Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 14 de novembro de 2001 Páx. 14.681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Consellería de Economía e Facenda e o Instituto Galego de Promoción Económica para a posta en marcha na Comunidade Autónoma de Galicia de centros residenciais para maiores asistidos de iniciativa privada.

Con data do 17 de outubro de 2001 a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Consellería de

Economía e Facenda e o Igape asinaron un convenio de colaboración para apoia-la posta en marcha na Comunidade Autónoma de Galicia de centros residenciais para maiores asistidos de iniciativa privada.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Consellería de Economía e Facenda e o Igape para apoia-la posta en marcha na Comunidade Autónoma de Galicia de centros residencias para maiores asistidos de iniciativa privada, que figura como anexo I a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de colaboracion entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Consellería de Economía e Facenda e o Igape para apoia-la posta en marcha na Comunidade Autónoma de Galicia de centros residenciais para maiores asistidos de iniciativa privada:

En Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2001.

Reunidos:

Dunha banda, José María Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, actuando ó abeiro das facultades que lle concede o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Doutra banda, Xosé Antón Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda e presidente do instituto Galego de Promoción Económica, actuando ó abeiro das facultades que lle concede o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e o artigo 11 da Lei 5/1992, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica,

Expoñen:

Primeiro.-Que as administracións públicas poden asinar convenios de colaboración con outras entidades públicas, segundo dispón o artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

Segundo.-Que o Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 33, lle atribúe á Comunidade Autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado no ámbito da sanidade e os servicios sociais.

Terceiro.-Que o Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autónomo para o apoio ós investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia. Neste sentido as bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (base 4.2, publicada no DOG nº 142, do 23 de xullo de 2001) contemplan a posibilidade para o Instituto de establecer convenios individual ou conxuntamente cos distintos departamentos da Xunta de Galicia e outras institucións públicas co fin de implementar liñas de apoio sectoriais ou de proxectos que teñan a consideración de estratéxicos.

Cuarto.-Que desde a Administración galega considérase prioritario impulsa-la iniciativa privada no ámbito dos servicios á terceira idade.

Na súa virtude, e dada a existencia dun interese coincidente, as partes formalizan o presente convenio de acordo coas seguintes cláusulas:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto establece-las condicións de colaboración entre as consellerías de Economía e Facenda, Sanidade e Servicios Sociais e o Igape para incentiva-los investimentos en infraestructuras dedicadas a centros residenciais para maiores asistidos.

Segunda.-No período 2001-2006, poderanse beneficiar das axudas establecidas neste convenio, ata 20 proxectos de centros residenciais para maiores asistidos, promovidos pola iniciativa privada, que se instalarán no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co mapa de prioridades establecido pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Terceira.-Con cargo a esta liña de axudas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido do 10% do investimento considerado subvencionable, que terá o límite de 900 millóns por proxecto, ós promovidos por empresas privadas prestadoras de servicios sociais destinados á creación e posta en marcha de centros residenciais para maiores asistidos que acrediten a súa viabilidade económica e cumpran as seguintes condicións:

a) Sexan promovidos por sociedades con obxecto empresarial que:

-Teñan por actividade a xestión de centros residenciais para maiores asistidos e proxecten a radicación con carácter permanente dalgún centro en Galicia.

-Acheguen para o proxecto de investimento un autofinanciamento de alomenos o 30% do seu importe, que non poderá ser obxecto de ningunha axuda.

b) Se incardinen no Plan Galego de Persoas Maiores 2001-2006 aprobado pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e así o acrediten mediante informe da dita consellería que se pronunciará sobre a oportunidade desde o punto de vista social de atende-la iniciativa proposta polo solicitante.

c) O centro teña unha capacidade como mínimo de 150 prazas residenciais e un número de cuartos maioritariamente individuais dotados dun servicio hixiénico propio.

d) O proxecto debe ser compatible coa creación dun servicio de atención diúrna/ centro de día para maiores.

e) A concepción arquitectónica deberá contribuír a: potencia-la autonomía física, respecta-la privacidade, acada-la seguridade psíquica, atender a criterios de concepción socio-recreativa do centro e facilita-lo labor do persoal polo que atinxe ó desenvolvemento das súas funcións.

Cuarta.

1. Os conceptos subvencionables, a presentación das solicitudes e tramitación dos expedientes, recursos, obrigas dos beneficiarios, incidencias no proxecto, xustificación, aboamento das subvencións, incumprimento, incompatibilidades, control das axudas, restriccións ó dereito ó acceso a arquivos e rexistros e sentido do silencio administrativo seguirán a regulación establecida nas bases 5ª e da 7ª a 23ª reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (DOG nº 142, do 23 de xullo).

2. Con carácter previo á súa resolución, o Igape solicitará o informe da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais respecto á localización e as características asistenciais do proxecto proposto, que deberá ser favorable para a concesión da axuda.

Quinta.-As solicitudes de axuda que se establecen nesta cláusula deberán presentarse no Igape de acordo co modelo establecido no anexo I e coa documentación que se especifica no anexo II deste convenio.

Sexta.-A contribución do Igape elevarase ata un máximo de 1.800 millóns de pesetas, que será financiado con cargo a aplicación orzamentaria 02.01.01.03.09.656700, nos seguintes exercicios:

Ano 2001: 450 millóns de pesetas.

Ano 2002: 450 millóns de pesetas.

Ano 2003: 450 millóns de pesetas.

Ano 2004: 450 millóns de pesetas.

No caso dos expedientes que non puideran ser resoltos favorablemente por falta de crédito e unha vez habilitado no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reitera-la súa solicitude, computándose a

data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Sétima.

1. Unha vez que os centros residenciais subvencionados obteñan o permiso de inicio de actividades, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprométese a subscribir cos seus titulares convenios de reserva e ocupación de prazas, de tipoloxía asistida, de aproximadamente un 40% da capacidade asistencial de cada residencia, coa finalidade de incrementa-la cobertura da rede asistencial pública.

A colaboración terá unha vixencia aproximada de trinta anos e un prezo estimado de 6.000 pesetas praza/día (impostos incluídos), revisable anualmente segundo as variacións que experimente o IPC galego.

2. Estes concertos financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212B.228, nos seguintes exercicios:

Ano 2003: 756.000.000 de pesetas.

Ano 2004: 1.260.000.000 de pesetas.

Ano 2005: 1.764.000.000 de pesetas.

Ano 2006: 2.016.000.000 de pesetas.

Oitava.-Para os efectos de velar polo cumprimento do estipulado neste convenio, créase unha comisión de seguimento que estará composta polo director xeral de orzamentos en representación da Consellería de Economía e Facenda, o director xeral de Servicios Sociais en representación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. Esta comisión, que se reunirá a petición de calquera das partes, será o mecanismo de actuación conxunta para garanti-la efectividade do convenio.

Novena.-A vixencia deste convenio estenderase desde o día seguinte ó da súa sinatura e ata o 31 de decembro de 2006.

Décima.-Serán causas de resolución do convenio, o mutuo acordo das partes e o incumprimento das cláusulas contidas nel.

Décimo primeira.-Este convenio ten a natureza dos previstos no artigo 3.1º c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e o seu réxime xurídico virá determinado polas estipulacións previstas no propio convenio e polos principios xerais resultantes da citada lei.

E en proba de conformidade e para a debida constancia do pactado, asinan o presente convenio, por triplicado exemplar, e en tódalas follas, no lugar e data do principio indicados.

Pola Consellería de Economía e Facenda e do Instituto Galego de Promoción Económica, Asdo.: José Antonio Orza Fernández.

Pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Asdo.: José Mª Hernández Cochón.