Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 09 de novembro de 2001 Páx. 14.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de outubro de 2001 pola que se anuncia a convocatoria para presentar proxectos de fomento do uso do galego e de formación para os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros públicos de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo e 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

Por todo isto, e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo aqueles proxectos de fomento do uso do galego e de formación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.

1. A presente orde ten por obxecto anuncia-la convocatoria para presentar proxectos de fomento do uso do galego e de formación destinados ós equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de Galicia, durante o curso 20012002.

2. Os proxectos e os traballos para os que se soliciten incentivos faranse consonte os contidos establecidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos considerados nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324 e 374/1996, respectivamente).

Segundo.-Nos proxectos de fomento do uso do galego e de formación atenderase preferentemente:

1. A satisface-los gastos de adquisición e/ou elaboración de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego.

2. A organizar programas e actividades que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Terceiro.-A concesión de incentivos ós proxectos de fomento do uso do galego estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución, tal e como se establece na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gastos, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000.

Cuarto.-A contía concedida a cada proxecto non poderá supera-la cantidade máxima de 300.000 (trescentas mil pesetas).

Quinto.

1. Para acceder a estes incentivos será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996 e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á Inspección Educativa.

2. Non poderán ser dotados de asignación económica ningunha aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas que lles fosen concedidas para o ano académico 2000/2001, ó abeiro da Orde do 2 de febreiro de 2001 (DOG nº 31, do 13 de febreiro), ou que non cumpran o sinalado no epígrafe 6º.4 desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste punto, será a Inspección Educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no epígrafe 6º desta orde o informe relativo a cada centro.

Sexto.

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do epígrafe 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén en anos anteriores. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números editados.

4. As actividades previstas no proxecto faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición

adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

5. No caso de que o centro fixese outras solicitudes para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

6. De observarse algunha falta na documentación, antes de realiza-la proposta de resolución, poráselles de manifesto ós solicitantes, para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presenta-los documentos que estimen pertinentes.

Sétimo.-Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector ou inspectora de Educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario.

Oitavo.-Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de asignación de contías ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Noveno.

1. As comisións de selección terán en conta a calidade do proxecto e o número de alumnos do centro para a concesión de incentivos ós proxectos de fomento do uso do galego.

A calidade do proxecto será avaliada en tres tramos, de maior a menor, A, B, C, en función de:

-Nº de actividades previstas polo centro para fomenta-lo uso da lingua galega.

-Repercusión das actividades no incremento do uso da lingua galega.

-Custo e dificultade da actividade.

O número de alumnos valorarase en cinco tramos, organizados de maior a menor: A) máis de 600 alumnos; B) de 400 a 600 alumnos; C) de 200 a 400 alumnos; D) de 100 a 200 alumnos; E) menos de 100 alumnos.

2. Excluiranse aquelas solicitudes que non se reciban dentro de prazo.

3. A percepción doutros incentivos para os mesmos proxectos poderá reduci-la contía que recibiría por esta orde, de xeito que o conxunto de incentivos non supere os gastos totais do proxecto.

Décimo.-Antes do 31 de xullo de 2002, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de Normalización Lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha memoria das actividades realizadas durante o último trimestre do ano 2001 e nos tres primeiros trimestres do ano 2002 para as que se lle concedeu a asignación económica.

2. Facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos totais de material.

3. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios, selada e asinada pola entidade financeira correspondente.

Décimo primeiro.

1. O pagamento dos incentivos concedidos farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal e como se indica no epígrafe 10º.

2. O importe dos incentivos non será superior ó 100% dos gastos que leve consigo a realización do proxecto.

Décimo segundo.-O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11º do Decreto 247/1995.

Décimo terceiro.

1. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto, ós que fai referencia o epígrafe 10º, no prazo sinalado, poderá ser causa de revogación do incentivo concedido e producirá como efecto a denegación dela para o ano seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

2. O incumprimento total ou parcial dos proxectos poderá anular ou modifica-la contía do incentivo concedido.

3. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a súa concesión e en todo caso a obtención concorrente de incentivos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria