Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 05 de decembro de 2001 Páx. 15.454

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 23 de novembro de 2001 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria e executiva das multas e sancións.

O artigo 14 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, dispón que constitúen dereitos económicos da Facenda Pública de Galicia, entre outros, o producto das multas e sancións impostas no ámbito da súa competencia.

Pola súa parte, no artigo 2 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, establécese que a xestión recadatoria en período voluntario será levada polos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda e dos organismos autónomos que teñan atribuída a xestión dos correspondentes recursos, e en período executivo, polos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda.

A xestión recadatoria das multas e sancións estaba regulada pola Orde do 22 de maio de 1997, definindo unha serie de procesos en canto ó ingreso en distintas contas restrinxidas e remisión de información, que foron superados ó longo do tempo por procesos automáticos para o tratamento da xestión recadatoria, os cales xa se veñen aplicando a outros recursos.

Co obxecto de homoxeneiza-los procedementos recadatorios e a adaptación destes á nova moeda, fai preciso abordar un cambio no sistema actual para a recadación de multas e sancións.

En consecuencia, e en uso das competencias conferidas polo artigo 7 do citado Decreto lexislativo 1/1999,

DISPOÑO:

Primeiro.-Do procedemento de recadación en período voluntario.

1. O procedemento aquí definido será de aplicación ás multas e sancións impostas pola Administración da Xunta de Galicia e polos organismos autónomos e entes públicos que non teñan atribuída a xestión dos correspondentes recursos.

2. As multas e sancións impostas polos órganos administrativos da Comunidade Autónoma que teñan atribuída a potestade sancionadora polo ordenamento xurídico serán notificadas de acordo co previsto no citado ordenamento ós interesados.

3. Os órganos sancionadores notificarán xunto coa resolución sancionadora o documento de ingreso, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

4. Os documentos de ingreso serán confeccionados por esta consellería para cada un dos órganos san

cionadores. A cada órgano sancionador, logo da solicitude por parte deste, asignaráselle un código de ingreso que permitirá a súa identificación a nivel de consellería, servicio e ámbito territorial.

5. O ingreso terase que realizar naquelas entidades colaboradoras que se consignen no propio documento de ingreso.

6. O documento de ingreso constará de tres exemplares, o primeiro para o interesado, o segundo para a entidade financeira e o terceiro para o órgano sancionador, que quedará en poder deste como antecedente do documento de ingreso expedido.

7. Os órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda, dentro dos dez primeiros días de cada mes, obterán da aplicación informática a recadación en período voluntario no mes anterior. O detalle desa información será remitida a cada un dos órganos sancionadores nese mesmo prazo.

Segundo.-Do procedemento de recadación en período executivo.

1. Este procedemento será levado unicamente polos órganos de recadación desta consellería, polo que os trámites que a continuación se definen serán de aplicación en todo o ámbito da Administración da Xunta de Galicia.

2. Transcorrido o período voluntario de ingreso sen que conste que se efectuou o aboamento do importe da multa ou sanción, o órgano sancionador emitirá unha relación certificada segundo o anexo II, na que se incluirán todos aqueles debedores que non pagaron en período voluntario as sancións administrativas firmes impostas por infracción das disposicións vixentes.

3. A relación á que se refire o punto anterior será remitida por duplicado á delegación territorial desta consellería correspondente ó ámbito territorial do órgano sancionador, con independencia do domicilio fiscal do debedor.

4. O Servicio de Recadación da Delegación Territorial tramitará a devandita relación de acordo cos procedementos establecidos e devolverá unha copia debidamente dilixenciada co recibín ó órgano sancionador, así como a indicación, de se-lo caso, das causas que impidan a incorporación das débedas á aplicación informática co obxecto da súa emenda e posterior envío na próxima relación.

5. Dentro dos dez primeiros días de cada mes, os órganos de recadación desta consellería renderán ós órganos sancionadores información sobre a xestión recadatoria en período executivo obtida respecto ó mes anterior.

Terceiro.-Achega informatizada da información.

Na medida en que os medios técnicos o permitan, habilitaranse os mecanismos necesarios para que o transvase de información entre os órganos de recadación desta consellería e os órganos sancionadores, e viceversa, se efectúe por vía telemática.

Disposición adicional

Primeira.-Aqueles organismos autónomos e entes públicos que teñan atribuída a xestión dos corres

pondentes recursos e desexen acollerse, non obstante, ó procedemento de recadación voluntaria previsto no punto primeiro, deberán manifestalo previamente a esta consellería.

Segunda.-As contas restrinxidas de recadación abertas actualmente para a recadación de multas e sancións serán canceladas o 28 de febreiro de 2002, agás as correspondentes ós organismos autónomos e entes públicos que, en función do disposto na disposición adicional primeira, opten por continuar coa xestión recadatoria destes recursos de acordo co procedemento anterior.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 22 de maio de 1987, pola que se determina o procedemento que se ten que seguir na recadación en período voluntario e executivo de multas e sancións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2002.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda