Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 21 de novembro de 2001 Páx. 14.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2001 pola que se convoca un curso sobre ambiente: residuos sólidos.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, sobre ambiente: residuos sólidos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo contribuír á mellora da formación ambiental dos colectivos ós que vai destinado, en especial na temática tanto normativa como operativa relacionada coa xeración de residuos sólidos que poidan prexudicar ou causar impacto negativo no natural.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e ós funcionarios ou técnicos dos concellos e da Administración local que desenvolvan o seu labor nesta materia; e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 80.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido nos cursos e o incumprimento deste requisito comportará a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso terá lugar en datas do 26 ó 30 de novembro de 2001, das 16 ás 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 22 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó mesmo.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás

necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de novembro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade