Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2001 Páx. 15.527

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de novembro de 2001 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Gallega de Iniciativas Ciudadanas.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gallega de Iniciativas Ciudadanas, con domicilio en Santiago de Compostela (A Coruña).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinteún de xuño de 2001, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número mil cento cincuenta e cinco do seu protocolo, por Ramón Prol Guede, Severino Figueroa Figueroa e Julio Ignacio Iglesias Redondo; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, son fins da fundación:

1º) A promoción, desenvolvemento, protección e fomento do patrimonio cultural galego e español.

2º) A promoción, desenvolvemento, protección e fomento de estudios e investigacións sobre temas e actividades sociais e culturais, a difusión dos devanditos estudios a través de publicacións e outros medios e, en xeral, calquera outra actividade cultural de interese galego e español con fundamento nos principios de utilidade común e desenvolvemento integral da persoa humana baixo os ideais de liberdade e progreso.

4. O padroado da fundación estará integrado por Ramón Prol Guede como presidente, Severino Figueroa Figueroa como secretario e Julio Ignacio Iglesias Redondo como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xenerales de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Gallega de Iniciativas Ciudadanas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de novembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a

Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Gallega de Iniciativas Ciudadanas adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública