Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 23 de novembro de 2001 Páx. 15.036

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 31 de outubro de 2001, no que se adxudica, con carácter provisional, a explotación dunha emisora de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia ó Concello de Sobrado (A Coruña).

Adoptado acordo polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do día 31 de outubro de 2001, relativo á adxudicación provisional dunha emisora

en ondas métricas con modulación de frecuencia para a súa explotación pola corporación local de Sobrado (A Coruña), resulta necesario darlle publicidade, unha vez cumpridos os requisitos que se determinan no Decreto 156/1989, do 27 de xullo, modificado parcialmente polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro, que regula o procedemento de concesións de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, e de acordo coa Orde do 25 de febreiro de 1992 (DOG nº 50, do 12 de marzo), que abre o prazo de presentación de solicitudes de emisoras de FM para a súa explotación polas corporacións locais. En consecuencia,

RESOLVO:

Ordena-la publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do 31 de outubro de 2001, polo que se adxudica, con carácter provisional, unha emisora de radiodifusión sonora para a súa explotación pola corporación local de Sobrado (A Coruña), coas características técnicas que figuran no anexo que se xunta.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2001.

Rosanna López Salgueiro

Directora xeral de Comunicación Social

e Audiovisual

ANEXO

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de novembro de dous mil un adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«De conformidade co establecido na Lei 11/1991, do 8 de abril, de organización e control das emisoras municipais de radiodifusión sonora, no Decreto 156/1989, do 27 de xullo (DOG nº 151, do 8 de agosto), modificado parcialmente polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro (DOG nº 27, do día 10 do mesmo mes), que regula o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 25 de febreiro de 1992 (DOG nº 50, do 12 de marzo seguinte), e demais normativa estatal e autonómica, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, acorda adxudicar, con carácter provisional, a explotación duna emisora de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia ó Concello de Sobrado (A Coruña), con expresión das características técnicas que corresponden á citada emisora.

O outorgamento da concesión, que habilitará para a posta en funcionamento da correspondente emisora, estará supeditado á aprobación previa do proxecto técnico, á realización das obras e instalacións correspondentes, así como á posterior inspección e autorización da posta en funcionamento.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de conformidade coas funcións que lle atribúe o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que

se desenvolve a estructura orgánica desta consellería adoptará as medidas necesarias para a execución deste acordo para os efectos que se determinan no artigo 9 do Decreto 156/1989, do 27 de xullo».

As características técnicas que se asignan á citada emisora son as seguintes:

Provincia: C.

Concello: Sobrado.

F (Mhz): 107.1

Lonxitude: 8W0117.

Latitude: 43N0225.

Cota: 511.

HEFM: 37.5

PRAW: 50.

P: M (mixta).

D: N (non directiva).

Sector: -