Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 08 de novembro de 2001 Páx. 14.429

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre a problemática a nivel local das instalacións de telefonía móbil e doutras conduccións enerxéticas e de telecomunicacións.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local e coa Revista del Derecho de las Telecomunicaciones e Infraestructuras (Redeti), unhas xornadas sobre a problemática a nivel local das instalacións de telefonía móbil e doutras conduccións enerxéticas e de telecomunicacións; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Son sobradamente coñecidos os múltiples problemas que, desde variadas vertentes (técnicas, xurídicas, sanitarias, preservación dos intereses dos cidadáns, etc.), suscitan os modernos avances tecnolóxicos, como son os xurdidos na actualidade co tan debatido e polémico caso das antenas de telecomunicacións móbiles e dos tendidos das redes de cable e eléctricos aéreos.

Non parecen ser poucas as dificultades á hora de afrontar estas situacións conflictivas, especialmente para os gobernos locais, sen dúbida por razón da súa inmediatez, sen esquece-la incidencia que tamén representan para outros organismos públicos implicados nesta cuestión.

En síntese, preténdese con estas xornadas ofrecer unha ampla visión do panorama actual da materia delimitada, da problemática que comporta e as solucións a esta segundo a experiencia acumulada.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Urbanismo e telecomunicacións: un problema competencial.

-As redes de cable nos concellos: equilibrios xurídicos nun contorno liberalizado.

-Antenas de telecomunicación e medio ambiente urbano. Papel das autoridades locais.

-Utilización do dominio público local polos operadores dos servicios de telecomunicacións.

-Os concellos fronte ós campos electromagnéticos.

-Presentación da ordenanza-tipo de instalacións de telefonía móbil, elaborada pola Fegamp.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP os días 20 e 21 de novembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 16 de novembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 19 de novembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública