Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de outubro de 2001 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Dorzán.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Dorzán, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito.

1. Juan Ramón Álvarez Blanco como presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o día 11 de maio de 2001 ante o notario Enrique Hernanz Vila, co número novecentos dez do seu protocolo por Elena Mercedes Blanco Corral, Juan Ramón Álvarez Blanco, Secundino Vidal Rodríguez e José Manuel Freire Couto; que interveñen no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do vintecatro de setembro de dous mil, un outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo mil oitocentos cincuenta.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é cubrir necesidades sociais con especial relevancia nas de axuda e asistencia ó colectivo de anciáns e as accións que deriven de tal asistencia.

4. O padroado da fundación estará integrado por Juan Ramón Álvarez Blanco como presidente, Secundino Vidal Rodríguez como secretario e María Luz López González, Pilar Pascual García e José Manuel Freire Couto como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elévalle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Dorzán, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de outubro de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Dorzán adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública