Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2001 Páx. 15.078

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 294/2001, do 22 de novembro, polo que se modifican os prezos do Diario Oficial de Galicia.

O Diario Oficial de Galicia, órgano oficial de difusión e expresión da actividade administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, vén publicándose ininterrompidamente desde 1982.

En 2001, por Decreto 236/2000, produciuse a última modificación nos prezos da subscrición e da inserción de anuncios, pero razóns tales como un mellor axuste nos seus custos, a necesidade de prestar un mellor servicio ós cidadáns e de seguir proporcionándolles acceso gratuíto ós contidos do DOG por Internet durante quince días, así como o incremento de paxinación e do IPC fan aconsellable proceder a unha revisión dos prezos.

Na súa virtude, e de acordo co artigo 12 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública tralo informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Establécense os seguintes prezos de subscrición anual para o Diario Oficial de Galicia:

-Subscrición en papel en galego ou castelán: 130,58 euros/ano.

-Subscrición por Internet en galego ou castelán: 145,66 euros/ano.

-Subscrición por Internet en galego ou castelán dos anos anteriores: 91,95 euros/ano.

2. Establécense igualmente os seguintes prezos para outros productos do Diario Oficial de Galicia:

-CD-Rom do ano 2001 para non subscritores: 91,95 euros/exemplar.

-CD-Rom dos anos anteriores: 91,95 euros/exemplar.

-Exemplar solto do DOG en papel: 0,80 euros.

3. O aboamento do prezo anual da subscrición ó DOG en papel dá dereito á recepción do CD-Rom correspondente ó mesmo período, sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición.

4. O aboamento do prezo anual da subscrición ó DOG por Internet dá igualmente dereito á recepción do CD-Rom correspondente ó mesmo período, sempre que o subscritor así o solicite ó formaliza-la subscrición. Rematado este período o subscritor con

tinuará con dereito de acceso ós exemplares pagados sempre que permaneza como tal.

5. O prezo do acceso por Internet ós DOG correspondentes ó período comprendido entre o 1º de xullo de 1995 e o 31 de decembro de 2001 fíxase en 551,73 euros. Este dereito de acceso, que require a subscrición ó ano que corre, ten vixencia mentres o interesado continúe como subscritor. Se a subscrición se fai por un número de anualidades distinto o prezo será de 91,95 euros cada unha, pero requirirá igualmente a subscrición ó ano que corre.

Artigo 2º

O prezo dos anuncios no Diario Oficial de Galicia fíxase para cada liña en columna de 18 cíceros en:

a) Procedemento ordinario: 4,69 euros.

b) Procedemento urxente: 9,38 euros.

Artigo 3º

Os prezos establecidos nos artigos anteriores entenderanse, se é o caso, co IVE incluído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os prezos establecidos neste decreto entrarán en vigor o día 1 de xaneiro de 2002.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública