Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Luns, 29 de outubro de 2001 Páx. 13.988

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 2 de outubro de 2001 do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e polo Concello de Caldas de Reis.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 19 de xuño de 2001.

O obxecto define as obras necesarias para executa-la selaxe e clausura do vertedoiro de Caldas de Reis (Pontevedra), que se atopa no lugar denominado Os Páramos, parroquia de Bemil. A uns 640 m ó sur do vertedoiro atópase o núcleo de poboación de Bemil e a mesma distancia en dirección sureste o de Aboi. A 220 m localízase a estrada N-550.

O vertedoiro sitúase a uns 115 m de altitude sobre unha ladeira de elevada pendente, estando a parte superior nivelada para permiti-lo acceso de camións. Os residuos presentes son RSU (bolsas de plástico, vidro, latas, bidóns, restos orgánicos, restos de animais mortos, etcétera) e residuos industriais potencialmente inertes (serradura, cintas metálicas, papel, etcétera) que se verteron sobre o terreo natural

e foron periodicamente incinerados. O volume estimado de residuos é de 26.700 m. No proxecto indícase que para alberga-lo volume previsto de residuos é necesario ocupar, ademais da superficie actual do vertedoiro, unhas parcelas adxacentes que vai adquiri-lo concello.

O aproveitamento do solo é maioritariamente de laboreo intensivo de cultivo de secaño nas zonas agrícolas, con presencia de eucalipto nas forestais. Nas proximidades do núcleo urbano aparecen formacións arboradas dispersas de piñeiros e na zona sur do vertedoiro existe un pequeno bosque de carballos.

Proxéctase a instalación dun peche perimetral e cartel de clausura, a retirada dos aceites, o acondicionamento da morfoloxía do vertedoiro, a selaxe, a drenaxe e o control da escorrega superficial, a recolla e tratamento de lixiviados e a recolla e evacuación de gases.

Co obxecto de rexenera-la zona do vertedoiro actual prevese realizar unha sementeira coa seguinte mestura de especies herbáceas: Agrostis capilaris (agrosta), Avenula sulcata, Festuca sp. e Anthoxanthum odoratum (herba balestra). Ademais realizarase a plantación das seguintes especies arbustivas: Genista cinerea (xesta), Viburnum tinus, Crataegus monogyna (escambrón), Juniperus cummunis (ximbro), Ulex galli o europaeus (toxo), Erica cinerea (queiruga) e Cytisus striatus (xesta).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis (Pontevedra) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 20 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Pontevedra recíbese con data do 23 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 10 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública. Non tendo constancia da emisión do informe no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Caldas de Reis.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Caldas de Reis, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Caldas de Reis. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos:

-Estudio de impacto ambiental da clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis. Xuño 2001,

-Aclaracións ó estudio de impacto ambiental da clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis. Setembro 2001,

E tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Caldas de Reis (Pontevedra).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nas chemineas de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Tendo en conta que o vertedoiro se atopa a uns 150 m do río Bermañá, segundo o plano de situación, para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados no depósito durante o mantenemento posterior á clausura, retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha planta de tratamento autorizada.

Os aceites acumulados na balsa serán recollidos e entregados a un xestor autorizado.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, ademais deberá impedirse a entrada das augas de escorrega superficial exteriores ó vertedoiro. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e se restrinxa o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Debido á elevada pendente do terreo onde se localiza o vertedoiro, no movemento de residuos disporanse os medios necesarios para evita-la caída de residuos ladeira abaixo.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para a selaxe do vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que hai que revexetar empregarase, como mínimo e de acordo co proxecto, unha dose de sementes de 200 kg/ha. Nesta mestura deberá substituírse un 20% como mínimo das herbáceas indicadas por especies leguminosas. No caso da plantación de arbustivas a dose será de 0,9 unidades/m.

As especies que se utilizarán na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e a reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase a realización dun peche perimetral cun acceso, a este respecto, deberá asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento. Débese limita-la entrada polo acceso só a persoal autorizado.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que hai que remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que hai que realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a unha escala na que se observe claramente a superficie que se vai selar e dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano irá acompañado de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos aceites da balsa.

f) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 5 (programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio ambiental), debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

b) Engadir na analítica dos lixiviados os seguintes parámetros: sólidos en suspensión totais, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, nitratos, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Co fin de controla-la calidade das aguas superficiais, tomaranse mostras en dous puntos do río Bergamañá, un augas arriba do vertedoiro e outro augas abaixo, analizándose os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados

os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Caldas de Reis poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó Concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta dirección xeral.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se

obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónLugar dos Páramos, parroquia de Bemil, concello de Caldas de Reis

Superficie que se vai selar13.800 m

Volume de residuos que se van selar26.700 m

Tipos de residuosRSU e residuos industriais

Tipo de vertedoiroEn ladeira

Duración do vertedoiroDesde 1973

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonDepósito de traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 7 chemineas

TratamentoNonExtracción pasiva

PluviaisGabias de recollaNonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeNonSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Subbase capa de impermeabilización. Capa de drenaxe de gases20 cm de saburra

Capa de impermeabilizaciónBentonita con dúas capas exteriores de xeotéxtil

Capa de drenaxeXeomalla termoligada a un xeotéxtil

Capa de cobertura50 cm de terra e 30 cm de terra vexetal aboada

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

* Control da contaminación acústica e atmosférica:

-Revisións periódicas á maquinaria de obras para garantir que se cumpra a lexislación vixente en materia de emisión de contaminantes, tanto gasosas como acústicas.

-Manter húmida a superficie dos camiños de acceso madiante regas periódicas cando as condicións atmosféricas así o requiran, principalmente en época de estiaxe.

* Medidas para minimiza-lo impacto sobre o solo:

-Para a preparación de accesos, zona de amoreamento de materiais, caseta de obra e calquera outra instalación debe realizarse unha compactación mínima do solo que permita a recuperación do terreo unha vez rematada a obra.

-Ó finaliza-la obra, o contratista deberá desmantela-la caseta temporal, zona de almacenamento e demais instalacións temporais, retira-los entullos e restaura-la paisaxe.

-No caso de derrames accidentais de lubricantes, combustibles, aceites hidráulicos, etcétera, os solos contaminados deben ser limpados axeitadamente.

* Sistema de recolla de augas de escorrega potencialmente contaminadas:

-Diques e gabias ó largo do perímetro do vertedoiro, para a intercepción das augas de escorrega potencialmente contaminadas e a súa desviación á balsa de lixiviados. Utilizaranse tamén para evita-la erosión dos noiros construídos recentemente, ata que estes se estabilicen mediante a revexetación.