A., que será difundida exclusivamente en idioma galego.

2. Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, os medios de comunicación dependentes da CRTVG, por pedimento das axencias e anunciantes, poderán traducir, sen cargo ningún, os textos publicitarios ou de televenda que lles sexan propostos.

3. Cando unha entidade, empresa ou particular que desexe emitir unha mensaxe publicitaria ou de televenda concretas alegue razóns de servicio ou utilidade pública, fomento da lingua ou da cultura galegas ou da cultura en xeral, poderase dirixir á Dirección do Departamento de Comercial e Márketing da CRTVG e as súas sociedades en pedimento das condicións especiais que se prevexan.

Artigo 13º

Os textos falados e escritos das mensaxes publicitarias e de televenda deberán facer un uso correcto da linguaxe e evitar expresións groseiras ou que dalgún xeito poidan atentar contra o bo gusto ou a sensibilidade dos telespectadores ou radiooíntes.

Artigo 14º

As mensaxes publicitarias e de televenda deberán ser facilmente identificables e diferenciaranse claramente dos programas por medios ópticos ou acústicos.

Artigo 15º

No que atinxe ó patrocinio publicitario, respectarase o disposto sobre iso na lexislación vixente.

Artigo 16.

1. Sen prexuízo dos dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle correspondan á CRTVG ou ós medios de comunicación dela dependentes sobre as súas produccións, estes poderán admitir publicidade e televenda nas que interveñan os seus títulos, personaxes dos seus programas ou presentadores e elementos fundamentais de identificación e contido, ou que se refiran a todo o anterior, sempre e cando a devandita publicidade e televenda non prexudiquen os intereses da CRTVG e dos medios de comunicación dela dependentes, logo de autorización do pleno do Consello de Administración da CRTVG concedida por maioría de dous tercios (2/3).

2. Exceptúanse do anterior as autopromocións que os medios de comunicación dependentes da CRTVG fagan dos seus propios programas.

TÍTULO II

Os principios de veracidade, legalidade, autenticidade e lealdade na competencia

Artigo 17º

1. A publicidade e a televenda en ningún caso, incluída a súa presentación, inducirán ou poderán inducir a erro ós seus destinatarios, xa que isto pode afectar ó seu comportamento económico, ou prexudicar ou ser capaces de prexudicar a un competidor.

2. As mensaxes publicitarias e de televenda non poderán silenciar datos fundamentais dos bens, actividades ou servicios cando a devandita omisión induza a erro ós destinatarios.

Artigo 18º

1. As afirmacións ou alegacións que se formulen nas mensaxes publicitarias e de televenda terán que corresponder coa realidade e ser demostrables, a pedimento de parte ou da propia CRTVG.

2. Nas mensaxes publicitarias e de televenda non se poderán silenciar datos fundamentais dos bens, actividades ou servicios cando exista a posibilidade de que a devandita omisión induza a erro ós destinatarios.

Artigo 19º

1. Presentaranse de forma inequívoca os termos estatísticos, técnicos e científicos para que non exista ningún posible erro de interpretación, e estes estarán referidos ó momento no que cronoloxicamente se sitúan.

2. Os termos garantía, denominación de orixe, homologación, control e producto natural, ou os seus derivados ou análogos, terán que responder á realidade.

3. Non se admitirán fórmulas que simulen enquisas de opinión ou de mercado ou que non respondan a unha metodoloxía científica.

4. Os termos e elementos indicados terán que responder á realidade e seren demostrables por pedimento de parte ou da propia CRTVG.

Artigo 20º

1. A publicidade e a televenda de medicamentos, de materiais e productos sanitarios ou de tratamentos médicos e daqueloutros productos, bens, actividades ou servicios sometidos a regulamentacións técnico-sanitarias, así como dos susceptibles de xeraren riscos para a saúde ou a seguridade das persoas, estarán sometidas ás normas especiais que as regulen.

2. Queda prohibida a emisión a través das canles de TVG, S.A. de calquera forma directa ou indirecta de publicidade de medicamentos e tratamentos médicos que só se poidan obter por prescrición facultativa no territorio do Estado.

