Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 19 de decembro de 2001 Páx. 16.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 398/2001, do 29 de novembro, polo que se acorda a afectación secundaria dunha parte do campo de fútbol de Meicende-Arteixo (A Coruña), a favor da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais solicitou a incoación de expediente de afectación secundaria dun espacio de terreo no campo de fútbol de Meicende, termo municipal de Arteixo (A Coruña), baseándose na necesidade de instalar unha torre con sirena dentro do plan de emerxencias exterior do polígono de Bens.

A titularidade do campo de fútbol de Meicende correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 235, do 1 de outubro). Na actualidade, o campo de fútbol de Meicende está adscrito á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A Secretaría Xeral para o Deporte, dependente organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública, emitiu informe favorable da solicitude de afectación secundaria, tendo en conta que a instalación da torre non poderá causar prexuízos nin alteracións na afectación principal do inmoble para usos deportivos.

Á vista do disposto nos artigos 12.4º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 31.1º do seu regulamento, a afectación secundaria de bens de dominio público require acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a afectación secundaria, a favor da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, dun espacio de terreo de 1 m na parte oeste do campo de fútbol de Meicende, no municipio de Arteixo (A Coruña), para a instalación dunha torre con sirena dentro do plan de emerxencias exterior do polígono de Bens.

Artigo 2º

A concorrencia da antedita afectación secundaria respecto do campo de fútbol de Meicende non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que lle conferirá ó seu titular, a Consellería da Presidencia e Administración Pública, as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que lle correspondan á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais como titular dun interese específico por razón da afectación secundaria establecida.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda