Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 02 de novembro de 2001 Páx. 14.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para os traballadores de recollida do lixo do Concello de Redondela adscritos á empresa Urbaser, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para os traballadores de recollida do lixo do Concello de Redondela adscritos á empresa Urbaser, S.A., con nº de código 3603081, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-9-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 30-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de setembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para os traballadores da recollida

do lixo do Concello de Redondela adscritos

á empresa Urbaser, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afecta a todo o persoal do lixo do Concello de Redondela adscrito á empresa Urbaser, S.A

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de tres anos, a partir do 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro do ano 2003. Non obstante, seguirase aplicando ata a sinatura do novo convenio que o substitúa. Entrará en vigor no momento da súa sinatura.

O presente convenio considérase automaticamente denunciado unha vez rematada a vixencia prevista. sen necesidade de aviso.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores verbo do presente convenio, subsistirán para aqueles que as veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas teña que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 4º.-Absorción.

As melloras económicas contidas no seu conxunto no presente convenio compensarán ou absorberán aquelas melloras que se teñan producido voluntariamente e que veñan así cualificadas na nóminas polas empresas desde a sinatura do último.

Artigo 5º.-Comisión mixta paritaria.

Estará formada por 2 representantes da parte económica e 2 da parte social. Ambas partes poderán contar con asesores e reuniranse por instancia de calquera delas, cantas veces sexa necesario debendo ter lugar a reunión dentro das 72 horas seguintes á convocatoria.

As súas funcións serán:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas desta convenio.

b) Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor

do presente convenio que puidesen afectar ó seu contido.

c) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente no organismo competente.

A comisión mixta deberá emiti-lo seu informe nun prazo máximo de 72 horas, a partir da realización da reunión.

As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstruirán en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lei.

Condicións de traballo

Artigo 7º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada anual de 1.575 horas de traballo efectivo, que corresponden a unha xornada diaria de 7 horas de traballo efectivo (incluídos 20 minutos de bocadillo).

A xornada de traballo do servicio de recollida distribúese de luns a sábado. Os días 24 e 31 de decembro non se realizará o servicio de recollida.

Artigo 8º.-Descanso.

Os traballadores desfrutarán dun día de descanso semanal rotatorio, para o que a empresa elaborará o correspondente calendario de libranzas con carácter mensual. Este día de descanso aboarase igual que un día efectivamente traballado.

Se o día de descanso coincidira cun festivo non laborable, a empresa comunicará ó traballador, cunha semana de antelación, o día en que desfrutará o descanso dentro da mesma semana, sen que esta modificación varíe a quenda establecida.

Os traballadores, no caso que desexen cambia-lo día de desfrute entre persoal da mesma categoría, deberán solicitarllo á empresa por escrito cunha semana de antelación. Calquera outra variación deberá ser autorizada por escrito pola empresa.

Artigo 9º.-Vacacións.

1. Todo o persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función do tempo traballado.

2. As vacacións desfrutaranse durante os meses de xullo e agosto. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable que non sexa nin sábado, domingo, festivo ou día de descanso. A rotación de cada ano establecerase a través dun sorteo público.

3. Os traballadores da mesma categoría profesional poderán cambiar entre si a súa quenda de vacacións, logo de notificación a empresa.

4. O aboamento a partir do ano 2002 farase en función do salario base do convenio, antigüidade, complemento de transporte (máis 6 días) e complemento tóxico. O complemento de transporte aboarase a pro rata do tempo traballado durante o ano. Aboarase, durante o período vacacional anual, a partir do ano 2002 o rateo devengado dos tres últimos meses de complemento nocturno, para aqueles traballadores que o viñeran desfrutando.

5. A empresa concederá o persoal que o solicite o desfrute das vacacións fóra do período establecido neste convenio.

6. Os traballadores que con anterioridade ó período vacacional se encontren en situación de IT, terán dereito ó seu desfrute sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.

7. O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa estará obrigado a lles liquida-la parte proporcional que lles corresponda ós/as traballadores/as no concepto de vacacións.

Artigo 10º.-Licencias.

1. Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores afectados, considérase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

-Matrimonio do traballador/a: 18 días naturais.

-Divorcio: 3 días.

-Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parente que convivan co traballador: 1 día natural.

-Nacemento de fillo: 5 días laborables.

-Falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, pais, fillos (tanto de consanguinidade como afinidade): 5 días naturais.

-Falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización de avós, irmáns, netos, (tanto de consanguinidade como unidade): 4 días naturais.

Se entre o traballador e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia seria de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra de praza.

a) Falecemento de tío: 1 día natural. Se existira convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia sería de 2 días naturais.

b) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

c) Os/as traballadores/as que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído do tempo necesario para concorrer a exames, logo de comunicación do traballador/a á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

As referencias que as letras d) e e) do presente artigo fan á cónxuxe e ó cónxuxe respectivamente, entenderanse feitas, así mesmo, ó compañeiro/a que en situación estable e acreditada conviva co traballador/a.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer de ata quince días de permiso e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

2. Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a unha licencia retribuída polo tempo necesario para asistir a consultorios médicos.

O/a traballador/a que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente á empresa, debendo xustificar, por outra parte, que foi atendido polo facultativo correspondente.

Así mesmo, terán dereito a asistir a consultorio médico con fillos menores ou fillos minusválidos, calquera que sexa idade, cun máximo de tres veces ó mes.

Este punto será de aplicación sempre que a súa xornada laboral coincida co horario da consulta médica, co horario da súa cónxuxe, compañeiro ou compañeira. Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado neste punto.

Artigo 11º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, a empresa completará ata o 100% salario real desde o primeiro día de baixa.

Do mesmo modo complementarase o 100% de salario real desde o primeiro día en caso de accidente in itinere, entendendo como tal aquel que se produce durante o desprazamento entre o domicilio habitual e o centro de traballo, sempre e cando o accidente que derive do feito causante se produza nunha hora (60 minutos) antes do inicio da xornada e ó rematar esta.

No caso de IT, derivada de caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará segundo a seguinte escala:

1. A empresa complementará o 100% de salario real desde o primeiro día de baixa do ano.

2. A empresa complementará o 100% de salario real desde o décimo quinto día para a segunda baixa do ano.

3. A empresa complementará o 100% de salario real desde o vixésimo primeiro día para a terceira e sucesivas baixas do ano.

Artigo 12º.-Roupas de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e incluirá a entrega de dous chalecos reflectantes. A empresa facilitará cada 2 anos as seguintes pezas de roupa.

-Conductores:

Roupa de inverno:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 anorak.

1 roupa de augas.

1 cazadora.

1 gorra.

2 xerseis.

Roupa de verán:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 xersei.

-Peóns:

Roupa de inverno:

3 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 par de botas de auga.

1 anorak.

1 roupa de auga.

1 gorra.

2 xerseis.

1 cazadora.

Roupa de verán:

2 pantalóns.

2 camisas.

1 par de calzado.

1 xersei.

Tres pares de luvas ó mes e un de reserva no camión.

A roupa de verán entregarase ó longo do mes de maio e a roupa de inverno entregarase ó longo do mes de outubro.

Cando, realizando o traballo, a roupa se rompa ou quede inservible a empresa cambiará por outra nova, logo de entrega da peza deteriorada.

Condicións sociais

Artigo 13º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá unha póliza de seguros que garanta as seguintes indemnizacións:

a) No caso de defunción por accidente laboral ou accidente profesional, 2.740.000 pesetas.

b) No caso de incapacidade permanente total para a profesión habitual derivada de accidente laboral ou accidente profesional, 2.406.000 pesetas.

c) No caso de incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, 3.208.000 pesetas.

Para os efectos deste título considérase accidente de traballo e enfermidade profesional o sufrido con ocasión da prestación dos servicios para a empresa incluíndo cando se produza in itinere.

O titular poderá designar ante a entidade aseguradora e por escrito os seus propios beneficiarios.

Artigo 14º.-Bolsa de cancelación diferida.

A empresa comprométese á citación dun fondo de 600.000 pesetas (3.606 euros) para aqueles traballadores que o necesiten poidan solicitar anticipos de cancelación diferida nas seguintes condicións:

A cantidade máxima que se poderá anticipar por traballador non poderá exceder de 150.000 pesetas (901,52 euros).

Estes anticipos deberán solicitarse dentro dos 5 primeiros días hábiles de cada mes, facendo a concesión unha vez aprobada pola comisión paritaria o día 15 do mes no que se solicita.

O anticipo será cancelado nun prazo máximo de doce meses reténdose dos haberes mensuais de cada traballador os importes dos distintos vencementos.

A primeira retención farase efectiva no mes seguinte naquel no que se concede o anticipo.

Se o traballador antes da total cancelación do anticipo causase baixa na empresa sexa o motivo, descontaráselle da liquidación que puidera corresponderlle a cantidade que lle quedara pendente de amortizar. No suposto que non alcanzase, o traballador comprométese a liquida-la cantidade pendente nun prazo máximo de dous meses contados a partir da data pendente da baixa.

Artigo 15º.-Excedencias.

1. O traballador con alomenos unha antigüidade na empresa dun ano, terá dereito a que se se recoñeza unha excedencia voluntaria dun a cinco anos. A empresa reservará o posto de traballo ó traballador en dita situación, concertando para o efecto o contrato de interinidade ou substitución correspondente.

2. Se a excedencia fora solicitada por un prazo inferior a cinco anos, o traballador poderá, logo de comunicación á empresa, prorroga-la anualmente ata consegui-los cinco anos. O traballador avisará á empresa con dous meses de antelación á data prevista para a súa reincorporación ó seu posto de traballo.

3. Este dereito só poderá ser exercido de novo polo mesmo traballador unha vez transcorridos catro anos desde o remate da anterior exdecencia.

4. En todo o non previsto neste artigo aplicarase o establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.

Artigo 16º.-Cobertura pola retirada do carné de conducir.

No suposto da retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará ó conductor afectado a outro posto de traballo conservando a súa categoría e salario durante o prazo que dure a retirada do permiso de conducir. Este artigo será de aplicación no suposto de que a infracción que derive a retirada

do permiso de conducir se produza no desenvolvemento das funcións que lle foran encomendadas. Estes beneficios non terán lugar cando a infracción que derive da retirada do permiso de conducir sexa debida a embriaguez, drogadicción ou exista reincidencia. Ó remate da retirada do permiso de conducir, será reintegrado á súa anterior categoría e posto de traballo.

O resto das categorías que desempeñan as labouras de conductor rexeranse por este artigo.

Artigo 17º.-Saúde laboral.

Dada a importancia que lle recoñecen os asinantes á prevención de accidentes, inclúese este capítulo dedicado a saúde laboral. E considerando de obrigada aplicación ámbalas dúas partes a lexislación sobre saúde laboral, para tal efecto, elixirase un delegado de prevención, co obxecto de velar polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias, así como a posta en práctica do estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 18º.-Medidas de seguridade e hixiene.

A dirección da empresa adoptará as medidas de seguridade e hixiene pertinentes como consecuencia do control do lugar de traballo e as instalacións e instrumentos que pon á disposición dos traballadores.

As medidas de prevención afectarán igualmente os traballadores que se obrigarán a traballar con seguridade e a coidar que os locais e instrumentos de traballo se atopen en perfectas condicións, debendo por en coñecemento do delegado de prevención, ou no seu defecto do delegado de persoal, tódalas anomalías que se detecten para que se adopten as medidas oportunas.

Artigo 18º bis.-Función do delegado de prevención.

1. As funcións do delegado de prevención serán as seguintes:

a) Promove-la observancia das diposicións vixentes para a prevención de riscos profesionais.

b) Fomenta-la colaboración de todo o persoal na práctica e observancia das medidas preventivas e estimula-lo ensino, a divulgación, a propaganda de saúde laboral e riscos laborais, fundamentalmente do representante dos traballadores.

2. A empresa facilitará os medios de propaganda que considere necesarios a través do delegado de prevención, co fin de que todo o persoal estea ó día sobre as recomendacións, obrigas e prácticas en materia de saúde laboral ou prevención de riscos laborais.

Artigo 19º.-Recoñecemento médico e vacinación.

Anualmente faráselles a tódolos traballadores un recoñecemento médico de carácter obrigatorio. O recoñecemento médico consistirá como mínimo en:

-Audiometría.

-Control da vista.

-Análise do sangue.

-Análise de ouriños.

-Espirometría.

-Exploración clínica.

O resultados do recoñecemento médico entregaránselle ó traballador.

A campaña de vacinación consistirá como mínimo no seguinte:

-Vacina contra o tétano.

-Vacina contra a hepatite B con análise de sangue previa.

-Vacina contra a gripe.

Dereitos sindicais

Artigo 20º.-Acción sindical e garantías de cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema aplicarase o disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que, cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberá comunicalo o día anterior, salvo situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

A representación dos traballadores correspóndelle ó delegado de persoal.

Este terá as garantías e competencias establecidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores. Do mesmo xeito seranlle de aplicación as normas sobre sixilo profesional establecidas no artigo 65 do Estatuto dos traballadores.

Ante posibles modificacións substanciais das condicións de traballo efectuadas pola empresa, ó amparo do establecido nos artigos 40 e 41 do Estatuto dos traballadores, a empresa notificará ó delegado de persoal para que nun prazo de tres días presente as alegacións que en dereito estime oportunas antes do aviso ó traballador afectado. No caso de presentación ou non de alegacións, a empresa actuará conforme o establecido na lexislación vixente.

Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para información sindical, que se axustará ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Así mesmo, o delegado de persoal disporá dun crédito de 18 horas sindicais mensuais retribuídas para realiza-lo seu cometido, debendo xustificalas adecuadamente, así como solicitalas cunha antelación mínima de 24 horas, salvo casos excepcionais en que poderá solicitalas fóra do prazo establecido.

Condicións salariais

Artigo 21º.-Salarios.

As retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse

nas táboas salariais anexas para os anos 2001, 2002 e 2003.

O aboamento dos salarios deberá efectuarse o derradeiro día hábil de cada mes.

Os recibos de nómina deberán ser entregados no centro de traballo.

O salario base do persoal afecto a este convenio será o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa. O salario base devengarase por día natural.

Artigo 22º.-Incrementos salariais.

Establécense os seguintes incrementos salariais:

1. Ano 2001: segundo táboa anexa.

2. Ano 2002: incremento salarial do IPC real, que consistirá no IPC previsto do ano 2002 con cláusula de revisión salarial ó IPC real de 2002.

3. Ano 2003: incremento salarial do IPC real que consistirá no IPC previsto do ano 2003 con cláusula de revisión salarial ó IPC real de 2003.

As táboas salariais pertinentes elaboraranse a finais do mes de xaneiro, unha vez coñecidos os IPC reais e o novo IPC previsto. Para tal fin reunirase a comisión paritaria para a realización.

Os atrasos salariais, caso de existiren, aboaranse na nómina de febreiro de cada ano, con efectos retroactivos a un de xaneiro do ano anterior (2002 e 2003).

Artigo 23º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 1 de xaneiro do ano 2002 deixará de devengarse o deslizamento de antigüidade anual, conforme as táboas existentes no ano 2001. Por tal motivo, crearase un complemento chamado de antigüidade, consistente na cantidade que na data de sinatura do convenio viñera desfrutando cada un dos traballadores.

Tódolos traballadores que alcancen 3 anos de antigüidade na empresa e non cobrasen antigüidade terán dereito ó aboamento do citado complemento de antigüidade por importe dun trienio. A cantidade mensual será de 4.695 pesetas (28,22 euros) para peóns e 5.106 pesetas (30,69 euros) para conductores.

Artigo 24º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal na contía, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base do convenio máis complemento de antigüidade, se é o caso.

Estas pagas extraordinarias de xullo e Nadal percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador estivese en situación de IT durante o período de devengo de cada unha delas. As pagas de xullo e Nadal aboaranse entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.

Igualmente percibirán no día 10 de marzo unha paga, na contía dunha mensualidade de salario base de convenio máis a antigüidade, se é o caso. A dita paga haberá de referirse ó ano natural anterior, aboándose a pro rata dos días traballados. Non obstante o anterior, esta paga percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador/a estivera en situación de IT durante o período de devengo da dita paga.

Artigo 25º.-Complemento de transporte.

Os traballadores percibirán un complemento de transporte nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial.

Artigo 26º.-Complemento de asistencia.

Os traballadores percibirán un complemento de asistencia nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial.

Artigo 27º.-Complemento de toxicidade e perigosidade.

Os traballadores percibirán un complemento de toxicidade e perigosidade nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial.

A partir do 1-1-2002 o complemento tóxico suporá unha porcentaxe do 20% do salario base.

Artigo 28º.-Complemento de nocturnidade.

Os traballadores percibirán un complemento de nocturnidade nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial.

A partir do 1-1-2002 o complemento nocturno suporá unha porcentaxe do 25% do salario base.

Artigo 29º.-Festivos traballados.

Os festivos traballados serán aboados na contía de 8.000 pesetas (48,08 euros) para tódalas categorías, ou ben se compensarán en día de descanso, a elección do traballador. Este concepto será cotizable.

Artigo 30º.-Xubilación.

Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, estando as empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar do/a xubilado/a a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Quedará pendente para o vindeiro convenio chegar a un acordo para incorporar premios anticipados por xubilación.

Artigo 31º.-Anticipos.

O persoal que o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo á conta do traballo realizado durante a mensualidade na que o solicita, por importe máximo de ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos concederanse o día 18 de cada mes, solicitados con alomenos 24 horas de antelación.

Outras condicións

Artigo 32º.-Adscrición do persoal.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción do persoal entre quen se sucede, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional do presente convenio, levarase a cabo nos termos indicados no presente artigo e seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

a) En tódolos supostos de remate, perda, rescisión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que levan a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realiza-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigas que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación de persoal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores/as en activo que presten os seus servicios na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo do servicio, sexa cal fora a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores/as con dereito á reserva do posto de traballo que no momento do remate efectivo da contrata teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores/as que con contrato de interinidade, substituirán a algún dos traballadores citados no punto segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores ó remate daquela.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen tendo cumprido 64 anos dentro dos catro últimos meses anteriores ó do remate efectivo da contrata e teñan unha antigüidade mínima dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior

en virtude do Real decreto 1191/1985, do 17 de xullo.

b) Tódolos supostos anteriormente citados deberán ser acreditados verídica e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no artigo 30º, no prazo de dez días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante, ou a saínte, comunique veridicamente á outra empresa o cambio na adxudicación do servicio.

c) Os traballadores que non desfrutaran as vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación as desfrutarán coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá facelo na correspondente liquidación.

d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria, cliente e traballador.

Se o cliente rescindira a contrata a unha empresa para deixar de presta-lo servicio, ou realizalo por si mesmo, operará a subrogación para o propio cliente nos termos sinalados neste artigo.

División de contratas:

No suposto de que unha ou varias contratas das que a actividade vén sendo desenvolvida por unha ou distintas empresas ou entidades públicas se fragmente ou divida en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a ser adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fora a súa modalidade de contrato de traballo, e todo iso mesmo cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 e 5, ámbolos dous inclusive, do artigo 30º e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións e servicios resultantes.

Agrupación de contratas:

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou división daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación do persoal operará respecto de todos aqueles traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses e todo iso mesmo cando con anterioridade prestasen os seus servicios nas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.

Obrigatoriedade:

A subrogación de persoal, así como os documentos que hai que facilitar, operarán en tódolos supostos

de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división destas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, mesmo tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas ou entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e isto mesmo cando a relación xurídica se estableza só entre o que adxudica o servicio por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de persoal, nos termos indicados e con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas á que é obxecto de sucesión.

Documentos que lle deberá facilita-la empresa saínte á empresa entrante:

A empresa saínte deberá facilitar á entrante os seguintes documentos:

-Certificado dos organismos competentes de estar ó día no pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotización á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións. Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o período do seu mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, na que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Artigo 33º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a lles entregar ós/ás traballadores/as fotocopias desta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Artigo 34º.-Asembleas.

Os traballadores dunha mesma empresa terán dereito a reunirse en asemblea, unha vez ó mes por un termo máximo de dúas horas durante a xornada, debéndolle comunicar á empresa a súa realización cunha antelación de 48 horas, salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, na que bastará con avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 35º.-Axuda familiar.

Os traballadores afectados por este convenio que teñan ó seu cargo unha persoa diminuída síquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social, e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial de 6.500 pesetas por doce pagas.

Artigo 36º.-10 de marzo, día da clase traballadora galega.

Este día considérase non laborable e considerarase como festivo.

Se o día coincide en festivo ou en domingo, os traballadores desfrutarán o festivo no día anterior ou posterior.

Ambas partes acordan substituí-lo día do patrono San Martiño de Porres polo día 10 de marzo, día da clase obreira galega.

Artigo 37º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a representación dos traballadores e a central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG).

Pola parte empresarial asina Urbaser, S.A.

Disposición adicional

En todo o non previsto no vixente convenio aplicarase o disposto no convenio xeral do sector, Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente na materia.

ANEXO

Táboa salarial ano 2001

Días ano36527430429827430
CategoríaS. baseAsistenciaTransporteTóxico-perigosoNocturnoPagas marzo, xullo e NadalTotal anual

Enc./Cond.4.204 ptas.223 ptas.580 ptas.828 ptas.1.035 ptas.4.204 ptas.2.680.600 ptas.

E25,27 1,34 3,49 4,98 6,22 25,27 16.110,73

Conductor3.404 ptas.223 ptas.580 ptas.668 ptas.835 ptas.3.404 ptas.2.214.120 ptas.

E20,46 1,34 3,49 4,01 5,02 20,46 13.307,13

Peóns3.130 ptas.223 ptas.580 ptas.613 ptas.767 ptas.3.130 ptas.2.054.649 ptas.

E18,81 1,34 3,49 3,68 4,61 18,81 12.348,69

Festivos traballados: 8.000 pesetas (48,08 E).

Axuda familiar: 6.500 pesetas (39,07 E)