Artigo 21º

1. A publicidade e a televenda sobre vehículos de motor non ofrecerán no seu contido verbal, visual ou sonoro incitación ningunha ó exceso de velocidade, á conducción temeraria ou imprudente ou a situacións de perigo que supoñan unha vulneración

do disposto no código de circulación e na normativa sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.

2. Poderanse admitir escenas de velocidade ou manobras especiais de risco advertindo que se corresponden con competicións en circuítos pechados ou que son executadas por especialistas.

Artigo 22º

1. Considerarase desleal a realización ou a difusión de manifestacións sobre a actividade, as prestacións, o establecemento ou as relacións mercantís dun terceiro que sexan aptas para menoscaba-lo seu creto no mercado, a non ser que sexan exactas, verdadeiras e pertinentes.

2. En particular, non se estimarán pertinentes as manifestacións que teñan por obxecto a nacionalidade, as crenzas ou ideoloxía, a vida privada ou calquera outra circunstancia estrictamente persoal do afectado.

Artigo 23º

1. A publicidade e a televenda comparativas deberán estar baseadas en características esenciais, afíns e obxectivamente demostrables dos productos ou servicios.

2. Permitirase a publicidade e a televenda comparativas se se cumpren os seguintes requisitos:

2.1. Os bens ou servicios comparados terán que posuí-la mesma finalidade ou satisface-las mesmas necesidades.

2.2. A comparanza efectuarase de xeito obxectivo entre unha ou máis características esenciais, pertinentes, verificables e representativas dos bens ou servicios, entre as cales se poderá incluí-lo prezo.

2.3. No suposto de productos amparados por unha denominación de orixe ou indicación xeográfica, a comparanza só se poderá efectuar con outros productos da mesma denominación.

2.4. Non se poderán presentar bens ou servicios con imitacións ou réplicas doutros ós que se aplique unha marca ou nome comercial protexido.

2.5. Se a comparanza fai referencia a unha oferta especial, sinalarase a súa data de inicio, se non comezara aínda, e a do seu remate, e subliñarase que a dita oferta está supeditada ás existencias do producto ofertado cando así suceda.

2.6. Non se poderá sacar unha vantaxe indebida da reputación dunha marca, nome comercial ou outro signo distintivo dalgún competidor, nin das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas de productos competidores.

3. Naquelas profesións colexiadas nas que resulte de aplicación unha norma especial ou un réxime de autorización administrativa previa en relación coa súa actividade publicitaria, a publicidade comparativa dos seus servicios profesionais axustarase ó que se dispoña na dita norma ou réxime.

TÍTULO III

Protección dos menores

Artigo 24º

1. Cando a publicidade e a televenda se dirixan prioritariamente ós menores, procurarase que os contidos dos textos, locucións e imaxes inspiren a súa capacidade creativa, fomenten valores estéticos, sociais, culturais, cívicos e ecolóxicos e interesen ós menores polo mundo que os rodea.

2. As mensaxes publicitarias e de televenda maioritariamente dirixidas ós menores non se poderán inspirar en actitudes antipedagóxicas, inxustas, violentas, insolidarias, irrespectuosas ou de explotación nas relacións interpersoais.

3. Tampouco poderán reflectir tratos degradantes ou sexistas para a condición infantil nin representar papeis de submisión ou pasividade respecto ó sexo contrario.

4. En ningún caso aparecerán nas mensaxes publicitarias e de televenda os menores discriminados por razón de nacemento, raza, relixión, nacionalidade ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

5. As mensaxes publicitarias e de televenda non poderán, sen un motivo xustificado, presentar ós menores en situacións perigosas.

Artigo 25º

1. As mensaxes publicitarias e de televenda non deberán incitar directamente ós menores á merca dun producto ou dun servicio explotando a súa inexperiencia ou a súa credulidade, nin a que persuadan os pais ou titores, ou os pais ou titores de terceiros, para que merquen os productos ou servicios de que se trate.

2. A televenda non incitará os menores a adquiriren ou arrendaren directamente productos e bens ou a contrata-la prestación de servicios.

Artigo 26º

A publicidade e a televenda en ningún caso deberán explota-la especial confianza dos menores nos seus pais, profesores e profesionais de programas infantís ou, eventualmente, en personaxes de ficción.

Artigo 27º

1. A publicidade e a televenda de xoguetes non deberán inducir a erro sobre a súa seguridade.

2. Non se publicitarán xoguetes que non cumpran as normas de seguridade determinadas polos organismos competentes.

Artigo 28º

1. A publicidade e a televenda de xoguetes non deberán inducir a erro sobre as súas características, polo que na súa presentación cómpre evitar calquera esaxeración ou omisión (nas imaxes, nos sons e nos textos) que poidan suscitar dúbidas nas súas propiedades. Nas demostracións de uso dos xoguetes deberá quedar moi claro se se accionan de xeito

manual ou mecánico, para evitarlles ós menores calquera confusión derivada dos efectos de animación na publicidade e televenda.

2. A publicidade e a televenda de xoguetes presentarase de xeito que produzan unha impresión real do seu tamaño.

Artigo 29º

1. A publicidade e a televenda de xoguetes non deberán inducir a erro sobre a capacidade e aptitudes necesarias nos menores para utilizaren os devanditos xoguetes sen producir dano a si mesmos ou a terceiros.

2. Cando os xoguetes estean destinados a idades específicas, recomendaráselles ós anunciantes que se exprese esta circunstancia.

Artigo 30º

Recomendaráselles ós anunciantes de xoguetes que inclúan nas mensaxes publicitarias e de televenda os prezos, sobre todo no que atinxe ós que superen os sesenta con mil doce (60,1012) euros, ben concretamente, ben mediante a expresión arredor de ou outra semellante.

Artigo 31º

Prohíbense as utilizacións das imaxes ou dos nomes dos nenos ou nenas e dos adolescentes ou das adolescentes na publicidade e na televenda que poidan implicar unha intromisión ilexítima na súa intimidade, honra ou reputación, ou que sexa contraria ós seus intereses, aínda que presten o seu consentimento eles mesmos ou os seus representantes legais.

TÍTULO IV

Publicidade e televenda de cigarros, dos demais productos do tabaco e das bebidas alcohólicas

Artigo 32º

A publicidade e a televenda de cigarros, dos demais productos do tabaco e das bebidas alcohólicas someterase ó disposto na lexislación vixente sobre estes productos.

TÍTULO V

Formas de emisión da publicidade e da televenda

Artigo 33º

1. Os anuncios publicitarios e de televenda emitiranse de forma agrupada e só excepcionalmente de xeito illado, de acordo co disposto no artigo 14º.

2. Deberanse adopta-las medidas necesarias para que, en ningún caso, os procesos de tratamento dos sinais orixinarios produzan no telespectador ou radiooínte un efecto de incremento sonoro notoriamente perceptible respecto da emisión inmediatamente anterior.

3. A publicidade e os anuncios de televenda difundidos a través das canles de TVG, S.A. deberanse inserir entre os programas, agás nos casos establecidos no artigo 37º.

Artigo 34º

Cando polas canles de TVG, S.A. se emita calquera forma de publicidade distinta dos anuncios televisivos, tales como publirreportaxes ou telepromocións, que, en virtude das súas características, poida confundi-lo telespectador sobre o seu carácter publicitario, será necesario superpoñer, permanentemente e de forma claramente lexible, unha transparencia coa lenda publicidade.

Artigo 35º

1. O tempo total dedicado á emisión de publicidade (en tódalas súas formas) e á televenda en cada unha das canles de TVG, S.A. non será superior ó vinte por cento (20%) do tempo diario de emisión.

2. O tempo de emisión dedicado nas mesmas canles a anuncios publicitarios non poderá supera-lo quince por cento (15%) do tempo total diario de emisión.

3. Durante cada unha das horas naturais nas que se divide o día, o tempo de emisión dedicado á publicidade en tódalas súas formas e ós anuncios de televenda non poderá ser superior a dezasete minutos (17'); respectando o límite especificado, o tempo dedicado ós anuncios publicitarios e de televenda, excluída a autopromoción, non poderá supera-los doce minutos (12') durante o mesmo período.

4. Non terán a consideración de publicidade os anuncios de servicio público ou de carácter benéfico gratuitamente difundidos por calquera das canles de TVG, S.A., nin tampouco os realizados por esta en relación cos seus propios programas.

Artigo 36º

Malia o especificado no artigo anterior, cada canle de TVG, S.A. poderá dedicar ata tres (3) horas ó día á emisión de programas de televenda, os cales deberán ter unha duración mínima ininterrompida de quince minutos (15'), e cumprirá identificalos como tales con toda claridade mediante medios ópticos ou acústicos.

Artigo 37º

1. Sempre que non se prexudique a unidade dos programas nin se desmereza o valor ou a calidade deles, as canles de TVG, S.A. poderán inserir publicidade e anuncios de televenda interrompéndoos, coas limitacións especificadas no artigo 38º.

2. As interrupcións nos programas para inseri-la devandita publicidade e os anuncios de televenda deberán ser realizadas tendo en conta as propias pausas naturais daqueles, a súa duración e a súa natureza, sen prexudicar en ningún caso os dereitos dos titulares das obras audiovisuais nas que se incorporen os anuncios publicitarios e de televenda.

Artigo 38º

1. Nos programas compostos de partes autónomas difundidos a través das canles de TVG, S.A. só se poderá inseri-la publicidade e os anuncios de televenda entre aquelas partes autónomas.

2. Nas emisións ou programas deportivos ou de acontecementos ou espectáculos de estructura semellante difundidos a través das canles de TVG, S.A. que conten con intervalos de tempo entre cada unha das partes que os compoñan, só se poderá inseri-la publicidade e os anuncios de televenda durante estes intervalos.

Para as emisións deportivas ás que non sexa de aplicación o disposto no parágrafo anterior, rexerá o disposto no epígrafe 3 deste artigo, mais en ningún caso se poderá interromper unha emisión deportiva para emitir publicidade e anuncios de televenda nos momentos de máximo interese do acontecemento retransmitido.

Poderanse inseri-los anuncios de televenda e a publicidade nas emisións deportivas naqueles momentos nos que o desenvolvemento do acontecemento retransmitido estea detido, sempre que a devandita detención teña unha duración programada.

Neste tipo de emisións tamén se poderán inserir mensaxes publicitarias e de televenda utilizando transparencias ou calquera outro tratamento da imaxe, mais sempre que o desenvolvemento do acontecemento retransmitido estea detido e non se perturbe a visión deste. As devanditas transparencias non poderán ocupar máis dunha sexta (1/6) parte da pantalla; consistirán, exclusivamente, en textos escritos e non poderán conter outras imaxes, reais ou de animación, distintas do logotipo estático da marca concreta.

3. Nos programas de natureza distinta á dos especificados nos epígrafes 1 e 2 deste artigo, as interrupcións sucesivas para a inserción de publicidade e anuncios de televenda dentro dos programas deberán estar separadas por períodos de tempo de, como mínimo, vinte minutos (20').

O período de tempo que transcorra entre a emisión da publicidade e a televenda anterior ou posterior a un programa e as primeiras ou últimas interrupcións para inserir publicidade e anuncios de televenda dentro daquel poderá ser inferior a vinte minutos (20').

Por unha soa vez dentro de cada programa, o intervalo de tempo entre dous (2) períodos dedicados á publicidade e ós anuncios de televenda poderá tamén ser inferior a vinte minutos (20'), mais non menor de quince minutos (15') co obxecto de respecta-las pausas naturais do programa.

4. No caso das obras audiovisuais que teñan unha duración programada de transmisión superior a corenta e cinco minutos (45'), como as longametraxes, poderán ser interrompidas unha (1) vez por cada período completo de corenta e cinco minutos (45'), e autorízase outra interrupción se a duración total programada da transmisión excede, polo menos, en vinte minutos (20') de dous (2) ou máis dos perío

dos temporais iniciais citados. As devanditas interrupcións deberán respecta-la integridade e o valor da obra, da que non se poderán omiti-los títulos de crédito.

O disposto no parágrafo anterior non será de aplicación ás series, seriais e emisións de entretemento.

5. Para os efectos do disposto neste artigo 38º, enténdese por duración programada o período de tempo total de duración do programa ou obra, incluídos os espacios publicitarios existentes dentro da obra ou programa.

6. Os programas documentais, relixiosos e infantís non poderán ser interrompidos pola publicidade nin a televenda, agás cando a súa duración programada sexa superior a trinta minutos (30'). Neste último caso, aplicarase o disposto nos epígrafes 1, 2 e 3 deste artigo.

7. Os programas informativos, independentemente da súa duración, non poderán ser interrompidos pola publicidade nin pola televenda.

Admítese a emisión de anuncios publicitarios entre o bloque informativo propiamente dito e aqueles independentes nos que se dea conta da información deportiva, meteorolóxica, bolsista, etc., e tamén entre estes últimos.

8. Non se poderá inserir publicidade nin televenda na emisión de servicios relixiosos.

TÍTULO VI

O control e a verificación da publicidade e da televenda

Artigo 39º

1. A Comisión de Publicidade do Consello de Administración da CRTVG, formada polos membros que este órgano determine en cada intre, encargarase, entre outras cuestións, de velar pola calidade das mensaxes publicitarias e de televenda, así como polo estricto cumprimento das presentes normas.

2. En todo caso, o contido das mensaxes publicitarias e de televenda, en canto ó son, locución, intención e imaxe, é de conta exclusiva da persoa natural ou xurídica en interese da cal se realiza a publicidade.

3. Ás reunións da devandita Comisión de Publicidade poderá ser convocado o director xeral da CRTVG, quen quedará facultado para delega-la súa asistencia naquel membro do cadro directivo da CRTVG ou das súas sociedades que determine.

Artigo 40º

A Comisión de Publicidade realizará un seguimento da emisión das mensaxes publicitarias e de televenda, así como dos seus resultados, e elevará os informes que teña por convenientes sobre o particular nas sesións plenarias do Consello de Administración.

Artigo 41º

Os medios de comunicación dependentes da CRTVG resérvanse a facultade de rexeita-la contratación da emisión de calquera mensaxe publicitaria ou de televenda, ou suspende-la súa emisión, se coidan que son contrarias a algún dos supostos definidos nas presentes normas ou na lexislación vixente.

Artigo 42º

O exercicio da facultade mencionada no artigo anterior será competencia, en primeira instancia, do director do Departamento de Comercial e Márketing da CRTVG e as súas sociedades, quen poderá tamén resolve-las consultas previas sobre guións, story-boards, etc. que lle poidan ser formuladas voluntariamente por axencias ou anunciantes.

Artigo 43º

Contra as decisións adoptadas polo director do Departamento de Comercial e Márketing da CRTVG e as súas sociedades, os interesados poderán recorrer perante a Dirección Xeral da CRTVG e, en última instancia, perante o Consello de Administración do mesmo ente público.

Disposicións adicionais

Primeira.-Correspóndelle á Dirección Xeral da CRTVG cumprir e facer cumpri-las presentes normas, así como aprobar regularmente as condicións xerais de contratación e tarifas que rexerán en cada momento concreto, das que informará oportunamente ó Consello de Administración do mesmo ente público.

Segundo.-Para a interpretación das presentes normas, o seu desenvolvemento ou a súa aplicación en casos particularmente dubidosos que se poidan presentar, a Dirección Xeral da CRTVG, ben directamente, ben a través do director do Departamento de Comercial e Márketing da CRTVG e as súas sociedades, poderá solicita-lo dictame da Comisión de Publicidade.

O coordinador da Comisión de Publicidade deberá dar conta ó Consello de Administración da decisión adoptada na sesión plenaria ordinaria que se celebre inmediatamente despois da xuntanza concreta da Comisión de Publicidade na que se emitiu o dictame.

Terceira.-O Consello de Administración da CRTVG poderá suspender, con carácter provisional, algunha das normas precedentes, de xeito excepcional e logo de acordo da maioría dos dous tercios (2/3) dos seus membros.

Cuarta.-As presentes normas serán de aplicación sempre que non contradigan o disposto na lexislación aplicable en cada momento.

Disposición derrogatoria

As presentes normas deixan sen efecto as aprobadas polo Consello de Administración da CRTVG na sesión celebrada o día 7 de outubro de 1985, modificadas na sesión desenvolvida polo mesmo órgano o 12 de maio de 1986.