Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 08 de novembro de 2001 Páx. 14.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, pola que se emprazan os interesados no recurso contencioso-administrativo, procedemento especial de dereitos fundamentais número 6/2001, interposto por Alimentos Breogán, S.A.

A indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, organismo de natureza administrativa dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, recibiu do Xulgado do Contencioso-Administrativo número catro da Coruña providencia pola que se admite a trámite o recurso contencioso-administrativo para a protección dos dereitos fundamentais número 6/2001, interposto por Alimentos Breogán, S.A., contra o acordo do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega polo que se procede á suspensión cautelar, como medida de carácter provisional e precautoria, do uso da IXP Ternera Gallega á entidade Alimentos Breogán, S.A., co obxecto de evitar prexuízos graves á IXP Ternera Gallega, ós seus inscritos e ós consumidores.

O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega tamén acordou a incoación do expediente sancionador número 2/2001 á entidade Alimentos Breogán, S.A., pola manipulación das etiquetas de certificación da IXP Ternera Gallega, unha vez colocadas polos veedores do Consello Regulador, e uso indebido destas noutras carnes, así como pola circulación e comercialización de carnes amparadas pola IXP, desprovistas de parte das etiquetas de certificación e dos certificados de garantía colocados polos vedores do Consello Regulador.

En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data e de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, a remisión do correspondente expediente administrativo ó devandito xulgado, o que se notifica para xeral coñecemento de tódolos interesados no procedemento, e se emprazan para que poidan comparecer como parte nos autos, en legal forma, mediante procurador e avogado ou só mediante avogado con poder para o efecto, no Xulgado número catro do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de 5 días contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, facéndolles saber que, de compareceren fóra do indicado prazo, teráselles por parte, sen que por iso deba retrotraerse nin interromperse o curso do procedemento, e se non comparecesen oportunamente, continuará o procedemento polos seus trámites sen que proceda practicarlles notificación de ningunha clase.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2001.

Secundino Grobas Mosquera

Director xeral de Industrias e Alimentación