Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 16 de novembro de 2001 Páx. 14.783

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto de utilidade pública, para os efectos de urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. de Verdefondo, no concello de Nogueira de Ramuín, provincia de Ourense. (Expediente IN407A 00/50-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira nº 2; 32960 Velle-Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados no capítulo III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións, das que se lle deu traslado á empresa beneficiaria da instalación eléctrica:

-José Manuel Soto Fernández, cotitular do predio nº 15 da relación de afectados, alega erros de titularidade, o que xa foi corrixido oportunamente na fase de información pública; o resto das alegacións refírense á definición da servidume de paso que quedará constituída, o que lle será sinalado no terreo polo perito da Administración no acto do levantamento das actas previas.

-A Delegación Provincial de Medio Ambiente manifestan a conveniencia de presentar unha modificación, conforme o plano que xunta, para desvia-lo apoio nº 2 do proxecto e salvar deste xeito os carballos centenarios que se verían afectados pola liña eléctrica. Estas alegacións foron antendidas coa pre

sentación por parte da empresa o 12-7-2001 do proxecto que xa recolle a modificación aludida.

-José Sarmiento Otero, titular do predio nº 7, indica que a liña eléctrica lle impedira a construcción dun pendello na súa propiedade e que se teña en conta no proxecto todo o arborado afectado e dous mananciais de auga que poderían verse prexudicados polas obras.

-Juana Soto Cortés, cotitular do predio nº 10, alega que existen erros na superficie de afección. Tamén propón un trazado alternativo -ó longo do camiño-, para evita-lo demérito dos predios incluídos no expediente, así como a afección a paraxes merecentes de protección ecolóxica.

Con relación a estas dúas últimas alegacións cabe dicir que a afección real, tanto de superficie, como de arborado e outros bens ou dereitos afectados, será a que se indique nas actas previas á ocupación, para as que serán citados proximamente os afectados, sen que corresponda a esta fase do procedemento valora-los posibles deméritos producidos. A variante á que se fai mención, para salva-lo arborado protexido, xa foi recollida no proxecto que se aproba seguindo as indicacións da Delegación Provincial de Medio Ambiente.

Vista sobre o terreo a citada traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que naquela non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do citado Decreto 2619/1966.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competancias atribuídas polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

1. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica, conforme o seu proxecto modificado presentado o 12-7-2001, que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 4.595.401 pesetas (27.618,92 euros):

-Liña eléctrica aérea a 20 kV, de 521 m, en conductor LA-56 sobre apoios de formigón/metálicos, derivada desde a L.M.T. Os Peares e con final no C.T. aéreo proxectado en Verdefondo, de 50 kVA de potencia e r/t 20.000/380-220 V. Rede de baixa tensión de 280 m con conductor R.Z. e apoios de formigón.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da ins

talación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

3. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 10 de maio de 2000, que se publicou no DOG do 19 de xuño no BOP de Ourense do 17 de xuño e no xornal La Región do 25 de maio de 2000.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 1 de outubro de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense