Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 13 de decembro de 2001 Páx. 15.887

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2001, conxunta da Universidade de Santiago de Compostela e do Servicio Galego de Saúde, pola que se convoca concurso público para a provisión de prazas vinculadas.

Existindo vacantes de prazas vinculadas incluídas no concerto Universidade de Santiago de Compostela-Servicio Galego de Saúde, aprobado no Diario Oficial de Galicia nº 126, do 29 de xuño de 2001 e de conformidade co establecido na base 8ª do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño (BOE do 31 de xullo), o Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela e a presidencia do Servicio Galego de Saúde acordan facer pública a convocatoria do concurso para a provisión de prazas vinculadas que se rexerá polas seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase concurso para cubrir prazas vinculadas das que as características relativas ó corpo docente, área de coñecemento, departamento, categoría asistencial, especialidade, institución sanitaria, sistema de selección e demais especificacións figuran no anexo I desta convocatoria.

1.2. O devandito concurso rexerase polo establecido na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria (BOE do 1 de setembro), e polo Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, modificado polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño (BOE do 11 de xullo), polo que se regula os concursos para a provisión de prazas dos corpos docentes universitarios, así como polo Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño (BOE do 31 de xullo), polo que se establecen as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias, e polo concerto asinado o 20 de abril de 2001 entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servicio Galego de Saúde.

1.3. O réxime xurídico das prazas vinculadas será o establecido no Real decreto 1558/1986, modificado polo Real decreto 644/1988, do 3 de xuño (BOE do 25 de xuño), e polo Real decreto 1652/1991, do 11 de outubro, e no concerto asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servicio Galego de Saúde.

1.4. O sistema de selección de cada praza será o de acceso (artigos 36 a 38 da Lei de reforma universitaria) ou méritos (artigo 39 da Lei de reforma universitaria) segundo se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.5. As prazas dos corpos docentes convocados quedan vinculadas, segundo se especifica no anexo I,

coa categoría asistencial á que, así mesmo, se fai referencia no devandito anexo I.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Requisitos comúns para tódalas prazas: para ser admitido á realización destes concursos, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais asinados polas comunidades europeas e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, ascendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito, máis novos de vinteún anos e máis vellos da devandita idade que vivan as súas custas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais asinados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non exceder da idade de xubilación.

c) No ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes con nacionalidade distinta á española, deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

d) Estar en posesión da titulación suficiente ou estar en condicións de obtela na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte nas probas selectivas. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou, de se tratar de profesións reguladas, da credencial de recoñecemento para o exercicio profesional.

e) Estar en posesión do título de especialista expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia que para cada praza se especifica no anexo I desta convocatoria.

f) Cumpri-los requisitos para exerce-las funcións que dentro do corpo lle poidan ser encomendadas, conforme o previsto regulamentariamente.

2.2 Deberán reunir ademais as condicións académicas específicas que a continuación se sinalan:

a) Cando, estando en posesión do título de doutor, se concorra a prazas de catedrático de universidade, de acordo co previsto no artigo 4.1 c) do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, e non se pertenza a ningún dos corpos que nel mesmo se sinalan, os interesados deberán acreditar que son eximidos de tales requisitos.

b) Non poderá concursar a prazas de profesor titular de universidade, quen estivera contratado durante máis de dous anos como axudante nesta univer

sidade, salvo as excepcións previstas no artigo 37.4º da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

2.3. Os requisitos establecidos na presente base deberanse cumprir no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias e manterse ata o momento da toma de posesión.

3. Solicitudes.

3.1. Os aspirantes, por dereitos de exame e dentro do prazo de presentación de solicitudes, deberán aboar na conta corrente nº 2091-300-44-3110000482 de Caixa Galicia, oficina principal de Santiago de Compostela (impreso modelo 48/2, outros ingresos), a cantidade de 4.000 pesetas en concepto de formación de expediente e por dereitos de exame. Non acredita-lo pagamento destes dereitos dentro do prazo de presentación de solicitudes será causa de exclusión.

3.2. Quen desexe tomar parte no concurso remitira correspondente instancia, debidamente cuberta, segundo o modelo que figura no anexo II ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, por calquera dos procedementos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte a aquel no que teña lugar a publicación desta convocatoria no BOE, achegando o xustificante do pagamento de dereitos de exame, fotocopia compulsada, de se-lo caso, do título de doutor e fotocopia compulsada do título de especialista que proceda.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredita a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo do parentesco e/ou o feito de viviren a custas ou estaren a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o devandito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive a conta del ou está ó seu cargo.

3.3. O domicilio que figure nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do concursante tanto os erros na consignación deste como a comunicación de calquera cambio no devandito domicilio.

4. Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela, remitirá a tódolos aspirantes por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, relación completa de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión. Contra a dita resolución os interesados poderán presentar unha reclamación perante o rector no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ó da notificación da relación de admitidos e excluídos.

5. Comisións.

Os integrantes das comisións encargadas de resolve-los concursos serán designados consonte o establecido na base 8ª.2.b) do Real decreto 1558/1986 e no convenio que lles é de aplicación.

6. Desenvolvemento do concurso.

O presidente da comisión, dentro do prazo habilitado regulamentariamente para a constitución, dictará unha resolución que deberá ser notificada a tódolos interesados cunha antelación mínima de quince días naturais respecto da data do acto para o que é citado, convocando a:

a) Tódolos membros titulares da comisión e, se é o caso, ós suplentes necesarios para efectua-lo acto de constitución dela.

b) Tódolos aspirantes admitidos a participar no concurso, para realizaren o acto de presentación dos concursantes fixando o seu día, hora e lugar de celebración.

c) No acto de presentación os concursantes entregaranlle ó presidente da comisión a documentación sinalada nos artigos 9 do Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, corrixido polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño, se é o caso, segundo se trate de concurso ou concurso de méritos.

7. Presentación de documentos e nomeamentos.

Os candidatos e candidatas que se propoñan para a provisión das prazas deberán presentar na Secretaría Xeral da Universidade, nos quince días hábiles seguintes ó de concluí-la actuación da comisión, por calquera dos medios sinalados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Declaración xurada de que non foi separado da Administración do Estado, institucional ou local, nin das administracións das comunidades autónomas, en virtude do expediente disciplinario e non acharse inhabilitado para o exercicio da función pública.

c) Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria.

Os que tivesen a condición de funcionarios públicos de carreira estarán exentos de xustificar tales documentos e requisitos, pero deberán presentar unha certificación do ministerio ou organismo do que dependan, que acredite a súa condición de funcionarios e cantas circunstancias consten na folla de servicios.

Os nomeamentos propostos pola comisión serán efectuados polo rector da Universidade de Santiago de Compostela.

No prazo máximo dun mes contado desde o día seguinte da publicación do nomeamento no BOE o aspirante proposto deberá tomar posesión do seu destino.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunar Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte á súa recepción. Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que dictou o acto, sen que neste caso se poida interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo ata que non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2001.

Francisco Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Nº de prazas: 1.

Praza nº: 2023/2001.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento: medicina.

Departamento ó que está adscrita: Medicina.

Categoría asistencial: facultativo especialista da área.

Especialidade: hematoloxía.

Institución sanitaria: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Nº de prazas: 1.

Praza nº: 2024/2001.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento: medicina.

Departamento ó que está adscrita: Medicina.

Categoría asistencial: facultativo especialista da área.

Especialidade: reumatoloxía.

Institución sanitaria: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.

Nº de prazas: 1.

Praza nº: 2025/2001.

Corpo ó que pertence a praza: profesor titular de universidade.

Área de coñecemento: medicina.

Departamento ó que está adscrita: Medicina.

Categoría asistencial: facultativo especialista da área.

Especialidade: oncoloxía médica.

Institución sanitaria: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Clase de convocatoria: concurso.