Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 15 de novembro de 2001 Páx. 14.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de outubro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Residencia Tercera Edad de Chantada e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 13 de xullo de 2001 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 30 de xuño de 2001, pola que se clasifica como de interese benéfico-social a Fundación Residencia Tercera Edad de Chantada e se adscribe á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) O mantemento dunha residencia da terceira idade na vila de Chantada; a dotación de material adecuado ó seu funcionamento, conservación de edificios e adquisición de inmobles adecuados para aquel fin.

b) O mantemento de persoal necesario para o funcionamento da residencia.

c) A promoción de actividades conducentes a crear no seo da residencia un ambiente favorable á convivencia dos residentes.

d) Acoller no seo da residencia a tódalas persoas que pola súa idade ou situación especial non dispoñan doutras persoas, medios ou lugares onde poidan ser atendidos.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Residencia Tercera Edad de Chantada, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Residencia Tercera Edad de Chantada no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado canto sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais