Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 11 de decembro de 2001 Páx. 15.637

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de novembro de 2001 pola que se establecen os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2002.

De acordo co disposto no artigo 3º, número dous do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 98/1998, do 20 de marzo, a Consellería de Industria e Comercio fixará anualmente oito domingos e festivos, que se considerarán hábiles para os efectos do exercicio da actividade comercial en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto-lei 6/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de intensificación da competencia en

mercados de bens e servicios, establece no seu artigo 43.un.2 que os domingos e festivos nos que os comercios poderán permanecer abertos ó publico serán, como mínimo, dez no ano 2002.

En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada cos axentes socioeconómicos interesados, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores, procédese á fixación dos 10 domingos e festivos que, para os efectos do exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2002,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ó público cun horario máximo de 12 horas diarias durante o ano 2002 son:

13 de xaneiro.

28 de marzo.

7 de xullo.

12 de outubro.

1 de novembro.

1 de decembro.

8 de decembro.

15 de decembro.

22 de decembro.

29 de decembro.

Artigo 2º

O disposto no artigo anterior entenderase sen prexuízo das normas xerais que, en materia de horarios comerciais, establece o artigo 43 do Real decreto-lei 6/2000, e o Decreto 365/1996, do 26 de setembro, no que non se opoña ó citado real decreto-lei.

Disposicion transitoria

Mentres non se proceda a adapta-lo Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais na Comunidade Autónoma de Galicia, ó disposto no Real decreto-lei 6/2000, os mínimos que fixa o artigo 43.un.2 do citado real decreto-lei terán a consideración de límites máximos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicion derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio