Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 27 de novembro de 2001 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 2001 en relación coa contabilización dos gastos públicos.

A regulación das operacións de cerramento do exercicio de 2001 en relación coa contabilidade dos gastos públicos, fai necesario dicta-las oportunas instruccións.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

1. Sinalamento de haberes no mes de decembro.

1.1. As nóminas para a percepción de haberes activos e da paga extraordinaria do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 11 do dito mes e remitiranse o día 12 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 17 do mesmo mes.

1.2. Os haberes activos e as pagas extraordinarias correspondentes ó mes de decembro satisfaranse conxuntamente a partir do día 18 do mesmo mes.

A nómina de Seguridade Social do mes de decembro remitirase ás intervencións delegadas o día 21

de decembro procedendo estas á súa fiscalización e contabilización o día 26 de decembro.

2. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro.

O último día do exercicio de 2001 no que poderán ser satisfeitos libramentos de pago pola Tesourería da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o 28 de decembro. As citadas dependencias proseguirán o pagamento dos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2002.

3. Recepción e tramitación de documentos contables.

Os documentos contables en fase A, D, O, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas, correspondentes a cada centro xestor, o día 28 de decembro, sen prexuízo do previsto no artigo 9 da lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2001.

Para os documentos con fase K, a data límite de entrada nas ditas oficinas será o 14 do mesmo mes ou o día 7 se foran para xustificar.

A data límite para que as intervencións delegadas e territoriais tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro os documentos OK para xustificar será o día 13, e o resto dos documentos con fase K, o día 21 do mesmo mes. Non obstante, naqueles casos excepcionais en que por razóns de prazo sexa ineludible a realización do pagamento, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la entrada e contabilización de documentos con fase K con posterioridade ás ditas datas.

Quedan exceptuados do previsto no parágrafo anterior os documentos con fase K que correspondan a pagamentos financiados total ou parcialmente con fondos Feoga-Garantía, para os que a data límite de remisión á intervención delegada será o día 26 de decembro e a da súa tramitación á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro o 27 do mesmo mes.

Os interventores territoriais e os interventores delegados do interventor xeral da Comunidade Autónoma coidarán moi especialmente o cumprimento desta norma.

4. Procedemento en fin de exercicio.

4.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro realizará procesos de ordenación de pagamentos como última data válida de 2001 o día 27 de decembro, mantendo aberta a contabilidade de recepción de tales propostas ata o día 26 inclusive, data na que as oficinas de contabilidade dos centros xestores deixarán de expedir propostas de pagamento con imputación á contabilidade do exercicio de 2001. Non obstante, desde principios de 2002 e con imputación á contabilidade deste, poderá expedir ordes de pagamento por conta das propostas recibidas en calquera momento.

4.2. A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter a

dobre columna tanto os resultados correspondentes o peche do exercicio de 2001 como de 2000.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100 Patrimonio.

En canto non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2% para inmobles e o 10% para o restante inmobilizado amortizable.

5. Operacións de fin de exercicio.

Os créditos que o derradeiro día do exercicio non estean afectados ó cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Polo tanto, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de compromisos e de autorizacións, así como ás retencións de crédito existentes.

Analogamente, na agrupación de exercicios posteriores anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

Todas estas anulacións serán realizadas de oficio pola Subdirección Xeral de Contabilidade.

6. Relacións nominais de acredores.

Conformarán a agrupación de orzamentos pechados aquelas obrigas debidamente contraídas e que por algunha causa xustificada non proceda efectua-la proposta de pagamento. Enténdese que unha obriga está debidamente contraída cando a correspondente prestación se encontra realizada e xustificada adecuadamente, conforme determina a alínea a).3 do art. 73 do Decreto lexislativo 1/1999.

6.1. Cada oficina contable formará unha relación nominal de acredores clasificada por claves territoriais e seccións, que consignará para cada acredor o DNI ou NIF e o importe das obrigas contraídas con cargo ó orzamento de 2001.

Esta relación deberá xustificar integramente, no cerramento do exercicio, os saldos de obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento que figuran nos seus correspondentes estados de execución.

A relación clasificarase por aplicacións orzamentarias.

Un exemplar da relación de acredores enviarase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro exemplar unirase á xustificación que se remite á Intervención Xeral para o seu envío ó Consello de Contas co fin de xustifica-lo saldo de obrigas.

6.2. Polas obrigas pendentes de propoñe-lo pagamento o 31 de decembro de 2001, correspondentes a orzamentos pechados anteriores ó dito ano, formarán tamén unha relación nominal de acredores, coa mesma estructura.

6.3. A Subdirección Xeral de Contabilidade comunicará a cada oficina contable a data a partir da que se poderán contabiliza-las oportunas propostas de pagamento, manténdose como número de operación de procedencia o do documento con fase O correspondente.

6.4. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro como ordenadora de pagamentos deberá formar unha relación de propostas de pagamento recibidas que estean pendentes de ordenar ó 31 de decembro. Estas relacións xustificarán o saldo de propostas de pagamento pendentes de ordenar.

6.5. A Subdirección Xeral do Tesouro, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, formará unha relación de ordes de pagamento emitidas pendentes o 31 de decembro na caixa que xustificará o saldo das ditas ordes de pagamento pendentes. A estructura será:

1º Relación de ordes de pagamento do exercicio de 2001.

2º Relación de ordes de pagamento de exercicios anteriores.

Un exemplar das relacións sinaladas nos números 6.4 e 6.5 enviarase á Intervención Xeral (Subdirección Xeral de Contabilidade), outro unirase á documentación que se vai remitir ó Consello de Contas por conducto da Intervención Xeral e un terceiro quedará en poder da devandita dirección xeral.

6.6. Tódalas listaxes definidas neste punto VI deberanse obter automaticamente polo sistema XUMCO.

7. Ingresos procedentes de dereitos liquidados.

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, polo que respecta ós dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude de aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario exceda do 31 de decembro.

8. Vixencia dos mandamentos de pagamento.

8.1. Os documentos «P» que non fosen satisfeitos o 31 de decembro conservarán a súa plena vixencia ata o momento en que se lles fagan efectivos ós acredores, se anulen ou se declare a súa prescripción.

8.2. As ordes de pagamento correspondentes ó exercicio 2001 ou anteriores que conteñan erros que impidan a súa realización e estean na caixa pendentes de pagamento o 31 de decembro de 2001 pagaranse en formalización no exercicio 2002, compensando o dito pagamento cun ingreso en formalización ó concepto 13990112. Outros ingresos. Recursos eventuais, que figurará como único desconto na orde de pagamento, substituíndo os que puideran figurar anteriormente.

9. Orzamentos pechados.

9.1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, como ordenadora de pagamentos, a partir do primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2002, poderá ordenar pagamentos ata unha cantidade igual

ó importe das obrigas recoñecidas pendentes de ordena-lo pagamento ó fin de exercicio.

9.2. Os pagamentos que se ordenen a partir da data indicada no número anterior, por propostas de pagamento pendentes de ordenar no cerramento do exercicio, serán contabilizadas na agrupación de orzamentos pechados.

10. Créditos presupostos.

Os expedientes de modificación de crédito terán como data límite de entrada na Consellería de Economía e Facenda o día 5 de decembro, agás os que se refiran a créditos do capítulo I Gastos de Persoal e as seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

Disposición adicional

A Intervención Xeral dictará as instruccións oportunas para a regularización da situación contable de obrigas e dereitos de exercicios anteriores pendentes de realización a 31 de decembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda