Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 23 de novembro de 2001 Páx. 15.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2001 pola que se convoca un curso sobre transportes.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local sobre transportes, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo dota-los seus destinatarios duns coñecementos necesarios que lles poidan ser útiles no desempeño posterior do seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, os membros da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ós funcionarios ou técnicos dos concellos e da Administración local que desenvolvan o seu labor nesta materia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 30 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Ámbito e normativa de aplicación. Clasificación. Títulos habilitantes. Distintivos. Documentos de control. Denuncias máis habituais. b) O tacógrafo. Lectura. c) Transporte escolar e de menores. Denuncias máis habituais. d) Transporte de mercadorías perigosas. Especial referencia ás distribucións no núcleo urbano, etc.

Datas.

O curso terá lugar do 10 ó 14 de decembro, en horario de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 4 de decembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 12 de novembro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade