Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.342

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN DEPORTE GALEGO

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2001 pola que se convoca o proceso de selección para ingreso no catálogo de persoal laboral fixo da Fundación Deporte Galego.

En cumprimento do disposto nos artigos 2 e 4 da Lei 10/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro), de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, resólvese convoca-lo proceso selectivo para o ingreso no cadro de persoal laboral fixo da Fundación Deporte Galego de acordo coas súas bases reguladoras, das que se dá publicidade extractada por medio desta resolución:

1. Postos para cubrir e procedemento de selección.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir dous (2) postos, un (1) de técnico deportivo e un (1) de coordinador de instalacións deportivas no catálogo de postos de traballo da Fundación Deporte Galego.

1.2. O procedemento de selección será o concurso-oposición, cos exercicios, probas, sistemas de cualificación, temario, baremo e relación de méritos que se especifican nas bases reguladoras e que están á disposición dos interesados na sede da Fundación Deporte Galego, e expostas no seu taboleiro de anuncios (Estadio Multiúsos de San Lázaro, porta 4, Santiago de Compostela, 15890. Tlfno.: 981 54 26 49; fax: 981 54 26 36).

1.3. A adxudicación dos postos ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coas puntuacións totais obtidas nas distintas fases que integran o proceso de selección.

1.4. O primeiro exercicio da oposición realizarase transcorrido, como mínimo, un mes desde a publicación no Diario Oficial da Galicia desta convocatoria, facéndose pública a data deste exercicio no taboleiro de anuncios da sede da Fundación Deporte Galego.

1.5. Os aspirantes que superen o proceso selectivo serán contratados en réxime laboral fixo.

1.6. En cumprimento das previsións da Lei de normalización lingüística de Galicia, os aspirantes seleccionados que non acrediten, no momento da presentación da documentación necesaria para a súa contratación, a posesión de diploma acreditativo do nivel de perfeccionamento no coñecemento da lingua galega, deberán realiza-los cursos que para tal efecto sexan convocados e conten coa homologación da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

2. Requisitos mínimos xerais de admisión dos candidatos.

2.1. Te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea, ou ser nacional do Reino de Noruega, ou nacional da República de Islandia.

2.2. Ter cumpridos dezaoito (18) anos de idade.

2.3. Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que lle impida desenvolve-las funcións correspondentes, para o que presentará un certificado médico acreditativo, se resulta seleccionado.

2.4. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

2.5. Posuír e acredita-la titulación académica mínima esixida ou estar en condicións de obtela no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Titulacións mínimas esixibles para cada un dos postos de traballo.

3.1. Técnico deportivo:

Titulación esixida: licenciado en ciencias da actividade física e o deporte, ou licenciado en educación física.

3.2. Coordinador de instalacións:

Titulación esixida: técnico en animación de actividades físicas e deportivas (TAFAD).

4. Solicitudes.

4.1. Quen desexe tomar parte no concurso-oposición deberá presentar solicitude axustada ó modelo que figura como anexo I desta convocatoria, xuntando ademais:

-Fotocopia do DNI.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación acreditativa, se é o caso, dos méritos que se aleguen para a súa valoración, ben orixinal ou fotocopia compulsada. Acreditarase a experiencia laboral con historial completo da Seguridade Social ou con certificación da empresa.

4.2. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes, dirixidas ó presidente da Fundación Deporte Galego, presentaranse no rexistro xeral da sede da fundación (Estadio Multiúsos de San Lázaro, porta 4, 15890 Santiago de Compostela, A Coruña), ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. A presentación de solicitudes supón a aceptación incondicional das bases reguladoras da convocatoria.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Ós vinte (20) días seguintes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, exporase no taboleiro

de anuncios da sede da fundación a lista provisional de admitidos e excluídos ó proceso selectivo; respecto destes últimos farase constar na devandita lista a causa de exclusión.

5.2. Os aspirantes excluídos poderán presentar documentación, no prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ó da publicación da lista provisional de admitidos e excluídos, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

5.3. A citada resolución será exposta, para os efectos de publicidade, no taboleiro de anuncios da sede da Fundación Deporte Galego, xunto coa indicación do lugar e data na que comezarán as probas. As datas dos seguintes exercicios faranse públicas no taboleiro de anuncios do lugar onde se realicen as probas.

6. Comisión de selección.

6.1. A selección, de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, será efectuada por unha comisión designada para o efecto. A comisión de selección estará formada por:

a) Presidente: o vicepresidente do Padroado da Fundación Deporte Galego.

b) Secretario: o secretario do Padroado da Fundación Deporte Galego.

c) Vocal: o director da Fundación Deporte Galego.

d) Vocal: un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

e) Vocal: un vocal do comité executivo da Fundación Deporte Galego.

A composición nominal da comisión de selección será exposta con anterioridade á data fixada para o primeiro exercicio, no taboleiro de anuncios da sede da Fundación Deporte Galego.

7. Proceso de selección.

7.1. As probas, para todos aqueles aspirantes admitidos, consistirán nun concurso de méritos, na fase de oposición e finalmente nunha entrevista persoal.

8. Unha vez rematado o proceso anterior, a comisión de selección formulará proposta para cada unha das vacantes que se van cubrir no concurso-oposición. O presidente da Fundación Deporte Galego emitirá resolución co nome da persoa seleccionada para cada unha das vacantes, que será publicada no taboleiro de anuncios da sede da fundación, facendo consta-la documentación complementaria que deberá achegar para formaliza-lo contrato.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2001.

Eduardo Lamas Sánchez

Presidente da Fundación Deporte Galego