Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 19 de decembro de 2001 Páx. 16.185

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 313/2001, do 18 de decembro, polo que se modifica o Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 309/2001, do 17 de decembro, determinou, tendo en conta criterios de economía, eficacia e organización, os centros directivos que, pola súa importancia e natureza, se considerou oportuno que dependesen funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. Neste decreto estableceuse que á Secretaría Xeral da Presidencia, estarán adscritos o Departamento de Protocolo e Relacións Públicas, con nivel de Dirección Xeral e o Gabinete de Apoio, o titular do cal terá rango de director xeral. Por tal motivo, cómpre proceder á modificación dos artigos 1 e 4 do Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, determinando as funcións que exercerán os novos órganos directivos.

Na súa virtude, de conformidade co disposto nos artigos 4.15º e 33.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, tralo informe favorable das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e Economía e Facenda, e logo de deliberacion do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co establecido no artigo único do Decreto 309/2001, do 17 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública o seguinte órgano superior:

1. Secretaría Xeral da Presidencia, á que estarán adscritos os seguintes órganos:

1.1. Departamento de Protocolo e Relacións Públicas, con nivel de dirección xeral.

1.2. Gabinete de Apoio, o titular do cal terá rango de director xeral.

Artigo 2º.-Secretaría Xeral da Presidencia.

Un. A Secretaría Xeral da Presidencia configúrase como órgano de asesoramento técnico e asistencia

directa á Presidencia da Xunta de Galicia, correspondéndolle ó seu titular realiza-las seguintes funcións:

a) Prestar asistencia técnica e asesoramento ó presidente da Xunta e Galicia en todo o que a requira.

b) Dirixir, coordinar e supervisa-los servicios de documentación da Presidencia.

c) A xestión orzamentaria, económica e administrativa, derivada da elaboración e control do orzamento da secretaría xeral, administración dos créditos orzamentarios asignados a ela e a tramitación que proceda dos expedientes de contratación.

d) As funcións de réxime interior e de persoal, dispoñendo canto concerne ó rexime interno dos servicios xerais da secretaría xeral.

e) As funcións ordinarias de despacho que lle son propias, así como as que lle sexan delegadas polo presidente da Xunta.

Dous. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral da Presidencia poderá reclamar das consellerías cantos informes, datos e documentos considere precisos para o exercicio das funcións que ten encomendadas.

Tres. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral da Presidencia contará coas seguintes unidades administrativas:

1. A Subdirección Xeral do Gabinete Técnico.

1.1. Servicio de Documentación.

1. A Subdirección Xeral do Gabinete Técnico exercerá as seguintes funcións:

a) Prestar asistencia técnica e asesoramento ó secretario xeral en todo o que a requira.

b) Compilar, elaborar e informatiza-la documentación e información dirixida ó presidente polos distintos órganos da Administracion autonómica e demais entes e organismos públicos e privados.

Correspóndelle igualmente elabora-los estudios e informes de interese para a Presidencia da Xunta.

c) As demais funcións que lle encomende o secretario xeral.

1.1. Dependendo da Subdirección Xeral do Gabinete Técnico, o Servicio de Documentacion terá encomendadas as funcións de compilación, elaboración e informatización da documentación e información xerada polas consellerías da Xunta de Galicia e demais entes e organismos públicos ou privados, que permitan dispoñer dun banco de datos a partir do que se poidan desenvolver estudios e informes necesarios e de interese para o presidente da Xunta que faciliten a toma de decisións.

Catro. Quedan adscritas á Secretaría Xeral da Presidencia:

1. O Departamento de Protocolo e Relacións Públicas, con nivel orgánico de dirección xeral que, exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar e executa-los programas do presidente da Xunta, de conformidade coas instruccións reci-

bidas del, en coordinación coa Secretaría Xeral da Presidencia.

b) Dirixir, coordinar e supervisa-los servicios de protocolo, cerimonial e relacións públicas da Presidencia da Xunta, realizando as xestións necesarias para a boa organización das viaxes e misións oficiais, que o presidente efectúe tanto dentro de España coma no estranxeiro.

c) As relacións en materia de protocolo, coa Administración Xeral do Estado e coas demais administracións públicas.

Os restantes órganos e servicios competentes en materia de protocolo e cerimonial da Xunta de Galicia colaborarán co Departamento de Protocolo e Relacións Públicas da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Gabinete de Apoio, o titular do cal terá rango de director xeral,exercerá as funcións de asistencia e apoio directo ó presidente.

3. A Casa de Galicia en Madrid, sen prexuízo das competencias da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, en relación coa programación das actividades culturais que se poidan desenvolver nela.

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, ou se suprima algunha das ditas unidades, autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilo con carácter temporal a postos de inferior nivel, se se tratase de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso, a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei da función pública de Galicia, e na Lei 9/1987, do 12 de maio, dos órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio

das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición adicional

Única.-O presente decreto non suporá incremento de gasto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.- Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública