Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 19 de novembro de 2001 Páx. 14.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal do menor.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, con

vócanse, en colaboración coa Escola de Práctica Xurídica de Santiago de Compostela e co Instituto de Criminoloxía e Equipo Multidisciplinar de Estudio de Investigación sobre Menores (EMEIM-USC), unhas xornadas sobre a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal do menor que se desenvolverá segundo as seguintes bases.

1. Obxectivos.

O novo proceso de menores introducido pola Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal do menor, supón un cambio

substancial no conxunto normativo aplicable ós menores infractores. A súa recente entrada en vigor, o 13 de xaneiro, xunto coa súa transcendencia na vida xurídica e social do país, xustifican a realización dun estudio detallado da dita regulación.

Estas xornadas pretenden pór á disposición dos distintos operadores xurídicos (funcionarios, avogados, fiscais, educadores, etc.) un exame serio e rigoroso das disposicións legais recollidas na citada lei, contando para iso cun amplo elenco de profesionais do dereito, pertencentes á maxistratura, fiscalía, universidade e administración autonómica.

A través dos relatorios propostos preténdese a análise da solución político-criminal adoptada pola lei e dos principios xerais que a informan (natureza sancionadora-socioeducativa do procedemento e das medidas aplicables, diferenciación de diversos tramos para os efectos procesuais e sancionadores na categoría de infractores menores de idade, exame do novo sistema procesual penal e das súas peculiaridades procesuais, flexibilidade na adopción e execución das medidas, competencia das entidades autónomas relacionadas coa reforma e protección de menores para a execución das medidas impostas na sentencia, control xudicial da execución das medidas, etc.).

O dito estudio enfocarase desde unha perspectiva múltiple, que ofreza unha visión completa das disposicións abordadas, e ofertaráselles ós profesionais en xeral, e especialmente a aqueles directamente relacionados co proceso, un programa específico de calidade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Visión xeral e criterios inspiradores da Lei orgánica 5/2000.

-Idade psicolóxica e minoría da idade penal.

-As medidas susceptibles de ser impostas ós menores e as regras para a súa aplicación.

-O proceso de menores: a fase de instrucción.

-O proceso de menores: as medidas cautelares.

-Proceso de menores: audiencia, sentencia e recursos.

-A responsabilidade civil dos menores.

-A execución das medidas: aspectos penais e procesuais.

-As competencias da Administración autonómica no novo proceso de menores: execución das medidas e programas.

-A intervención dos equipos técnicos no novo proceso de menores.

-Intervención da autoridade xudicial, o ministerio fiscal, o avogado e a policía no novo proceso de menores.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocada desenvolverase no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela) os días 10, 11 e 12 de decembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 5 de decembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 7 de decembro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a este, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada pola Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública