Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Luns, 05 de novembro de 2001 Páx. 14.251

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA

PROBAS de selección de persoal non sanitario.

En cumprimento do establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, a Dirección da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira anuncia a convocatoria de probas de selección de persoal non sanitario co fin de proceder á cobertura das prazas que máis abaixo se relacionan.

Na súa virtude, a Dirección da Fundación fai pública a convocatoria de selección para a cobertura inicial dos seguintes postos de traballo: 1 praza de técnico de contabilidade (Ref. TCON), 1 praza de responsable de administración (Ref. RADMON), 1 praza de responsable de sistemas de información e xestión de pacientes (Ref. RSI), seguindo as seguintes bases:

Titulación:

-Técnico de contabilidade: licenciatura ou diplomatura universitaria (preferiblemente en ciencias económicas ou empresariais).

-Responsable de administración: licenciatura ou diplomatura universitaria (preferiblemente en ciencias económicas ou empresariais).

-Responsable de control de xestión e sistemas de información sanitaria: licenciatura universitaria (preferiblemente en ciencias económicas e empresariais ou medicina e cirurxía).

Experiencia e formación:

-Técnico en contabilidade: formación e/ou experiencia en xestión contable e financeira. Formación posgrao. Valorarase experiencia en entidades públicas hospitalarias.

-Responsable de administración: formación e/ou experiencia en administración e xestión. Máster en administración de empresas ou semellante. Valorarase experiencia en entidades públicas hospitalarias.

-Responsable de sistemas de información e xestión de pacientes: formación e/ou experiencia en direc

ción e xestión de equipos de traballo en ámbito hospitalario, organización e coordinación de proxectos, deseño e implantación de sistemas de información e uso de aplicacións informáticas. Valoraranse coñecementos e formación en xestión da calidade.

Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto no Estatuto dos traballadores e farase mediante contrato indefinido.

Procedemento de selección: consistirá nunha proba eliminatoria sobre a especialidade profesional correspondente e posterior entrevista persoal con valoración de méritos relativos a formación e experiencia. A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

Puntuación final e aspirantes seleccionados: coa suma das puntuacións outorgadas confeccionarase a lista final por orde de puntuación acadada por cada aspirante, resultando seleccionado o aspirante de máxima puntuación.

Se se considerase que os candidatos nalgunha das prazas no reunisen os requisitos mínimos, declararase deserta a convocatoria.

Igualmente, se se modificase a necesidade de cobertura das citadas prazas, a dirección da fundación poderá modifica-lo número de prazas que haxa que seleccionar dentro de cada unha das categorías convocadas.

Inicio das probas: as probas non serán realizadas antes dun mes contado desde a data de publicación desta convocatoria no DOG.

Solicitude de participación: os aspirantes deberán remitir o seu currículum vitae detallado, con acreditación documental dos méritos alegados, á Dirección de Xestión, Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, domiciliada en Lg./Recheo, s/n. Paseo Marítimo 15270 Cee-A Coruña, no prazo non prorrogable de 20 días naturais, contados desde o mesmo día da publicación deste anuncio no DOG, indicando no sobre a referencia correspondente, logo do pagamento da cantidade de 5.000 pesetas, do que achegará xustificante de pagamento, en concepto de dereitos de exame, que se ingresarán na conta do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria (BBVA) nº 0182-5947-11-001011112/4.

Teléfono de información: 981 70 61 87.

Incorporación: a formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades de posta en funcionamento dos correspondentes servicios do hospital.

Cee, 11 de outubro de 2001.

José Rey Aneiros

Director da Fundación Pública do Hospital

Virxe da Xunqueira