Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 29 de novembro de 2001 Páx. 15.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de novembro de 2001 pola que se modifica a do 12 de xullo de 2001, pola que se regulan axudas ás familias nas que se produce un parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores.

A Orde do 12 de xullo de 2001 (DOG nº 140, do 19 de xullo), da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, regula as axudas ás familias nas que se produce un parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores. Na súa exposición de motivos establécese que na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, na aplicación 14.02.212A.480.0, existe partida orzamentaria consignada pola contía de 14.000.000 de

pesetas (84.141,69 euros) para as axudas que se establecen no seu articulado.

Resultando que hai un remanente de crédito na aplicación orzamentaria 14.04.241A.461.0, considérase axeitado modifica-la orde de axudas no que respecta á contía dedicada para o financiamento, que resulta incrementada co dito remanente unha vez realizada a correspondente transferencia de crédito. Por iso faise necesario modifica-lo artigo 4 da orde no que respecta ó límite máximo da axuda que se pode recibir por neno/a, que debe ser por tanto unha cantidade máis elevada.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-lo parágrafo sexto da exposición de motivos da Orde do 12 de xullo de 2001 pola que se regulan axudas ás familias nas que se produce un parto múltiple, adopción ou acollemento preadoptivo de varios menores, quedando a nova redacción na forma seguinte:

«Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, na aplicación 14.02.212A.480.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 43.662.126 de pesetas (262.414,66 euros) para as axudas que se establecen no articulado desta orde».

Artigo 2º

Modifica-lo artigo 4 da orde, que pasa a te-la seguinte redacción:

«A axuda consistirá nun pagamento único por neno/a nado/a, adoptado ou en acollemento preadoptivo, de acordo co establecido no artigo 1º desta orde.

A contía da axuda será a resultante de dividi-la totalidade do crédito consignado para esta orde entre tódolos nenos/as. En ningún caso esta axuda poderá ser superior a 125.000 pesetas (751,27 euros) por neno/a».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude