Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 31 de outubro de 2001 Páx. 14.110

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se fixan as normas do sorteo de permisos de pesca en coutos para a temporada de 2002.

De conformidade co establecido no artigo 34 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), correspóndelle a esta dirección xeral fixa-las normas que rexerán o sorteo de permisos de couto para pescadores.

Para a temporada de pesca do 2002 as normas do sorteo de permisos serán as seguintes:

-As solicitudes presentaranse antes das 14 horas do 15 de novembro no rexistro do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural que corresponda, ou mediante os procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-Os solicitantes soamente poderán figurar nunha solicitude persoal ou de grupo, segundo o caso, para os sorteos de troita e reo ou de salmón. Tódalas solicitudes faranse de xeito persoal e a estas terase que xuntar unha copia do documento nacional de identidade. Os peticionarios dunha mesma solicitude deberán obter permisos para os mesmos lotes ou coutos de pesca, tanto nas solicitudes de salmón como nas de troita e reo. As solicitudes serán de ámbito provincial.

-En cada Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural estarán á disposición dos pescadores os correspondentes modelos de solicitude.

-O sorteo terá lugar nos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural o día 26 de novembro.

-A hora do sorteo será a das 12 horas do día 26 de novembro de 2001.

-O sorteo será público e consistirá na extracción dun número. O solicitante a quen corresponda ese número será o primeiro en elixi-lo día e o lugar de pesca, continuándose por orde correlativa, e de selección de permisos e outras normas complementarias serán establecidas por cada Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e expostas no taboleiro de anuncios de cada Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente.

-A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual de pesca continental para a temporada 2002. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, excepto no caso concreto de que se prohíba a práctica de pesca na data ou no couto obtido.

-Os solicitantes serán notificados respecto do día e a hora en que poderán elixi-los permisos, por si ou mediante representante acreditado. Unha vez efectuada a elección aboarán o importe dos permisos e, despois da exhibición da licencia de pesca, seranlles expedidos ó seu nome ou ó dos seus representados. Estes permisos terán a condición de persoais e intransferibles.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2001.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural