Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 09 de novembro de 2001 Páx. 14.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2001 pola que se convoca unha xornada sobre o voluntariado de protección civil e a súa colaboración nas emerxencias.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de Creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunha xornada sobre o voluntariado de protección civil e a súa colaboración nas emerxencias, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Un dos colectivos cunha presencia activa na acción voluntaria desde hai máis de dez anos, é o voluntariado de protección civil; isto, por si só, xustifica e fai necesarios encontros e intercambios que motiven e potencien o seu coñecemento e a súa actividade, facilitando a posta en común de ideas e experiencias. Se, ademais, engadimos que o 2001 foi proclamado o Ano internacional do voluntariado, isto é razón de máis para a convocatoria desta xornada.

Por outra banda, trataranse temas de discusión e análise que poden incidir no presente e futuro do voluntariado de protección civil de Galicia, tanto desde o punto de vista do mesmo colectivo como desde as institucións.

Segunda.-Destinatarios.

A xornada vai dirixida ó voluntariado de protección civil de Galicia en xeral.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este encontro será de 300.

2. Duración e data: a xornada desenvolverase durante o día 22 de novembro de 2001, en xornada de mañá e tarde.

O horario será o seguinte: de 9 a 14 horas e de 16.30 a 19.30 horas.

3. Lugar: a xornada terá lugar no salón de actos da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nesta xornada deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc., á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse entre outros os seguintes temas:

a) Normativa sobre protección civil.

b) Agrupación de voluntarios nas grandes cidades.

c) Agrupación de voluntarios nas pequenas vilas.

d) O servicio galego do voluntariado.

e) Os grupos municipais de intervención rápida.

f) A central de emerxencia do 112, a súa operatividade día a día nas emerxencias e a súa colaboración coas AVPC.

g) A protección civil de Galicia e as AVPC.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 19 de novembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate da xornada entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento da xornada para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 18 de outubro de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade