Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 14 de decembro de 2001 Páx. 15.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 5 de decembro de 2001 pola que se establecen previsións para a introducción do euro no que afecta ó xogo do bingo.

O día un de xaneiro do vindeiro ano dous mil dous comeza a entrada en circulación dos billetes e moedas denominados en euros. As disposicións vixentes sobre a introducción do euro permiten que os cartóns de bingo co prezo impreso en pesetas poidan ser utilizados ata o vinteoito de febreiro de dous mil dous, e que os cartóns denominados en euros poidan ser utilizados a partir do día un de xaneiro do mesmo ano. Sen embargo, na práctica establécense dificultades de convivencia dos cartóns en pesetas cos cartóns en euros.

Por isto, co fin de preparar e facilita-lo tránsito cara ós novos cartóns, resulta necesario determina-lo prezo en euros que deberán levar impreso e a data de inicio da súa utilización, sen prexuízo de que, transitoriamente, se habilite a utilización dos actuais cartóns impresos en pesetas, mediante o estampado correspondente, co obxecto de esgota-las existencias destes.

En aplicación da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre introducción do euro, e por acordo da Conferencia Sectorial do Xogo, adoptado en forma de convenio o 5 de maio de 1999, as administracións públicas competentes en materia de xogo comprometéronse a implanta-las previsións necesarias a partir do un de xaneiro de dous mil dous no que afecta ós prezos das partidas, e estableceron as actuacións necesarias en coordinación coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

Polo anteriormente exposto e de acordo co artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, que atribúe á Xunta de Galicia competencia exclusiva en materia de xogo, e co artigo 23 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora do xogo e apostas de Galicia, que determina as competencias relativas á regulación das actividades relacionadas cos xogos, así como o control dos seus aspectos administrativos e técnicos, e unha vez oídas a comisión de xogo

de Galicia, en reunión do 7 de xuño de 2001, e a representación dos sectores afectados.

Esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-A partir do inicio da sesión do día un de xaneiro de dous mil dous, nas salas de bingo de Galicia utilizaranse cartóns con valor facial de: un con cincuenta, dous, tres e seis euros (1,50, -2, -3, -6 euros).

Segundo.-Os actuais cartóns de bingo co valor inicialmente impreso de duascentas, trescentas, cincocentas e mil pesetas (200, 300, 500 e 1.000 pesetas) poderán seguir utilizándose desde o día un de xaneiro ata final de existencias, e o seu valor, para efectos do pagamento deles, será un con cincuenta, dous, tres e seis euros (1,50, -2, -3, -6 euros) ou duascentas cincuenta, trescentas trinta e tres, cincocentas e mil pesetas (250, 333, 500 e 1.000 ptas.) respectivamente. Para tal efecto procederase á súa redenominación mediante estampado co seu novo valor en euros.

Terceiro.-Ademais dos cartóns denominados inicialmente en pesetas e estampados en euros poderán utilizarse cartóns impresos con dobre valor facial en euros e pesetas, e cartóns denominados soamente en euros. Nos cartóns bifaciais e nos estampados en euros aplicarase soamente o prezo en euros.

Cuarto.-A partir do un de marzo do ano dous mil dous o pagamento dos cartóns unicamente se poderá efectuar en euros.

Quinto.-As cantidades que se van distribuír en premios serán as sinaladas polo vixente Regulamento de xogo do bingo, aprobado polo Decreto 273/1986, do 31 de xullo, mentres non entre en vigor a nova normativa coa distribución porcentual de premios contida nos cartóns bifaciais e nos denominados en euros.

Sexto.-As empresas que tivesen no seu poder cartóns con valor facial en pesetas poderán solicita-lo seu estampado en euros, para os efectos do punto segundo, nos cinco primeiros días do mes de xaneiro de dous mil dous, mediante relación detallada de inventario deles subscrita por cada empresa. Transcorrido o devandito prazo, os cartóns en pesetas existentes quedarán sen valor ningún, e caducará o dereito á súa restitución, cambio ou estampado posterior.

Sétimo.-As empresas deberán da-la máxima publicidade a esta orde mediante a colocación de copias dela naqueles puntos que permitan a súa fácil lectura polo público.

Disposición derradeira

As previsións contidas nesta orde entrarán en vigor o día un de xaneiro do ano dous mil dous.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais