Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 09 de novembro de 2001 Páx. 14.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 285/2001, do 8 de novembro, polo que se acorda a intervención administrativa da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia establece no seu artigo 1.2 que as confrarías de pescadores quedan suxeitas á tutela da administración pública galega, que será

exercida a través da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

En desenvolvemento da citada norma, dictouse o Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, que regula no seu artigo 2 a suxeición das confrarías á tutela da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, comprendendo esta tutela o control de legalidade e a resolución dos recursos administrativos contra os actos dos pósitos.

Detectadas irregularidades nas contas da Confraría de Noia esta foi requirida sobre a obrigatoriedade do cumprimento da lexislación vixente en materia contable, sen que eses requirimentos foran atendidos.

En exercicio das súas funcións de tutela, e ante a situación de anormal funcionamento da Confraría de Noia, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura encargou a realización dun informe especial sobre as contas anuais da citada corporación dos anos 1996-2000.

Do citado informe dedúcense unha serie de feitos consistentes na non presentación das contas anuais adaptadas ó Plan Contable das Confrarías de Pescadores e a existencia dunha débeda da confraría por un importe de 394.975.000 pesetas, o que supón un grave desequilibrio patrimonial, que lle impide facer fronte ás súas obrigas de pagamentos e que supón que se atope nunha situación de quebra técnica.

Esta situación anormal da confraría, motivou que por parte da propia confraría se solicitara a intervención administrativa da súa Administración pola dificil situación económica e o grave perigo de desaparición ou disolución da confraría afectada.

Ante a situación patrimonial tan grave que está atravesando a confraría de pescadores de Noia, e que pon en perigo a súa existencia e dada a conveniencia para o interese social da continuidade da confraría, por razón das importantes funcións que como corporación de dereito público realiza, cómpre a adopción da medida prevista no artigo 37.2º do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, e, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Decreta-la intervención administrativa da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia como consecuencia da súa grave situación económica e patrimonial, que poñen en perigo a súa existencia como corporación de dereito público, ó abeiro do disposto no artigo 37 do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

Artigo 2º

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura procederá ó nomeamento de interventor que terá entre outras funcións:

a) Autorizar calquera tipo de xestión económica, pagamentos ou cobros que desenvolva a citada confraría.

b) Inspecciona-los libros contables e demais documentación que incida na actividade económica da confraría.

c) Informa-la Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de canto importante ocorra respecto á citada confraría e ós seus negocios para que se adopten as resolucións que procedan en defensa e protección dos intereses dos socios da confraría.

Artigo 3º

A Confraría de Pescadores non poderá realizar ningún acto de contido económico e patrimonial sen previo coñecemento e autorización do interventor.

Artigo 4º

Esta intervención estenderase durante o prazo de seis meses; non obstante, se finalizado o antedito prazo non estivera restablecida a situación económica da confraría, este poderá ser prorrogado por un período igual de seis meses, mediante orde do conselleiro competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, logo de informe motivado do interventor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas normas complementarias sexan precisas para a mellor aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura